"Non deixes que se destrúa a sanidade pública. En calquera momento podes
ser vítima desta situación". Con esta mensaxe vén de lanzarse en
Ourense unha campaña de recollida de sinaturas para denunciar a
situación de "colapso" que en moitos momentos sofre o servizo de
Urxencias do Hospital de Ourense (CHUO).
A campaña, impulsada
por SOS Sanidade Pública, instalará un punto informativo e de recolla de
apoios este mércores ás 18.30 horas na Rúa do Paseo, xunto ao centro
cultural Ángel Valente.
Xa hai uns días a Comisión de Centro, integrada pola Xunta de Persoal e os sindicatos UGT, CIG, CCOO, CSIF, Omega e Satse, presentou
unha denuncia ante a Fiscalía ante o "colapso" que se produciu o pasado
14 de novembro e unha serie de "irregularidades" detectadas polo
persoal.
De ser admitida, Xerencia de Xestión Integrada e a
propia xerente do CHUO, Eloína Núñez, terían que responder das eivas que
as centrais sindicatos, un bo número de pacientes e a propia Plataforma
pola mellora e defensa da sanidade pública de Ourense levan tempo
sinalando.
SOS Sanidade Pública considera que "os feitos acadan niveis de moita
gravidade e polo tanto pódese estar atentando contra os dereitos básicos
das persoas que precisan atención sanitaria". "Entendemos que agardar
unha media de entre sete ou nove horas para ser atendido, non é
razoable.
Entendemos que permanecer agardando por unha cama en salas
onde os pacientes, están amoreados, ou en corredores onde os
profesionais traballan en condicións técnicas e laborais moi precarias,
onde non se pode respectar a intimidade, non se corresponde cun hospital do século XXI e que pretende publicitarse como pioneiro en tecnoloxías punta de Europa", explican.
O persoal do centro e os sindicatos que os representan sinalan
que a situación de "sobregacarga" é habitual nos últimos tempos no
centro: "nin se está atendendo ben os pacientes, nin se trata ben os
traballadores, que están desbordados", destacan. Detallan
algúns casos, nos que "25 pacientes foron ingresados nunha mesma sala,
sen ventilación nin baño" e moitas situacións de enfermos que ingresan,
se que sexan ubicados en ningún espazo do hospital, enchendo estas
habitacións ou os propios corredores.
No escrito presentado ante a Fiscalía detallábase que o Servizo de Urxencias do CHUO conta con 19 boxes para
atender as urxencias. E explicábase que o 14 de novembro (sinalado como
o momento de maior caos), 17 deles estaban ocupados por pacientes en
observación ou ingresados. Así mesmo, sinalábase que os espazos se
atopaban tan saturados que o persoal sanitario non podía acceder aos e
ás pacientes.
Ademais, 14 pacientes foron trasladados a unha Sala de
Tránsito e outros 24 a unha Sala de Preingreso que "non dispoñen de
mobiliario adecuado, nin dependencias de aseo e hixiene". A
Comisión do Centro denuncia que hai dúas unidades de hospitalización que
se atopan pechadas e que poderían achegar unhas 60 camas "que
aliviarían moito a situación". E concluía advertindo de que a Xerencia non habilitara plan ningún "para previr este colapso".
Representantes de SOS Sanidade Pública subliñan que "non queremos
fomentar alarmismos, nin desacreditar o noso Sistema Público de Saúde",
defenden os e as súas profesionais e recursos e denuncian que os
xestores do SERGAS "parece que están a traballar para que os usuarios
se busquen camiños alternativos de atención, mediante a contratación de
seguros privados ou pólizas con hospitais e centros sanitarios fora do
sistema público".
"Pechan camas, reducen persoal, non invisten
na Atención Primaria, non se potencia a capacidade resolutiva da
urxencia nos PACs, non se desenvolve a atención domiciliaria,
descapitalizan a lei de dependencia, seguimos con infraestruturas moi
obsoletas", enumeran. De igual xeito, critican que neste caso concreto a
Xerencia "negue a maior" (a través de varios comunicados de prensa
negou todas as acusacións) a pesar de que "a cidadanía coñece moi ben o
que acontece nese servizo". (Praza Pública, 29/11/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario