"Especulación urbanística, decisións políticas que buscan favorecer
intereses privados, infraestruturas innecesarias, un sistema enerxético
sostido artificialmente, elevación do prezo da electricidade, dano ao
medio ambiente, manipulación informativa.
O caso de Reganosa é un dos
exemplos máis claros das peores prácticas políticas e económicas que
sufriu España nos últimos anos e das súas consecuencias. Ao igual que
sucedeu coas autoestradas radiais de Madrid, coa desalgadora de ACS en
Murcia, co caso Castor ou con outras infraestruturas (como algúns
proxectos hospitalarios público-privados), a planta de gas situada en
Mugardos non foi outra cousa que un agasallo posto nas mans dunha
empresa privada (neste caso o Grupo Tojeiro), que se enriqueceu sen
tomar apenas riscos económicos e sen competencia. Un transvase de
recursos públicos a mans privadas no marco da peor versión dun
capitalismo engraxado con favores políticos.
17 anos despois do inicio do proxecto de Reganosa e 9 anos despois do
comezo da actividade da planta, o círculo xudicial comeza a pecharse
sobre os propietarios da instalación. O Tribunal Supremo anulou a través
de dúas sentenzas a autorización previa da planta (concedida en 2002) e o proxecto de construción,
deixando Reganosa sen os permisos necesarios para funcionar e
obrigándoa a comezar de novo todo o procedemento. Con todo, hai dez
días o Consello de Ministros en funcións acordou,
de forma sorprendente, eximir a planta de gas da necesaria avaliación
de impacto ambiental e permitir acurtar os trámites, para evitar que a
instalación funcione nunha situación de ilegalidade.
O pasado xoves o Comité Cidadán de Emerxencia
celebrou en Ferrol un acto público que era, ao tempo, unha acción de
denuncia e reivindicación ante a decisión do Goberno en funcións, e unha
celebración das sentenzas do Tribunal Supremo, que poñen fin a anos de
demandas e recursos. "O Supremo xa falou. Queiran ou non déronnos a
razón", podíase ler nunha faixa.
"O de hoxe é un acto importante. Non
vou dicir que isto é unha refundación do Comité Cidadán, pero si que
debe ser un acto de reforzamento, para dar o impulso definitivo e
conseguir o peche da planta", destacou Rafael Pillado, un dos
representantes da plataforma.
No acto, ao que asistiron máis de 200
persoas, interviron alcaldes, colectivos sociais, veciñais, ecoloxistas e
partidos políticos (dende Esquerda Unida, Anova, Podemos ou
Espazo-Equo, ata PSdeG-PSOE e BNG) que de forma unánime manifestaron a
súa esixencia de que a planta de gas de Reganosa cese a súa actividade e
sexa desmantelada.
O Comité Cidadán de Emerxencia, a través da súa avogada Patricia
Gabeiras, presentou xa un recurso ante o Tribunal Supremo, ao considerar
que a decisión adoptada polo Consello de Ministros queda fóra das súas
competencias e é ilegal, sinalando que o Goberno en funcións estaría
prevaricando.
De igual xeito, En Marea solicitou a convocatoria da Deputación Permanente do Congreso
para tratar unha posible invasión de competencias (do poder lexislativo
e xudicial) por parte do Executivo. En principio, a solicitude será
denegada, aínda que a formación xa adianta que a recorrerá. Falamos coa
avogada Patricia Gabeiras.
Cal é a importancia das sentenzas ditadas polo Supremo?
As dúas sentenzas son contundentes, declarando a nulidade das
autorizacións, debido a que esas autorizacións se concederon nun
procedemento absolutamente manipulado, tramposo. Reganosa creouse
enganando a Autoridade Portuaria, enganando a poboación de Mugardos,
enganando o Ministerio de Industria e enganando as autoridades
medioambientais. A historia de Reganosa é unha sucesión de enganos e de
manipulación da información publicada nos medios e agora quere seguir
manipulando os medios de comunicación e enganando a cidadanía.
Non é certo que o Supremo dixese que os defectos da planta son
subsanables. O Tribunal dixo que tanto a autorización previa coma a
autorización de construción son ilegais e que -como engadiu nun recurso
de aclaración que interpuxemos para que non houbese dúbidas- se Reganosa
quere retomar a súa actividade, ten que solicitar dende un inicio a súa
autorización e debe cumprir con todos os requisitos que esixe a lei.
Reganosa emprega outros argumentos que tamén son mentira: din por
exemplo que o Supremo non declarou nulos os procedementos e declaracións
medioambientais.
Pero é que non o ten que facer, simplemente anula as
autorizacións e dille á empresa que se quere seguir operando ten que
comezar todo o proceso de novo. Como non poden superar ese proceso, é
por iso que agora recorren a novas trampas. O acordo do Consello de
Ministros dános a razón: por que se ten que eximir a unha instalación
deste tipo de pasar o trámite de avaliación ambiental? Porque non a
poden pasar.
Por que considerades que a decisión do Consello de Ministros é ilegal?
O acordo é ilegal porque, primeiro, foi ditado por un Consello de
Ministros en funcións, que só pode levar a cabo actividade ordinaria.
Son tantas as limitacións que teñen os executivos en funcións que, por
exemplo, non poden designar un novo ministro de Industria, en
substitución de Soria, e é por iso que Luis de Guindos segue cumprindo
esas funcións.
É por iso que non pode designar un director xeral de
Medio Ambiente, un cargo que actualmente está vacante. Este mesmo
Consello de Ministros que non pode levar a cabo estas funcións pode
asinar un acto que exima a Reganosa da avaliación de impacto ambiental
no novo procedemento que ten que tramitar? Pois non.
En segundo lugar, o contido do acto tamén é ilegal, porque o que está
facendo o Consello de Ministros é eximir a unha persoa concreta, de
maneira subxectiva, da aplicación dunha norma. As normas aplícanse de
maneira obxectiva. Non é legal que de maneira individualizada un goberno
decida a quen se lle aplica unha norma e a quen non.
É unha fraude de
lei, porque o Goberno en funcións ampárase nun artigo da Lei de
Avaliación Ambiental que di que, en determinados momentos, os gobernos
poderán eximir a determinadas instalacións de pasar esa avaliación
ambiental. Pero este é un artigo de emerxencia, previsto para casos
excepcionais, de catástrofes naturais. Non está para que un Goberno en
funcións legalice instalacións declaradas ilícitas.
O Goberno en funcións tamén asegura que, en substitución do
trámite de avaliación ambiental, empregou un "Informe de viabilidade
ambiental da planta de regasificación de Mugardos". Que validez ten?
Ningunha. Ese informe non é máis que unha documentación que presentou
Reganosa o día 23 de maio, é polo tanto unha declaración de parte, e que
o Consello de Ministros supostamente analizou en só tres días. A lei
esixe ademais que esa avaliación pase por todos os organismos
competentes.
Houbo tempo neses tres días para pedir informes a todos
estes organismos? Claro que non. Presentase o que presentase Reganosa o
Consello tería eximido a empresa de pasar unha avaliación ambiental. Por
unha razón: porque o Goberno sabe que Reganosa nunca poderá superar esa
avaliación ambiental.
Presentastes un recurso ante o Tribunal Supremo contra esta decisión. Que percorrido vai ter?
Presentamos recurso ante o Tribunal Supremo, que ten a competencia de
avaliar e controlar a acción do Consello de Ministros. A encargada é a
Sala Terceira, a mesma que ditou as sentenzas. Estamos en terreo
coñecido. Imos pedir tamén medidas cautelares e que se lle dea traslado
deste asunto á Fiscalía.
Dende o noso punto de vista, o acordo do
Consello de Ministros ten indicios de prevaricación, porque o que se
está facendo é tentar favorecer os intereses privados dunha empresa como
Reganosa, propiedade maioritariamente de mans privadas. Teñen, por
suposto, todo o dereito a levar a cabo a súa actividade, pero non o
poden facer de forma ilegal e valéndose dunha relación estreita coas
administracións.
O Goberno en funcións xustifica esta urxencia sinalando que,
sen Reganosa, se poría en risco o subministro de gas en Galicia e mesmo
en Portugal e que, ademais, habería unha situación de perigo nas
estradas polo tránsito de camións cargados de gas dende Bilbao ou Huelva
ata Galicia? Teñen fundamento estes argumentos?
Os argumentos son falsos. En primeiro lugar, en ningún caso habería
desabastecemento. Hai que lembrar que en 2007, para incorporar a
Reganosa á rede, Enagás tivo que modificar o sistema de distribución de
gas para evitar un colapso, porque esta planta era innecesaria. O que se
fixo foi pechar os gasodutos que abastecían a Galicia.
Polo tanto, se
pecha Reganosa, a solución é inmediata: reabrir os tubos e estariamos
igual de abastecidos. Tampouco ten sentido a referencia que fan a
Portugal, pois este país autoabastécese. E, finalmente, o asunto dos
camións é completamente disparatado, pois en todo caso o gas chegaría a
Galicia a través de gasodutos, que para algo están aí e os estamos
pagando entre todos.
Neste momento Reganosa é ilegal ou ten un prazo determinado para regularizar a súa situación?
Estas dúas sentenzas son directamente executables: que Reganosa siga
aberta e que siga recibindo barcos, como sucedeu hai uns días, son actos
que están fóra do ordenamento xurídico. É por iso que interpuxemos unha
denuncia, porque a entrada de gaseiros na ría neste momento pode ser
constitutivo dun delito de desacato.
Ademais, hai que ter en conta que
Reganosa non conta neste momento con seguros de responsabilidade civil
en vigor, porque estes están ligados á legalidade da actividade da
planta, que nestes momento non se cumpre. Nas propias pólizas
especifícase que teñen que manter vixentes as autorizacións.
Como é o proceso que debe pasar agora Reganosa para legalizar a súa situación?
Reganosa ten que pasar outra vez, dende cero, todos os trámites que
esixe a Lei de Hidrocarburos, que esixe catro cousas: primeiro, que a
instalación sexa conforme ao planeamento urbanístico e que cumpra a
normativa de ordenación do territorio; segundo, debe cumprir coa
normativa medioambiental, algo que non pode facer e por iso o Goberno en
funcións tenta que a eluda aplicando unha excepción; terceiro, Reganosa
ten que cumprir coa normativa de seguridade; e cuarto, ten que
acreditar a súa viabilidade económico-financeira.
En canto á viabilidade económico-financeira, levades anos denunciando que a actividade de Reganosa se sostén artificialmente...
Reganosa é deficitaria, o único que fixo Reganosa nestes anos foi
empobrecer a cidadanía e enriquecer o grupo Tojeiro. Porque a planta non
ten unha actividade suficiente para cubrir os seus custes, en Galicia
non hai unha necesidade suficiente de gas que xustifique a súa
existencia. Non produce, pero si que cobra, cobra ao redor de 60 millóns
de euros ao ano.
O sistema de retribucións do sistema gasístico é unha
trampa: non se paga en función do que vendas, senón que se paga en
función do que investiches. Aínda hoxe estamos pagando nas facturas da
electricidade os sobrecustes consecuencia da creación de plantas como
Reganosa ou pola creación de ciclos combinados que producen moi por debaixo da súa capacidade.
A empresa, e tamén o Goberno en funcións, invocan a
modificación do PXOM de Mugardos de 2012 para asegurar que, agora si, a
planta cumpre co ordenamento urbanístico. Non é así?
O planeamento urbanístico de Mugardos nunca foi modificado de maneira
legal, modificouse ilegalmente co obxectivo de xustificar a presenza de
Reganosa. Reganosa non cumpre a normativa de ordenación do territorio,
porque a instalación está a cen metros das casas, porque dentro do
círculo de exclusión total de ten que ter Reganosa hai colexios, hai
cafeterías...
Este novo plan, que está recorrido ante a xustiza, non
substitúe a unha avaliación de impacto ambiental. E, por moito que un
plan municipal autorizase este tipo de uso nese lugar, iso non o
converte en legal, estando suxeito a outras normas, coma a Lei de
Hidrocarburos.
A planta nunca poderá cumprir con esta normativa. Agora
din que xa a cumpre, porque se fixo un novo PXOM; isto non é máis que un
intento de que converter en legal unha instalación ilegal, volvendo
tramitar o procedemento, pero sen revisar o fondo. Iso fixérono moitos
concellos cos seus planeamentos urbanísticos ilegais e o Tribunal
Supremo sinalou que esta mecánica, que busca levar estas cuestións ata o
infinito a través de recursos, non é correcta.
Existe o perigo de que, mesmo con sentenzas claras e contundentes, Reganosa poida manter a planta activa a través de recursos?
Hai un problema coa falta de contundencia dos tribunais, o Supremo non
debería permitir iso. É o que lle imos pedir agora con este recurso.
Legalizar o ilegal é unha práctica moi común, que deteriorou o estado de
dereito neste país. De maneira sistemática, cando unha obra era
declarada ilegal polo Tribunal Supremo, o concello -para evitar
paralizala- volvía a iniciar un procedemento de modificación dos
planeamentos para dar cabida ao que se declarara ilegal.
É un deterioro
do artigo 24 da C.E. do dereito á tutela xudicial efectiva, porque se se
lles permite ás administracións públicas entrar neste bucle e nestas
trampas, ao final o que pasa é que a xustiza non é xustiza. Levamos 16
anos de pelexa e agora imos ter que pasar non se sabe canto tempo máis,
esperemos que sexa pouco.
Todas esas trampas que se levaron a cabo no
urbanismo buscaban legalizar obras inocuas, que non eran perigosas. O
caso de Reganosa é máis grave, porque estamos falando dunha instalación
perigosa.
Este mecanismo pódelles ser suficiente aos propietarios da
planta? É dicir, aínda que a planta acabe por pechar, válelles con
mantela aberta uns anos máis, e así recuperar con creces o seu
investimento?
Claro que lles vale. A eles non lles importa en absoluto o interese
xeral, nin sequera se lles pode chamar empresarios. O que eles buscan é
que isto siga aberto un pouco máis, manterse dentro do sistema de
retribucións grazas ao que ingresan 60 millóns de euros cada ano, seguir
amortizando o custe da planta.
Hai que ter en conta que esta
instalación lle custou cero euros ao señor Tojeiro, pois a súa parte a
achegou a través dunha concesión pola que estaba pagando uns 100 mil
euros anuais e que foi valorada en 20 millóns. O señor Tojeiro non
correu o máis mínimo risco empresarial, só recibiu beneficios. Cando
Reganosa acabe pechando, porque non hai outra saída posible, porque ter
unha planta de gas en medio dun núcleo habitado en pleno século XXI é un
dislate, o señor Tojeiro levará 15 anos cobrando estas retribucións.
Ese é un dos grandes problemas que temos en España: a xustiza adíase
tanto que se acaba perdendo a eficacia da tutela xudicial efectiva.
Normalmente esas manipulacións veñen de organismos locais, pero neste
caso foi o propio Consello de Ministros. Que o Consello de Ministros se
molle deste xeito para favorecer os intereses privados dunhas empresas,
algunha vinculada ao financiamento ilegal do PP, sorprende moito. Que un goberno en funcións se meta nisto, é inaudito.
Dáme a impresión de que en Reganosa están contidas algunhas das
peores prácticas e comportamentos que este país sufriu nas últimas dúas
décadas, dende a connivencia entre o poder público e os intereses
privados ata o funcionamento dun sistema enerxético que acabou
producindo un gasto público moi grande, o enriquecemento dunhas poucas
empresas e o fenómeno da pobreza enerxética. Estás de acordo?
Si, a verdade que neste caso se reproducen situacións que observamos
noutros lugares de España, e ás veces sorprende que o escándalo de
Reganosa non teña máis repercusión. En canto ao que comentas do sistema
enerxético, aquí vemos claramente os efectos da connivencia dos
distintos axentes que están no seu interior. Enagás é quen decide no
2007 que se pechen os gasodutos que chegan a Galicia.
Aquí vese que todo
funciona en base a intereses cruzados, apóianse uns aos outros. A clave
é que a retribución que lles paga o Estado non está ligada á produción,
senón ao investimento inicial, polo tanto todas as empresas saben que
se hai sete plantas de gas van cobrar a súa retribución fixa, e se hai
catorce pois tamén.
A resolución final deste conflito, polo tanto, é política e
social ademais de xudicial, non si? É o momento da batalla definitiva
contra a planta?
O Consello de Ministros deunos a razón, demostrando que Reganosa non se
sostén. Ademais, conseguiu reforzar o movemento, convenceunos de que
este é o momento de ir a por todas, de dar a batalla definitiva. Ás
veces dáme a impresión de que o Comité Cidadán chegou demasiado cedo,
iniciou a súa actividade a comezos da pasada década, nun momento en que
este tipo de reivindicacións non estaban de moda, na que a economía
crecía, a burbulla crecía e opoñerse a ela parecía unha oposición ao
progreso.
O que sucedeu en Ferrolterra con esta plataforma é unha
milagre: un movemento social que durante 16 anos se mantivo unido e vivo
a pesar das dificultades. Fomos rigorosos e serios, e grazas a iso
chegamos ata aquí. Soubemos traballar en equipo, cada un no seu ámbito:
Carlos Álvarez, Humberto Fidalgo, Luz Marina Torrente, Manuel
Afonso Amorín, Rafael Pillado, Manuel Rodríguez Carballeira Lalán e tantos e tantas outras.
Hai
que poñer en valor a estas persoas comprometidas, persoas que loitan
polo interese xeral, que puxeron esta loita por diante das súas
filiacións políticas ou sindicais. Agora que o Supremo nos deu a razón,
os ánimos, as vontades e o consenso político deben estar do noso lado.
Debemos apoiarnos entre todos para conseguir paralizar a actividade de
Reganosa canto antes sexa posible." (Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 06/06/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario