"O Concello de Santiago de Compostela, Instituto de Vivenda e Solo
(IGVS), Igape, Universidade de Santiago (USC), Cámara de Comercio de
Santiago de Compostela e a Asociación Área Empresarial do Tambre
asinaron un acordo de colaboración para a reindustrialización empresarial, promoción do asentamento de empresas e captación de proxectos de investimento para a cidade de Santiago de Compostela.
O obxecto do acordo, que se estenderá ata o 31 de decembro de 2020, é
establecer un marco de actuación para realizar intervencións conxuntas
no eido da planificación e desenvolvemento das infraestruturas
produtivas, formulando propostas cara ao axeitado aproveitamento dos
recursos. Ademais, as partes asinantes promoverán o desenvolvemento e a
xestión dos fins comúns para todas as zonas da área empresarial,
coordinando esforzos e aproveitando as sinerxias que iso comporta para a
optimización dos recursos investidos.
Logo da sinatura celebrouse unha xuntanza da mesa de traballo onde as
partes aprobaron un documento de acción estratéxica, que propón a
creación dun polo tecnolóxico, que denominan “Sionlla Biotecmadeira”,
con dúas vocacións definidas: biotecnoloxía e transformación da madeira.
Canto a dimensión biotecnolóxica o texto subliña a “importante
capacidade latente” da cidade neste ámbito, así como as sinerxias co
SERGAS e coas incubadoras empresariais do Concello e da Cámara de
Comercio.
Grupos de investigación
A USC posúe 58 grupos de investigación nos eidos da biotecnoloxía
e ciencias da saúde, que no período 2013-2015 obtiveron máis de 19
millóns de euros, resultado de 32 proxectos nacionais, 8 internacionais e
692 contratos con diversas institucións e empresas. Nese mesmo período
de tres anos presentáronse 26 patentes, das que 8 están en explotación e
creáronse 3 empresas de spin off universitario.
En canto ao sector da madeira, o documento estratéxico
fala de que a cidade posúe “unha oportunidade de primeiro nivel no
aproveitamento da magnífica infraestrutura industrial para abordar a
segunda transformación da madeira”.
O reto apóiase nos sectores da
rehabilitación e no chamado contract, “unha realidade en Galicia”, que é
a canle onde se integra a cadea de valor de produtos e servizos para
dar unha resposta global e especializada na arquitectura, interiorismo e
equipamento hoteleiro e outros espazos de uso colectivo.
“O obxectivo
último desta valorización tecnolóxica é servir de catalizadora para que a
iniciativa privada atope facilidades para os proxectos de
transformación real da nosa madeira”, segundo se destaca.
Este modelo de colaboración conxunta –indica a estratexia– axudará en
gran medida á reindustrialización da contorna empresarial de Santiago, “incrementando a porcentaxe de PIB
en valor absoluto e marcando como obxectivo acadar o 9 por cento en
canto ao peso do sector industrial, cando agora está no 5,8 por cento”.
O
texto engade que con datos de 2012, o PIB industrial de Vigo representa
o 21,5 por cento, de Ferrol o 12, da Coruña o 11,72, de Ourense o 9,5,
de Pontevedra o 8,3 e de Lugo o 7,6, mentres que a media de Galicia
acada o 17,1 por cento, “onde se observa un claro desequilibrio en
Santiago”.
No acto da sinatura, que se celebrou na sede social da Asociación Área
Empresarial do Tambre, participaron o alcalde de Santiago, Martiño
Noriega; a conselleira de Infraestruturas e Vivenda e presidenta do
IGVS, Ethel Vázquez; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria e
presidente do Igape, Francisco Conde; o reitor da USC, Juan Viaño; o
presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey; e o presidente da
Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús Chenel.
Tamén asistiron o director xeral do IGVS, Heriberto García; o
secretario xeral da Cámara, Fernando Barros; o vicepresidente e o
secretario do Tambre, José Fernández Albores e Ramón Lois Lorenzo; o
adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento da USC,
José Manuel Cotos; o asesor do Tambre, Xerardo Estévez, o concelleiro
de Urbanismo, Jorge Duarte, e a concelleira de Promoción Económica de
Santiago, Marta Lois; e os representantes dos grupos municipais do PP,
PSOE e BNG, Agustín Hernández, Francisco Reyes e Rubén Cela." (Galicia Confidencial, 17/01/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario