"A situación empeora a cada día mentres seguimos esperando unha
xuntanza para deitar luz sobre a problemática, coordinar unha resposta e
levar a cabo medidas urxentes".
Xesús Asorey, secretario
técnico de AGA (Asociación Galega de Apicultores) e a voz do seu
colectivo pero expresa tamén a "desesperación" de ducias de concellos
onde a praga da avespa asiática segue a espallarse sen remedio, atacada
con remedios caseiros pola cidadanía e causando importantes problemas no
sector apícola e froiteiro, nos traballos forestais, así como
inseguridade cidadá.
Son xa 125 concellos galegos, segundo os últimos datos da Consellería
de Medio Rural, os afectados pola avespa velutina coa presenza de niños
que poden alcanzar cadanseus 15.000 exemplares. O Baixo Miño, a Mariña, o Ortegal e as zonas da Coruña e Ferrol son as máis afectadas
por unha nespra que xa non só coloniza a costa, senón que se vai
introducindo no interior de Galicia.
"E son moitos máis niños e moitos
máis municipios afectados dos que se din oficialmente porque moitos dos
enxames son imposibles de ver ou localizar", aclara Asorey, que destaca
que xa se atopan enxames a máis de 100 quilómetros do mar.
Polo de agora, a AGA elaborou un documento hai dous meses que foi
enviado aos 93 concellos onde se detectara a avespa asiática e na que se
reclamaban medidas urxentes á Xunta. A Consellería de Medio Rural sabe xa destas peticións e desde o 28 de xullo sabe tamén da solicitude de reunión dos apicultores,
aos que se unirían representantes dos concellos máis afectados.
Pero
segue sen haber resposta. "Seguimos sen saber nada; primeiro era polas
vacacións, despois polos lumes, logo polo leite...", quéixase Asorey,
que lembra que a AGA deulle de prazo ata este martes 22 de setembro ao
Goberno galego para que acepte unha reunión inmediata.
De non recibir resposta, acudirán a Compostela a manifestarse diante da
Administración, a quen entregarán o devandito documento. E non será só o
sector abelleiro o que acusa, senón todos aqueles afectados, incluídos
tamén responsables dos municipios, que están "desesperados" ante un problema que xa é "de seguridade cidadá".
A praga é tal que os niños aparecen en lugares case inalcanzables, pero
tamén ao pé das casas ou en colexios.
Hai poucas semanas, nunha
xuntanza en San Sadurniño á que acudiron representantes de máis de vinte
concellos, as críticas á Xunta foron constantes. "A inacción é total,
hai unha tremenda falta de medios e de coordinacións. Non hai iniciativa
por parte da Administración para atacar este problema", insisten desde a
AGA, que espera a confirmar nesta semana cantos dos concellos afectados
aprobaron a moción na que se reclamaban solucións a esta problemática.
Nos seus últimos datos, Medio Rural cifrou en máis de 1.300 os niños
retirados e noutros tantos os que foron avistados (uns 2.700). Pero os
expertos advirten de que estas cifras quedan moi curtas. Son moitos máis
os enxames e as localidades afectadas. Segundo AGA, a administración
recibe cada día 70 chamadas avisando da presenza da velutina e 50 desas
están no certo. Ademais, lembran que o teléfono co que se debe contactar
é o 012 e non o 112 como ocorre en moitos casos.
En cada concello afectado, as cifras e as experiencias dos veciños arrepían. No de Cambre, por exemplo, Protección Civil retirou preto de 70 niños en tan só tres meses.
En Ortigueira, un veciño chegou a contar unhas 6.000 avespas asiáticas
recollidas durante o verán mediante trampas caseiras no seu negocio e é
habitual ver as parras de calquera casa ateigadas de exemplares que
proveñen de niños que, en máis dunha ocasión, alcanzan alturas de máis
de 20 metros.
A AGA insiste en que falta "coordinación" e que a Xunta exerza de
canalizador das accións que se vaian tomar. Ademais, critica a falta de
medios e a tardanza na retirada de niños, o que obriga a que moitos
concellos teñan que actuar malia non ter en moitos casos o material
necesario. De feito, son en moitos casos veteranos apicultores os que
colaboran coas administracións locais.
Por iso, desde moitas destas
administracións locais e desde a AGA reclaman tamén máis formación para
todos os implicados na loita contra a velutina, máis control e uso de
antiqueratiniziantes na época de crecemento nas larvas ou menos
dificultades burocráticas á hora de dar aviso da localización de niños.
Ao tempo, reclámanse fondos tamén "para investigar os métodos de loita máis axeitados",
como a elaboración dunha feromona específica para utilizar nas trampas.
Lembra AGA que hai fondos europeos destinados á investigación onde pode
entrar a velutina e que Francia está a piques de sacar ao mercado
feromonas selectivas, un método que "será un bo paso pero que nos vai
costar cartos".
Pero mentres a Xunta non reacciona, son os propios apicultores os que
están a "estudar a aplicación doutras medidas para reducir os efectos do
actual aumento de velutinas". "Primeiro hai que confirmar os resultados
e despois farémolos públicos se se demostra a súa eficacia", remata
AGA. " (Miguel Pardo | @depunteirolo , Praza Pública, 21/09/2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario