Detalle do mapa da destrución de emprego na UE. © Eurostat
"Os números vólvenlle dar as costas á Xunta. Durante a última media década o Goberno galego presentou diversas medias encamiñadas a que Galicia fose "dos primeiros" territorios en saír da crise,
grazas a unha "anticipación" na aplicación de medidas de "austeridade"
que permitiría acadar a "velocidade de cruceiro" na "recuperación" antes
que outras autonomías do Estado.
No entanto, diversos indicadores
oficiais non só foron na dirección contraria ao augurado dende San Caetano, senón que acreditan que a fenda socioeconómica entre o país e a contorna europea aumentou durante a crise ata
o punto de que, en eidos como o mercado laboral, Galicia é sinalada
como un dos exemplos de destrución de emprego no continente.
Cadrando coa celebración da décimo terceira edición da semana europea das rexións e as cidades, os coñecidos como Open Days, a oficina estatística da Comisión Europea, Eurostat, vén de facer público o seu anuario
de "estatísticas rexionais", que traza unha radiografía dos diversos
territorios da UE chegando, no caso do Estado español, ao nivel
autonómico e, nalgúns casos, ao provincial.
Un dos apartados deste
estudo céntrase no "impacto da crise económica e financeira no mercado
de traballo" e acredita non só que o desemprego afecta máis aos
Estados do sur, senón tamén as diferenzas entre territorios no que
atinxe aos postos de traballo perdidos durante a crise.
Unha ollada ao anuario permite coñecer, por exemplo, que a
ratio de persoas de entre 20 e 64 anos que teñen traballo é maior en
toda Portugal que en Galicia, e meirande en Galicia que en comunidades
autónomas como Andalucía ou Extremadura, ubicadas en niveis
semellantes aos do sur de Italia ou a da práctica totalidade do
territorio de Grecia.
Así e todo, cando o dato observado é a variación
deste indicador, a destrución de emprego, o mercado laboral galego pasa a
formar parte dos territorios europeos que saíron peor parados deste
período de crise.
Así, Eurostat explica que entre 2009 e 2014 a maioría das rexións
europeas sufriron importantes movementos no seu mercado laboral, xa fose
para incrementar a poboación ocupada, caso por exemplo de todo o
territorio de Alemaña e Suecia e a "maioría" do Reino Unido, ou para
sufrir unha "contracción no emprego" que foi "particularmente evidente"
no Estados do sur, en cuxos territorios se destruíu emprego a "ritmo
rápido" durante a pasada media década.
Neste contexto, a oficina
estatística da UE destaca que en "todas as rexións" de Grecia o emprego
caeu por riba dos 5 puntos durante estes anos, e que "tamén se
rexistraron reducións desta magnitude en catro rexións españolas", a
saber: Ceuta, Castilla-La Mancha, Galicia e Andalucía.
No caso galego, nomeadamente, esta contración da porcentaxe de
poboación de entre 20 e 64 anos cun posto de traballo foi de 6,2 puntos.
Sempre segundo as cifras de Eurostat, a destrución de emprego en
Galicia foi superior á de Andalucía (-5,7), comunidade recorrentemente
aludida pola Xunta como modelo a evitar. Nesta banda de destrución de
emprego, aínda que por riba de Galicia en termos porcentuais, están
tamén outros territorios do continente como Açores e Madeira.
Estas cifras deixan o mercado laboral galego lonxe da media europea,
que no período analizado avanzou un 0,3%, pero tamén o afastan de
territorios do Estado onde houbo destrución de emprego, pero menor. Este
é o caso, por exemplo, de Balears, onde o emprego retrocedeu 1,2
puntos, ou de Euskadi e Catalunya, onde segundo Eurostat o mercado
laboral sufriu unha contracción de 2 puntos nos últimos cinco anos." (Praza Pública, 13/10/2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario