23/9/15

A emigración galega a Madrid aumentou un 40% na última década

"Os motivos son diversos, se cadra case tantos como persoas, e as explicacións van dende unha oportunidade de "mobilidade exterior" ata unha consecuencia inevitable da ausencia de horizonte vital e laboral pasando pola hiperbólica definición como "exilio". 

Sexa como for, o certo é que en Galicia séguese a emigrar e faise, sobre todo, a outros puntos do Estado, aínda que a cifra de persoas que colleron a maleta cara ao resto do mundo foise aproximando notablemente durante a crise ao volume de poboación que estableceu a súa vida noutra comunidade autónoma. 

Dentro deste datos procesados polo Instituto Galego de Estatística algunhas tendencias destacan sobre as demais, como o aumento de ata un 40% da emigración galega a Madrid durante a última década.

Aínda que a estatística oficial non recolle absolutamente todos os movementos migratorios -é posible, por exempo, marchar a outra autonomía pero manter a inscrición no padrón e mesmo no censo en Galicia- si pode ser unha boa radiografía do acontecido, especialmente dende o inicio das dificultades económicas. 

Os números indican, por exemplo, que en plena bonanza económica marchaban de Galicia cara a Madrid unhas 3.000 persoas ao ano, cifra que, por exemplo, era superada pola da poboación que se dirixía a Canarias, que naquela demandaba man de obra en sectores como o da construción.

 Durante o pasado 2014 a emigración galega ao estranxeiro descendeu un chisco -rexistrouse a marcha dunhas 10.200 persoas, un 12% menos que en 2013- pero aumentou un 4% o fluxo cara a outros puntos do Estado ata as 19.200 persoas. Dúas de cada cinco persoas que marcharon a outra comunidade autónoma fixérono cara a Madrid, con 4.500 emigracións. Os seguintes territorios que máis poboación galega recibiron foron Canarias, con 2.569, e Catalunya, con 2.528

 Este retrato da emigración galega en canto a magnitudes e destinos permite chegar tamén a unha conclusión adicional: que os movementos migratorios seguen a ser, ao contrario do afirmado dende instancias oficiais como a Xunta, unha das fontes de perda de poboación do país. Esta afirmación susténtase nos saldos migratorios, isto é, na diferenza entre o número de persoas que marchan e as que veñen vivir a Galicia.

En toda a serie estatística dispoñible no IGE -retrocede ata 2002- este saldo era positivo para Galicia, xa que a afluencia de inmigración estranxeira permitía compensar os galegos e galegas que marchaban, xa fose a outros territorios do Estado ou do mundo. 

Pero a tendencia mudou en 2013, cando marcharon máis persoas das que viñeron tanto con relación ao Estado como co resto do mundo. En 2014 o saldo co estranxeiro é positivo, xa que os inmigrantes foron 85 máis que os emigrantes, pero a forte diferenza entre emigracións e inmigracións con relación a España fai que o saldo total volva ser negativo, neste caso de 2.279 persoas.

 Todos estes datos permiten concluír que dende o inicio da crise marcharon de Galicia máis de 200.000 persoas, a un ritmo case constante dunhas 28.000 ao ano dende 2007. Esta cifra débese, en boa medida, á marcha de persoas de orixe estranxeira que inmigraran ao país en anos anteriores. Así, por exemplo, no ano 2014 foron 20.712 as persoas nadas no estranxeiro que deixaron de vivir en Galicia."         (David Lombao  , Praza Publica)

No hay comentarios: