"As augas de Galicia recibiron nos últimos anos
novas especies de crustáceos, moluscos e de diferentes filos zoolóxicos
de invertebrados nunca antes observados aquí. Os expertos apuntan a un
proceso de "tropicalización" polo quentamento dos océanos.
As dúas
últimas identificadas e descritas polo Grupo de Estudo do Medio Mariño
son o lagostino e o cangrexo azul, este último, especialmente agresivo e
cuxa expansión tería consecuencias ecolóxicas e económicas
"inimaxinables", alertan os científicos do GEMM, que lamentan a
pasividade das autoridades.
A fauna mariña das rías galegas está mudando nos últimos anos. A
presenza de especies exóticas e invasoras nunca vistas antes nas nosas
augas está sendo descrita para a ciencia polos investigadores. Dende
crustáceos e moluscos inéditos, até especies de diferentes filos
zoolóxicos de invertebrados insólitos nas rías de Galicia, son xa
habituais os achádegos que están sorprendendo á comunidade científica.
Dous dos últimos máis salientables son o lagostino e, sobre todo, o
cangrexo azul, este último especialmente agresivo e perigoso para a
fauna mariña autóctona. O achado destas dúas especies é descrito polo Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), con base en Ribeira, nun artigo titulado 'First
records of two decapod crustaceans, the caramote prawn Penaeus
kerathurus and the blue crab Callinectes sapidus from Galician waters
(NE Atlantic)', publicado na revista Cahiers de Biologie Marine,
da Station Biologique de Roscoff, da Bretaña francesa. O estudo foi
elaborado en colaboración co Instituto de Ciencias Marinas de Andalucía
(CSIC) e a Confraría de Pescadores San José de Cangas do Morrazo.
O traballo describe o achado por primeira vez en Galicia de dous
crustáceos: un lagostino, do que non había referencias anteriores nas
nosas augas e que foi pescado na ría de Arousa a finais de 2014, e un
cangrexo azul, de procedencia americana, considerado moi perigoso pola
súa voracidade e agresividade, capturado na ría de Vigo hai un ano.
A
hipótese coa que traballan os científicos é que a chegada destas novas
especies ás rías galegas pode deberse a un "proceso de tropicalización
debido ao quentamento do océano". De feito, e como se salienta no artigo
publicado en Cahiers de Biologie Marine, "a temperatura do mar aumentou en Galicia en 0,24ºC por década desde 1974".
Para afondar máis nestes eventos que se están a suceder nas rías galegas, falamos con Juan E. Trigo, do GEMM.
ESPECIES EXÓTICAS E INVASORAS
"No caso do lagostino, Galicia atópase dentro da súa área de
distribución natural, que abarca desde Gran Bretaña ata Angola, pero as
citas que hai do mesmo desde Lisboa cara ao norte son moi escasas e
mesmo hai algunha que non se considera válida. Nunca antes se atopou nas
nosas augas, así que é un dato máis que axuda a coñecer en profundidade
a súa área de distribución real", explícanos Trigo.
Lagostino atopado na ría de Arousa en 2014
| Fonte:
GEMM.
Respecto do cangrexo azul, este caso é "máis problemático", xa que "ten
un potencial moi grande de converterse en especie invasora".
Neste punto, Trigo considera necesario aclarar os conceptos de especie
exótica e especie invasora: "Basicamente, especie exótica é aquela que
foi introducida nun lugar diferente da súa área de distribución natural,
normalmente por mor de actividades desenvolvidas polo ser humano, que
se asentou con éxito, pero que se adapta ao lugar ao que chegou e
convive pacíficamente coas especies nativas.
Pola contra, especie
invasora é aquela que primeiramente chega como exótica, pero que a
continuación se expande desprazando as especies autóctonas dos seus
hábitats orixinais causando moitas veces a súa extinción e que termina
causando danos económicos graves ao ter que eliminala ou polo menos,
tentar controlala".
Así, no que respecta ao lagostino (Penaeus kerathurus),
trátase dunha especie que "aínda que se atopou por primeira vez en
Galicia, sábese que hai citas máis ao norte e máis ao sur", aclara
Trigo. "Neste caso, simplemente achéganse novos datos sobre ela e
amplíase o seu rango de distribución coñecido", puntualiza.
Non hai,
polo tanto, motivo para acender as alarmas, pero si no caso do cangrexo
azul, unha especie agresiva que "demostrou ser moi prexudicial noutros
lugares de Europa" e para a que "Galicia é un auténtico filón a
explotar", avisa o cientifico do GEMM.
AMEAZA ECONÓMICA E ECOLÓXICA
Pois ben, no caso do cangrexo azul estamos a falar dunha especie moi
agresiva que podería danar o ecosistema das nosas rías. Orixinario das
costas de América do Norte, o Callinectes sapidus introduciuse
en Europa xa a principios do século XX, aínda que a primeira cita na
Península Ibérica non se produciu ata 1979, en Lisboa."A súa chegada a Galicia tan só era cuestión de tempo. Agora xa está
estendido por case toda a costa Atlántica, Mar Báltico, Mediterráneo e
Mar Negro", explica Juan E. Trigo.
Cangrexo azul capturado na ría de Vigo en 2015
| Fonte:
GEMM.
A alimentación desta especie baséase normalmente en pequenos bivalvos,
"polo que Galicia, cunhas extensións enormes de cultivos destes
moluscos, é un auténtico paraíso para o cangrexo azul, que pode chegar a
expandirse rapidamente sen ningún tipo de impedimento", advirte o
experto do GEMM.
A presenza deste crustáceo decápodo nas nosas rías podería causar
"danos económicos inimaxinables" ás confrarías de pescadores e á
extracción natural doutros bivalvos, sendo moi difícil a súa
erradicación xa que "practicamente carece de depredadores naturais" e "o
único que podería contar é case en exclusiva o polbo", advirte Trigo.
Unha invasión de cangrexos azuis tamén suporía enormes danos ecolóxicos
e afectaría principalmente á supervivencia do bivalvos de Galicia, pero
tamén entraría en "competencia feroz con outros crustáceos autóctonos
como a nécora, o boi ou a centola, que poden chegar a verse parcial ou
totalmente desprazados", alerta o experto do GEMM.
PASIVIDADE DAS AUTORIDADES
Na comunidade científica e entre os propios homes e mulleres do mar
existe preocupación pola ameaza que supón a presenza do cangrexo azul
nas rías galegas, pero tamen desasosego e malestar pola pasividade das
autoridades competentes nesta materia.
"Pola experiencia que temos sobre outras especies exóticas que
apareceron en Galicia e que posteriormente se converteron en invasoras, a
actuación das autoridades a nivel nacional, autonómico, comarcal ou
local é absolutamente nula", denuncia Trigo, quen prosegue: "Os
prexudicados, que son directamente os mariscadores, son os que sofren os
danos e os que teñen que poñer en primeira instancia os medios
económicos e físicos necesarios para tentar contelas".
Para Trigo, é necesario que as administración públicas se impliquen
canto antes na prevención antes de que sexa demasiado tarde: "Por
desgraza, cando unha especie se converte en invasora é xa moi tarde para
loitar contra ela, porque será xa imposible de erradicar e o único que
se poderá facer é gastar máis e máis diñeiro en diferentes campañas para
tentar, tan só, mitigar os seus efectos", advirte.
OUTRAS ESPECIES EXÓTICAS E INVASORAS
O lagostino e o cangrexo azul non son as únicas especies non típicas
das rías que foron observadas en augas galegas e noutras latitudes nos
últimos tempos. Os científicos do GEMM teñen xa unha longa experiencia
no seguimento de especies exóticas e invasoras.
Así, por exemplo,
detectaron xa por primeira vez na Península Ibérica en 2014 a presenza
dun pequeno crustáceo, o coñecido en inglés como Skeleton shrimp e con nome científico Caprella mutica.
"Procedente de Xapón, crese que se foi estendendo amodo a través dos
cascos dos barcos tanto deportivos como mercantes", lembra Trigo.
Exemplares de Caprella mutica da Ría de Arousa
| Fonte:
GEMM.
O problema que presenta esta especie, segundo o experto do GEMM, "son
as súas densidades". "Aínda que os machos, que son máis grandes non
chegan a medir máis de 4 centímetros de lonxitude, chegáronse a
contabilizar máis de 300.000 exemplares por metro cadrado en diferentes
lugares de Europa.
Con estas densidades, son capaces de taponar tanto
tubaxes como redes de gaiolas de especies acuícolas ou afectar os
cultivos de bivalvos como mexillóns", describe.
Ademais de crustáceos, o GEMM ten identificado até cinco especies invasoras de moluscos nas Rías Baixas. Estas son:
- Crepidula fornicata: Gasterópodo
norteamericano parecido a unha lapa, importado coa cría de ostra
procedente de Francia e de Italia. A día de hoxe está presente xa en
toda Galicia e supón unha grave ameaza para moitos bivalvos como as
vieiras, zamburiñas e volandeiras. Pégase sobre elas impedindo que
poidan desprazarse e ademais compiten con elas polo alimento. Tamén
afecta os mexillóns, sobre os que se fixa e aos que impide alimentarse
en condicións.
- Crepipatella dilatata: Gasterópodo
suramericano que se supón que chegou co mexillón chileno que se trae
vivo a Galicia para o seu procesado como conserva. En poucos anos,
invadiu xa as catro Rías Baixas e á parte de estar a desprazar especies
autóctonas, tamén está a causar danos económicos ao obstruir tubaxes e
tomas de auga de cetarias e outras empresas similares. Nestes momentos é
unha das máis preocupantes.
- Hexaplex trunculus: Gasterópodo orixinario
do Mediterráneo. Chegou a Galicia a través de cría de ostra importada de
Italia. Atópase en abundancia entre a Península do Grove e Vilagarcía. É
un voraz depredador de bivalvos e os bancos marisqueiros de todo o sur
da Ría de Arousa víronse xa moi prexudicados por esta especie. As
confrarías de pescadores xa tiveron que realizar batidas para eliminar
tanto os moluscos como as postas de ovos que realizan.
- Bolinus brandaris: Gasterópodo tamén
procedente do Mediterráneo. Ocorre exactamente o mesmo con esta especie
que coa anterior. Ambas son voraces depredadoras de bivalvos.
- Limnoperna securis: Bivalvo de orixe
australiana que apareceu en Galicia coa importación de cría de ostra
procedente de Italia. A día de hoxe xa está nas Rías de Pontevedra e
Vigo e probablemente na de Arousa. O problema que presenta esta especie é
as densidades que chega a alcanzar, rexistrándose na Ría de Vigo ata
case 70.000 exemplares por metro cadrado. O efecto que produce é un
tapizado dos fondos sobre os que se fixa, impedindo que calquera outra
forma de vida autóctona poida adherirse aos substratos invadidos.
Ademais, tamén tapona saídas de tubaxes e tomas de auga.
No GEMM están ademais a realizar o seguimento doutras tres especies tamén de moluscos que de momento son exóticas, pero teñen tendencia a prosperar como invasoras. Estas son:
- Natica stercusmuscarum: Gasterópodo de
orixe mediterránea depredador de bivalvos. Atácaos facendo unha
perforación circular na cuncha ata que chega ao animal, que termina
devorando. Foi introducido coa cría de ostra procedente de Italia.
- Fusinus rostratus: Do mesmo xeito que a
especie anterior, este tamén é un gasterópodo procedente do
Mediterráneo, introducido a través da cría de ostra. Depredador de
bivalvos, é menos preocupante que outras especies debido ao seu pequeno
tamaño.
- Rapana venosa: A especie máis preocupante de todas
as que ata agora se introduciron en Galicia. Procede de Xapón e foi
importada, tamén, coa cría de ostra. O problema que presenta esta
especie é o seu gran tamaño (ata 14 centímetros de longo) e a súa
voracidade sen límites. En poucos anos expandiuse por todo o Mar
Vermello, o Mediterráneo, o Mar Negro e o Atlántico —tanto na costa
europea como na americana— e atopouse en diferentes puntos de América do
Norte e do Sur.
Ata agora capturáronse só unha media ducia de
exemplares nos últimos anos na Ría de Arousa, pero ao ser unha especie
tipicamente infralitoral é moi difícil saber o alcance real da súa
propagación nos fondos da ría. É depredador de bivalvos, aos que envolve
por completo asfixiándoos. Despois devóraos.
Especies invasoras de moluscos nas rías galegas: 1. Crepidula fornicata
sobre vieiras; 2. Exemplares de Hexaplex trunculus realizando unha posta
masiva e aspecto desta; 3. Crepipatella dilatata sobre rochas; 4.
Bolinus brandaris; 5. Limnoperna securis
| Fonte:
Composición feita por GC con imaxes do GEMM.
Nos últimos anos contabilizáronse tamén máis de 40 especies de diferentes filos zoolóxicos de invertebrados (esponxas, briozoos, ascidias...)
que apareceron na Ría de Arousa, procedentes doutras latitudes e que
non se sabe moi ben que efecto producirán nun medio ou longo prazo sobre
a fauna autóctona galega.
O TRABALLO DO GEMM
Unha das actividades na que o GEMM está a poñer o seu foco de atención é
precisamente na localización destas especies exóticas e no seu
seguimento e evolución, pero carecen de axuda algunha por parte de
administracións e institucións para un traballo que é vital para
conservación das rías galegas.
Como explica Juan E. Trigo, "queda
moitísimo por facer e os medios dos que dispoñemos son tan só as cotas
que anualmente os socios achegan ao grupo e o equipamento que cada un se
financia do seu propio peto (traxes de submarinismo, chalecos, equipos
fotográficos...)".
En seis anos de actividade do Grupo de Estudo do Medio Mariño, os seus
membros publicaron unha gran cantidade de traballos científicos en
revistas nacionais e internacionais, nos que se deron a coñecer:
- A descrición de 5 especies novas para a ciencia: 3 platelmintos e 2 moluscos gasterópodos.
- 7 novas citas para o Océano Atlántico: 4 moluscos (3 gasterópodos, 1 bivalvo) e 3 platelmintos.
- 2 novas citas para Europa: 2 crustáceos.
- 5 primeiras citas para a Península Ibérica: 3 moluscos gasterópodos, 1 platelminto e 1 crustáceo.
- 1 segunda cita para a Península Ibérica: 1 molusco gasterópodo.
- 44 novas citas para Galicia: 24 moluscos (5 bivalvos, 19
gasterópodos), 8 crustáceos, 7 platelmintos, 2 peixes, 1 cnidario, 1
nemertino e 1 porífero.
Especies de moluscos exóticos con tendencia a prosperar como invasores
nas rías galegas: 1. Natica stercusmuscarum; 2. Fusinus rostratus; 3.
Rapana venosa
| Fonte:
Composición feita por GC con imaxes do GEMM.
A misión do GEMM é dar a coñecer á opinión pública a enorme diversidade
de fauna e flora que habita nas augas de Galicia e contribuír á súa
conservación." (Alberto quian, Galicia Confidencial, 01/12/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario