13/10/15

Cando o mar galego produce luz


"O mar da Costa da Morte, concretamente, na praia de San Pedro do Pindo, en Carnota, iluminouse na madrugada do domingo ao luns. Un espectáculo que puido rexistrar a cámara de Víctor Solís, de Costameiga.com.
Avisado polo seu amigo Juan Serrano, propietario catalán da Casa Noutigos, tamén afeccionado á fotografía, achegouse ata o medio e medio do areal, sacou o trípode e abríu o obturador 30 segundos para captar esta marabilla da natureza. Chámase Ardentía, ou Mar de Ardora, e é provocada por unha “alga que se chama Noctiluca que se ilumina como un mecanismo de defensa para evitar ser comida”.
“Deste xeito, se un peixe quere comela, ilumínase, e outro depredador máis grande o atoparía fácil para comelo el”, segundo contan os compañeiros de 4gotas, que recoñecen que “é un fenómeno que ocorre de cando en vez en Galicia e crea estampas incríbles”. Seguindo esa liña natural, a evolución puido continuar por dous camiños: “ou ben os peixes aprenderon e non a comen para non ser comidos, ou ben as especies que comían algas iluminadas morreron”.
Segundo apunta o propio Solís, é un fenómeno que se adoita dar a finais do verán, cando a auga está máis quente, pero que é “moi difícil de fotografar. Fas 40-50 fotos e aproveitas unha e un pouco forzada”, recoñece despois de publicar esta imaxe, con Fisterra ao fondo, o Faro iluminadísimo e o carrumeiro polo medio e un barquiño. “Evidentemente ten unha exposición longa duns 30 segundos, polo que efecto está un pouco esaxerado”, pero cando se achegaban á beira do mar a imaxe era impresionante: “era como un rotulador fluorescente atravesando cada onda”.

No hay comentarios: