28/10/15

Xiro, os primeiros ecojeans Made in Galicia


"Naceron a carón do mar, en Moaña. Creceron, estudaron, incluso fixéronse rockeiros, e un día, inspirados pola forza do océano, comezaron a madurar unha idea, decidiron emprender unha “r evolution”. E así, co obxectivo de pór o seu grao de area para unha moda máis xusta, Iria García e Xulián Chapela crearon a Xiro, os primeiros vaqueiros ecolóxicos Made in Galicia.

“Xiro nace hai dous anos como unha necesidade persoal. Xa había tempo que buscabamos unha forma consciente de consumir comida, produtos de hixiene, limpeza… e observamos que na roupa había moi pouca oferta”.

 Así, da propia necesidade, da impotencia de non poder vestir doutro xeito pola falta de opcións, esta marca galega foi pouco a pouco agromando, sen presa pero sen pausa, e para comezar esta revolución decantouse polos vaqueiros, unha prenda básica, versátil e resistente.

A sensibilización sobre a industria da moda e a necesidade de cambiala foi desde un principio un dos eixes de Xiro. “Vivimos nunha sociedade na que o consumo pasou a converterse nunha forma de vida que xera pobreza extrema en moitos lugares do mundo e acaba cos recursos naturais. 

É obvio que ninguén quere un mundo así, pero moitas veces nos vemos somerxidos nese sistema de consumo extremo e de ritmos de vida tan rápidos que non nos deixan tempo para pensar. Ao escoller opcións máis respectuosas coas persoas, animais, natureza…estamos fomentando un sistema máis xusto”.

A Costa Atlántica é a súa fonte de inspiración, e a súa forza e bravura unha motivación para loitar, aínda a contracorrente. Neste camiño a marca galega aposta polo uso de tecidos ecolóxicos certificados por GOTS, unha norma que garante que tanto os cultivos das fibras como todo o proceso de fabricación dos tecidos están libres de pesticidas e químicos tóxicos, que habitualmente se empregan na industria téxtil convencional, provocando a contaminación da terra e da auga, afectando á biodiversidade e causando enfermidades.

 Para a confección comprometéronse desde o primeiro momento con fabricar en Galicia, polo que os pantalóns fanse dentro da rede de talleres de Latitude, que aposta por unha relocalización sostible da industria téxtil galega.

Os primeiros jeans ecolóxicos galegos son de corte slim fit e acabado raw, o que resulta máis sostible, xa que non foi tratado despois de ser confeccionado. Segundo explican Iria e Xulián, isto produce que o seu aspecto inicial sexa un pouco ríxido ou que o tecido non sexa tan uniforme. 

Eles propoñen dúas formas de coidado e lavado: unha convencional de lavado a baixa temperatura, e outra de non-lavado ou lavado aos 6 meses. Esta última opción, da que se está a falar moito ultimamente no mundo do denim, está detallada paso a paso na súa web e ten moito que ver co aspecto do pantalón e a comodidade.

Esa preocupación pola sostibilidade tamén se nota no packaging. Para os envíos postais utilizan caixas de cartón e bioplástico de pataca, e para as feiras bolsiñas feitas con redes de pesca. Todo está tan pensado que a etiqueta colgante do pantalón pode sementarse e converterse nunha planta.

Para Xiro é moi importante visibilizar está revolución que está no ADN da marca. Por iso tamén é responsable das Upcycling Sessions, que puxeron en marcha coa marca de Vigo Le Chanelas para crear unha minicolección de camisetas concienciadoras, aproveitando restos de tecidos, materiais en desuso e redes de pesca. Para o futuro, Xiro proponse introducir novidades DIY (Do It Yourself), traballar máis a sensibilización, seguir posicionando e dando a coñecer a marca e introducir novos modelos e cores de ecojeans, así como novas prendas.

O importante é ir pouco a pouco, e pensar que as accións, por pequenas que sexan, contribúen ao cambio. “Non se trata de comezar a cambiar todo 100% , xa que isto pode resultar frustrante e facer que remates por abandonar  ao paso de unha semana, senón de ir integrando na nosa vida hábitos positivos (sexan de consumo ou non) que contribúan a acadar un mundo mellor, a pesar do utópico que poda sonar isto…

 E sobre todo non pensar aquelo de total ninguén o fai porque cada persoa e cada acción, por pequena que sexa, suma e vai cambiando o rumbo a pesar das dificultades”.                     (

No hay comentarios: