"Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo buscan editores para a primeira gran investigación sobre o espolio do Pazo Meirás por Franco, un espolio que foi moito máis alá das lindes daquela antiga fortaleza que Emilia Pardo Bazán
convertera nunha mansión e no que participaron e do que se beneficiaron
as elites coruñesas xurdidas ao calor do franquismo, as mesmas que
dirixiron a transición para asegurarse, entre outras cousas, que o
espolio continuara despois de Franco.
Babío e Pérez Lourenzo adiantaron este venres na sede da Agrupación Alexandre Bóveda da Coruña
algúns resultados da investigación asumindo as dificultades de que o
seu traballo sexa publicado e divulgado dada a denuncia que nel se fai
respecto da orixe do poder das elites que seguen coas mans sobre a
cidade.
Hai nese traballo denuncias concretas respecto de personalidades que se inscribiron na historia da Coruña, como Barrié ou Alfonso Molina,
aínda hoxe celebrados mentres se muda timidamente o rueiro.
De Barrié,
encargado a partir de 1939 de liquidar a chamada Junta Pro Pazo –o grupo
de notables encargado de expropiar o Pazo e incorporalo ao patrimonio
da familia Franco, así como de recadar os fondos para as melloras–, foi
tamén quen adquiriu a Casa Cornide nunha poxa en 1962.
“Curiosamente a
aquela poxa pública só asistiron Pedro Barrié e mailo xefe do Movemento
na Coruña”, contou Babío, “pagando, por baixo do valor de taxación,
44.813 pesetas. Carmen Polo encaprichouse coa Casa, pero para evitar
unha incorporación directa na que a Casa Civil de Franco adquirira, con
fondos do Estado, o edificio ao concello da Coruña, decidiuse adxudicala
a Barrié para que lla vendera logo aos Franco”.
Os investigadores
mostraron tamén o poder notarial de Franco a Barrié polo que este puido
actuar en nome do ditador entre 1939 e 1946 –unha vez fracasada a Junta
como mecanismo para a apropiación de recursos a través das distintas
fórmulas de subscrición– para ampliar as propiedades da familia en torno
ao Pazo.
Alfonso Molina, recompensado coa Alcaldía
A figura de Alfonso Molina medrou desde unha posición máis modesta
pero directamente vinculada á incorporación do Pazo ao patrimonio dos Franco.
Molina era director de vías e obras da Deputación.
Malia que a súa
xestión, e mesmo a súa capacidade como enxeñeiro foran cuestionadas por
un informe do Exército nos primeiros anos do espolio cando xa formaba
parte da Junta Pro Pazo como concelleiro da Coruña, foi recompensado coa
alcaldía da cidade en 1947 e “converteu ao Concello nunha empresa de
servizos do Pazo”, explicou Babío, como xa contara nunha entrevista
concedida en abril do ano pasado á CRMH.
“Molina estivo en Meirás desde o principio atendendo todas as
necesidades de execución de obra pública, mesmo chegou a cambiar a
titularidade dunha estrada e poñela a nome de Franco. Entre 1938 e 1945,
un Estado de posguerra, absolutamente arruinado, gastou enormes
cantidades de recursos públicos no que chegou a formar un expediente
administrativo que se chamou o circuíto de Meirás”.
No que Babío cualifica como “desvío brutal de fondos públicos a Meirás”
participaron non só as sucesivas corporacións municipais coruñesas
senón toda a estrutura administrativa do Estado na Coruña. O desvío
continuou até a morte do ditador, documentado por Babío e Pérez Lourenzo
nunha investigación profusa.
A altura de 1974 aínnda se investiron no
Pazo 2,8 millóns de pesetas e 3,5 millóns máis ao ano seguinte. Os
Franco fixéronse cunha casa na praia de Bastiagueiro, areal elixido
persoalmente polo ditador, espoliaron tamén a Torre de Dodro espallando
pezas no Pazo de Meirás, e o que comezara como unha apropiación dunha
finca de 5 hectáreas incrementouse nos 80.000 metros cadrados que
chegaron a ter en propiedades repartidas entre os concellos de Sada e
Oleiros.
O lucro dos Franco
No ano 1991, un cambio no plan de Sada de dous anos antes, permitiu á
familia Franco sacar réditos dunha venda de terreos do Pazo. Mesmo na
actualidade, segundo advertiu Pérez Lourenzo, o Concello de Sada ten
previsto indemnizar á familia pola recuperación dunha parte do Pazo
cunha cantidade “moi por riba do valor que se estima para os terreos
doutros propietarios”.
Os investigadores remataron a conferencia subliñando dúas actuacións
que dan conta do afán lucrativo dos Franco. Na primeira referiron o
aproveitamento das defecacións das tropas acuarteladas nun anexo ao
Pazo. “O cuartel tiña problemas de abastecemento de auga, pero non só
morrían de sede, senón que tiñan un problema tremendo coa evacuación do
sistema de augas fecais. En 1951 deciden construír unha fosa séptica
bacteriana, unha obra importante.
A cousa funcionou e descubriron que os
restos eran un fertilizante magnífico polo crecemento do millo nas
fincas nas que aliviaba a fosa. Así é que se fixo unha rede de
saneamento entre o cuartel e o Pazo para abonar os xardíns.
Esa obra
está entre as inversións por valor de 50.000 pesetas
que se fixeron aquel ano en Meirás”, explicou Babío. A metáfora da
explotación da merda, usada no espléndido filme Madregilda, dá conta dun
feito físico moi real respecto da condición a que someteu o Réxime á
poboación enteira.
Tamén recordaron que Franco estableceu unha empresa chamada Pazo de
Meirás Productos de la Huerta. Explotaba fincas expropiadas, criaba
puxos, producía leite, viño e madeira entre outros aproveitamentos.
O
Ministerio de Agricultura facilitaba sementes e mesmo as crías dos
animais. Os investigadores mostraron documentos nos que a Casa Civil de
Franco agradecía a organismos públicos as súas achegas, e tamén algún
recibo de 180 pesetas por 6 ducias de ovos producidas no Pazo.
As pegadas dos Franco na Coruña actual
Franco garantiu o éxito dos seus negocios privados e abonou tamén
xenerosamente os negocios dos seus facilitadores. As pegadas poden
seguirse até hoxe. Son as mans sobre a cidade das elites en asuntos como
o da Solana e o hotel Finisterre que, sinalaron os
investigadores, explican as trabas a que se fale publicamente da
memoria, á memoria das vítimas.
No caso da Solana e do Finisterre, a
división industrial do Banco Pastor (Barrié) entrou en 1945 na sociedade
con Emilio Rey (daquela vicepresidente de La Voz de Galicia) e Armando
Casteleiro que recibiran a concesión para as edificacións.
Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo buscan editores para a súa obra.
O espazo para a presentación do estudo que, até agora era un groso tomo
nunha carpeta de aneis, xa o teñen. Ofreceullo Sánchez Rei, o
presidente da Alexandre Bóveda, agradecendo o éxito da convocatoria e
animando a unha revisión valente das políticas de recuperación da
memoria histórica na Coruña." (Historia de Galicia)
No hay comentarios:
Publicar un comentario