25/5/16

"Aquí aínda ninguén deu explicacións serias sobre a desaparición das caixas"... un remedio será que o concello de Vigo crease unha nova caixa municipal, pero...

"Miguel Quinteiro é un activista político e social vigués. Fai parte de proxectos como a cooperativa de consumo responsábel Árbore ou da asociación de consumidores Acouga. Traballou 38 anos na caixa de Vigo, sendo elixido para representar os seus compañeiros no Consello de Administración, órgano do que foi expulso por revelar segredos. (...)

- A raíz do título da ponencia na que vas intervir, podemos falar dunha relación entre a débeda pública e a desaparición das caixas?

- Houbo unha conspiración da banca privada para se quedar con todo o mercado financeiro, un mercado que estaba repartido entre banca privada, banca pública e caixas de aforro. Teñamos en conta que na década dos 80 aínda había por volta de 80 caixas operando no Estado español. 

E a banca privada quería quedarse con todo. Como fixeron? O primeiro, conseguir que o Banco de España deixase de ser unha institución pública. Despois, lexislar e presionar para que as caixas acabasen sendo como os bancos, actuando como eles.

Eu vin, desde o consello de administración dunha caixa, como as caixas deixaban de ser caixas. A estratexia deu os seus froitos. Desmantelar as caixas galegas foi absurdo e demencial.

A banca privada é a que verdadeiramente decide cando se emite o diñeiro, que intereses, a quen... iso tería que ser decidido polos gobernos.

- E a débeda pública?

Non hai, é a débeda dos bancos, que a coman eles (ri). O éxito deste sistema é convencernos de que os cartos son imprescindíbeis. E iso non é así. Bon, na débeda pública unha parte vén de que os gobernos se empeñan cos bancos e acaban nas súas mans. 

E hai unha ferramenta que é o vencemento: a partir desa data, a pagar moito máis. E iso xa che amarra. Non deixa de ser curioso que acabemos aquí cando todas as relixións prohibían o cobro de intereses e é o cobro de intereses o que nos trae até este punto inaguantábel.

- Fica aínda algo por contar ou dicir sobre a desaparición das caixas?

- Aquí aínda ninguén explicou seriamente o que pasou, ninguén deu explicacións. Nós tentamos chegar ao comisario de Competencia da UE, falamos con deputados comunitarios para que se dese un debate sobre este tema, para que se explicase que foi o que aconteceu coas caixas, mais ficou en nada. 

Coas caixas houbo unha política de feitos consumados. A esaparición desas entidades en Galiza tivo non poucas secuelas, desde a perda de postos de traballo, e eran empregos cuns salarios moi dignos; até a perda de servizos; por citar só estes dous.

- Debería preocuparnos a ausencia na axenda política dun debate a fondo sobre a débeda?

- Debería. Esa é a miña batalla (ri). Pero hai que seguir. Eu estou na Marea de Vigo e propúxenlle ao alcalde, Abel Caballero, que por que non creaba unha caixa de aforros municipal, el que tanto saíu á rúa para berrar contra a fusión de Caixanova e Caixa Galicia. 

O Concello de Vigo ten capacidade para iso. Foi así como comezaron estas entidades, non é ningunha tolería. Ben, en canto á débeda pública, para min é expoñente de como é unha inxustiza, das nefastas consecuencias das políticas deses sacerdotes da economía que se guían só coa teima de cumprir co déficit.

- Desde a chegada de Núñez Feijóo, en 2009, até 2015, a débeda pública galega multiplicouse por 110% e supera os 10.000 millóns de euros. A onde vai toda esa débeda?

- Intúo que unha boa parte para pagar intereses, e aí os bancos teñen moita responsabilidade. E outra parte acabará en cousas como a corrupción, supoño.

- Que faría falla para reverter a situación?

- Un cambio político, sen el, non variará nada. Se seguen PP e PSOE, que están ao servizo da banca e estes anos quedou ben clariño, non vai cambiar nada. Eu confío e espero que a xente reaccione, nestas eleccións hai unha nova oportunidade para que desta vez perdan eles."               (Sermos Galiza, 20/05/16)

No hay comentarios: