14/6/16

Os restos de castañas, augardentes e zumes poden ser reutilizados como antioxidantes

 
  A investigadora Beatriz Díaz | Fonte: DUVI.

"Usando tecnoloxías de limitado impacto ambiental e fácil implementación pódese obter antioxidantes de natureza fenólica a partir de residuos agroindustriais e forestais procedentes das castañas e da elaboración de augardentes e zumes. Así o demosta a investigadora Beatriz Díaz, da Universidade de Vigo, que vén de defender a súa tese 'Recuperación de antioxidantes por tecnoloxías emerxentes a partir de efluentes industriais e residuos forestais'.

Este traballo é unha das liñas de investigación do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo, dedicada ao desenvolvemento de procesos para obter compostos como prebióticos ou antioxidantes de subprodutos da industria terciaria mediante tecnoloxías respectuosas co medio ambiente

Neste contexto de traballo, na súa tese de doutoramento, Díaz utilizou na súa investigación viñazas e bagazos destilados de uva branca procedentes da elaboración de augardente; ourizos e follas do castiñeiro e bagazos de distintas clases de froitos do bosque procedentes da elaboración de zumes.

 Para a obtención dos antioxidantes empregáronse procesos de extracción con dióxido de carbono supercrítico e disolventes de baixo impacto ambiental e desenvolvéronse procesos baseados en tecnoloxías de membranas para a concentración e/ou purificación de compostos fenólicos. Finalmente, avaliáronse as propiedades antioxidantes e de irritabilidade cutánea dos produtos finais obtidos.

BENEFICIO ECONÓMICO E AMBIENTAL

Os antioxidantes naturais, segundo a técnica do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación CITI, teñen importancia tanto nos sistemas alimentarios, evitando as reaccións de oxidación que alteran os alimentos, coma nos sistemas biolóxicos, onde axudan a previr o estrés oxidativo provocado polos radicais libres protexendo fronte a diversas enfermidades dexenerativas ou distintos tipos de cancro.

Un dos grupos de antioxidantes naturais máis abundantes e amplamente distribuídos no reino vexetal, segundo Díaz, son os compostos fenólicos. Froitas e verduras, herbas medicinais, cereais ou algas son fontes tradicionais empregadas na obtención de compostos fenólicos con actividade antioxidante. 

Porén, indica na tese de doutoramento, “estes compostos fenólicos atópanse tamén en residuos agroindustriais e forestais, polo que a súa reutilización podería supoñer un beneficio económico para o proceso de partida, ademais de minimizar o impacto ambiental que en moitos casos pode supoñer a súa eliminación”.

Segundo sinala Díaz Reinoso, nos últimos anos incentivouse a procura de novas fontes de antioxidantes naturais debido “á crecente demanda por parte dos consumidores de aditivos de orixe natural fronte a aqueles obtidos mediante síntese química, unido ademais a resultados toxicolóxicos que poñen en dúbida a seguridade dos devanditos antioxidantes sintéticos”.

TÉCNICAS

Polo que respecta ás técnicas empregadas, a investigadora salienta que tradicionalmente a extracción de compostos fenólicos lévase a cabo mediante o emprego de disolventes orgánicos. Estes procesos presentan numerosas limitacións tales como o emprego de grandes volumes de disolvente, nalgúns casos tóxicos ou prexudiciais para o medio ambiente, a súa baixa selectividade ou a necesidade de engadir etapas de eliminación do disolvente, polo que actualmente se están centrando os esforzos na busca de tecnoloxías alternativas de limitado impacto ambiental que permitan a extracción e a purificación de compostos antioxidantes de maneira eficaz. 

Atendendo a esta situación, na tese de doutoramento póñense a proba dúas técnicas alternativas. Por unha banda, o uso de dióxido de carbono supercrítico, que presenta un gran potencial para a extracción selectiva de compostos fenólicos. “Na extracción con fluídos supercríticos emprégase como disolvente un composto (dióxido de carbono, neste caso) en condicións de presión e temperaturas superiores ás do seu punto crítico.

 Nestas condicións, as propiedades do fluído supercrítico son intermedias entre un gas e un líquido, o que fai que o seu emprego sexa especialmente interesante en procesos de extracción, xa que se difunde como un gas, penetrando máis facilmente na mostra, e a súa densidade é comparable á dun líquido polo que favorece a solubilización dos compostos de interese", explica a investigadora, que subliña que "é barato, non tóxico e é gas en condicións ambientais, o que permite obter un extracto final libre de disolvente". 

Doutra banda, a investigación salienta que a concentración e/ou fraccionamento de compostos activos presentes en correntes líquidas pódese realizar eficazmente mediante tecnoloxía de membranas. “Esta tecnoloxía presenta vantaxes interesantes fronte a outros procesos convencionais de concentración como son o emprego de baixas temperaturas ou un menor consumo enerxético”, comenta Beatriz Díaz. 

Os procesos de filtración con membranas permiten separar compoñentes presentes nunha corrente líquida, actuando a membrana como unha parede selectiva deixando pasar uns compostos e impedindo o paso doutros.

Como conclusión xeral da tese, Díaz Reinoso recalca que pode dicirse que os procesos levados a cabo resultaron "eficaces e de fácil implementación" para a obtención de produtos con actividade antioxidante. Os produtos finais obtidos presentaron actividades antioxidantes similares ás de distintos antioxidantes sintéticos. 

Ademais, engade a investigadora, os produtos obtidos a partir de vinazas de viño branco ou ourizos de castiñeiro non presentaron irritabilidade en pel polo que poderían resultar útiles na formulación de cosméticos. Estes resultados atópanse recollidos nun total de seis traballos publicados así como nunha patente realizada conxuntamente coa Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, informa Rosa Tedín no DUVI."               (Galicia Confidencial, 30/05/16)

No hay comentarios: