Beatriz Busto
"O NO-DO funcionou como unha ferramenta audiovisual franquista para
construír unha imaxe cultural estereotipada onde a música e o baile
xogaron un papel central no exercicio da dominación simbólica de Galicia
fronte a España da ditadura".
Esa é a conclusión principal á que chega a
tese doutoral da etnomusicóloga galega Beatriz Busto, cualificada cun
sobresaliente cum laude na Universidad Autónoma de Madrid, investigación que analiza os noticiarios do réxime fascista, as referencias explícitas ao folclore galego e os usos que a este se lle deron naqueles bolentíns informativos.
Baixo o título de La Galicia proyectada por NO-DO. La arquitectura del estereotipo cultural a partir del uso del folclore musical (1943-1981),
Beatriz Busto demostra como este noticiario "serviu para a construción e
invención dunha cultura estereotipada" do país "a través do uso
concreto da súa música e baile ou mesmo da lingua".
Así o sinala a Praza
a súa autora, que repara no "uso consciente do folclore galego con
diversos fins políticos" naqueles informativos, que "afectaban o ámbito
cultural, inventando, construíndo e elaborando un discurso do poder
bastante distorsionante".
O fundamental a responder, como lembra a etnomusicóloga galega, era o
papel que o NO-DO tivera na construción da Galicia franquista e da imaxe
que dela se transmitía. E foi clave, fundamental. "Aparece resumida
cunha serie de estereotipos", advirte, e aínda que o uso do folclore non
foi igual nos 40 ou 50 que máis adiante, o obxectivo foi "a lexitimización política a través de elementos culturais".
Ese é un dos "exercicios de poder sobre o folclore do país" que se
derivan dos 71 materiais cinematográficos que foron analizados na tese.
Busto denomina este discurso estereotipado do galego como galaiquista,
utilizado no "exercicio simbólico da dominación de Galicia". Un
discurso construído desde o NO-DO que "serviu ao réxime para xustificar
unha especie de colonización simbólica".
"Intentábase mostrar un pobo
que a través dos seus elementos culturais lexitimaba o poder", di a
autora sobre un NO-DO que nos 50 pasou a afondar no documentalismo e a
pseudoetnografía, incidindo na imaxe que se quería transmitir. "Sempre
se fala dun espazo ou lugar perdido, dunha terra primitiva, antiga,
humilde, esforzada, submisa ou silenciosa; estes adxectivos son
constantes nun discurso que non é novo pero ao que se lle dá unha volta
máis", engade a etnomusicóloga, que é profesora na Escola Municipal de
Música de Santiago de Compostela.
"Mesmo se emprega a lingua galega, reproducindo diálogos reducidos a
simples anécdotas, fóra de calquera carácter simbólico e político",
lembra Busto, que centra nese "claro obxectivo de desactivación simbólica do diferencial"
que tiña o franquismo outro dos eixos da súa tese.
Porque ese era un
dos desafíos do réxime: como compaxinar o recoñecemento evidente dun
pobo diferenciado, coas súas tradicións, a súa lingua e as súas
peculiaridades co seu discurso unitario nun "proxecto nacional
ultracatólico, anticomunista, imperial e patriarcal". A solución,
explica a docente, foi a de "apropiarse da diferenza, dos elementos
diferenciais".
De feito, o fascismo tirou do mito do celtismo, do idioma, dos
literatos do século XIX e mesmo de Rosalía de Castro, "que eran
indicativos de diferenciación cultural", para apropiarse deles e
vinculalos a "un pobo estereotipado, que non dá avanzado, que continúa
igual que anos atrás e que queda resumido ao mundo rural ou antigo".
"Preséntano de xeito positivo, pero apropiándose del", di Busto.
Xa nos anos 60, este estereotipo do galego púxose ao servizo da
promoción turística, algo que, destaca a autora, "mesmo chega até os
nosos días". A tese tamén achega unha visión crítica dos procesos
folcloristas de hoxe, "moitos deles que sobreviviron ao franquismo" e
que están relacionados especialmente coa promoción turísitca.
"Esta
industria continúa a reproducir tópicos, positivos ou negativos, do
galego e do seu folclore, producindo un claro beneficio económico pero
cun alto custo a nivel cultural", di quen cre que "o estereotipo tipista do galego segue vivo e segue a ser alimentado de múltiples xeitos".
"Galicia empezouse a mirar a si mesma a través deste estereotipo
franquista, por aceptación ou por rexeitamento; isto incidiu na mirada
propia do país sobre si mesmo e na ollada allea", remata Beatriz Busto,
que cre que "estaría ben revisar certos tópicos e estereotipos para
reconstruílos e aceptalos". Un repaso a calquera daqueles NO-DO que
facían referencia ao territorio galego e ás súas xentes abonda para
entender mellor o que a tese desta etnomusicóloga compostelá achega. Un
folclorismo esaxerado e desactivador que continúa a estar moi vixente. " (Entrevista a Beatriz Busto, Miguel Pardo, Praza pública, 20/01/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario