"Algo máis de 1,6 millóns de hectáreas. É a superficie que os incendios
forestais arrasaron en Galicia nos últimos corenta anos, dende o inicio
da vixente serie histórica en 1976 -as previas son moi limitadas- e ata o
pasado 2016, exercicio do que o Ministerio de Agricultura pechou xa o
balance provisional con datos fornecidos pola Administración autonómica,
aínda que a Xunta aínda non os difundiu oficialmente -non adoita facelo
ata a aprobación do plan contra incendios do ano seguinte-.
Isto supón
que nas últimas catro décadas ardeu o equivalente á máis da metade do
territorio galego.
O máis de millón e medio de hectáreas que arderon dende 1976 equivalen a
algo máis do 55,5% do territorio da Galicia actual, pero a incidencia
do lume non é homoxénea en todo o país.
Boa mostra disto son os datos
máis recentes, os do ano pasado:
máis da metade das hectáreas ardidas, case 11.400, situáronse na
provincia de Ourense, que concentrou catro dos oito grandes incendios
forestais dese ano -os superiores a 500 hectáreas.
Neses catro episodios
-en Entrimo, Cualedro, Oímbra e Muíños- arderon 6.698 hectáreas,
segundo os datos do Ministerio. A contorna da Barbanza ou o Baixo Miño
tamén sufriron especialmente o impacto dos incendios, mentres que na
Mariña lucense, como adoito, apenas ardeu o monte.
Aínda que as máis de 21.000 hectáreas ardidas en 2016 son o segundo
peor balance anual dende a gran vaga de lume do 2006 os datos acumulados
amosan ás claras un descenso moi notable na superficie afctada polas
lapas dende que a Xunta, a comezos dos anos 90 do século pasado, comezou
a contar cun dispositivo contra incendios de seu.
Así, do récord de
case 200.000 hectáreas ardidas en 1989 pasouse a un escenario no que só
se superaron as 40.000 hectáreas anuais en seis ocasións en case trinta
anos: 1995, 1998, 2005, 2006 e 2011. Na última década percíbese,
ademais, unha caída moi significativa no número de incendios: de case
12.000 en 2005 a 2.400 en 2016.
Dende o inicio deste século destacan especialmente o número de
hectáreas ardidas en tres anos: 2005 -case 60.000-, 2011 -máis de
40.000- e, moi especialmente, o ano 2006, cando o balance final
dun exercicio marcada pola dura vaga de incendios do verán finalizou con
case 96.000 hectáreas afectadas polas lapas, máis da metade de
monte arborizado.
O ardido naquel ano foi, no entanto, menos do
avanzado en pleno verán polo daquela líder da oposición, Alberto Núñez
Feijóo, que baseándose en mapas dunha web especializada en cartografía
afirmou, na recta final da vaga de incendios, que o lume levara por
diante naquel verán máis de 175.000 hectáreas.
Con intensidade variable en función da virulencia de cada vaga de
incendios, factor no que a meteoroloxía segue a ter unha influencia
determinante -o chuvioso verán de 2014, por exemplo, deixou o balance
anual de hectáreas queimadas en pouco máis de 2.000-, os incendios están
acompañados cada ano pola controversia política e o debate sobre a
efectividade e xestión do dispositivo.
Así, o persoal segue a reclamar estabilidade laboral, un mando único, a preponderancia do público sobre as empresas privadas do sector e unha adaptación á "desestacionalización" do lume, toda
vez que os outonos e invernos con poucas precipitacións veñen traendo
consigo incendios de relevancia fóra da habitual temporada de incendios.
O inicio deste 2017 foi unha boa mostra desa desestacionalización dos incendios. Así, despois dun mes de xaneiro cunha media de catro incendios ao día e tras un inverno no que só en Ourense arderon unhas 400 hectáreas de monte
-a cifra é unha estimación, xa que a Consellería de Medio Rural ten
como norma xeral dende 2009 non facer públicos os incendios inferiores
ás 20 hectáreas-, dende este luns, 10 de abril, e "ata novo aviso" a
Xunta decidiu prohibir as queimas agrícolas e forestais controladas por mor da previsión de altas temperaturas e fortes ventos.
Esta prohibición das queimas chega nun contexto no que, só na fin de
semana, tres concellos da provincia de Ourense rexistraron incendios con
máis de 150 hectáreas ardidas. Así, segundo datos de Medio Rural, en
Lobios arderon dende a tarde deste domingo unhas 100 hectáreas nun
incendio que a primeiras horas do luns seguía activo. En Carballeda de
Avia un incendio xa extinguido queimou 20 hectáreas na parroquia de
Vilar de Condes e en Vilariño de Conso outro incendio arrasou 34
hectareas de monte raso na parroquia de Sabuguido." (David Lombao, Praza Pública, 10/04/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario