4/10/17

Así se adultera a cocaína que entra en Galicia, cada vez máis perigosa

"Analxésicos, anestésicos, antiepilépticos, betabloqueadores, nootrópicos, estimulantes psicoactivos, antiparasitarios e outras substancias como o ácedo bórico. Isto é o que se meten os consumidores da cocaína coa que se trafica en Galicia. 

As mostras incautadas mostran altas taxas de adulterantes, con produtos que "imitan ou potencian os efectos desta droga, como a cafeína" —que se pode considear "practicamente inocua"—, pero tamén con "outras substancias perigosas como a fenacetina e o levamisol, nun número crecente de mostras". 

De feito, a adulteración da cocaína en Galicia "sufriu un importante aumento desde o ano 2007, con case todas as mostras analizadas con polo menos un adulterante". Así o constata un informe de Inspección Farmacéutica e Control de Drogas da Área de Sanidade da Subdelegación do Goberno na Coruña.

Un equipo de expertos liderado por Mª Ángeles Villar Núñez analizou mostras de todas as incautacións de cocaína realizadas durante oito anos nas provincias da Coruña e Lugo, entre 2007 e 2014. Os resultados publícanse agora no estudo 'Purity and adulteration in cocaine seizures and drug market inspection in Galicia (Spain) across an eight-year period', na revista Drug Testing and Analysis (23 maio 2017, doi: 10.1002/dta.2216.)

As análises químicas do po de cocaína mostraron altas doses de produtos adulterantes, cunha "gran heteroxeneidade nos valores de pureza da cocaína", dependendo da escala no tráfico e venda desta droga, sendo na escala máis baixa, a da pequena venda, onde se atoparon os maiores índices de adulteración.

Para as análises consideráronse cinco intervalos de peso: 1,2 gramos de cocaína como límite superior do primeiro intervalo, sendo esta cantidade considerada como a dose letal mínima estimada; un segundo intervalo entre 1,2 e 5 gramos, cantidade descrita como a dose que os adictos poden tolerar; un terceiro intervalo de peso que inclúe cantidades de ata 100 gramos de cocaína, incautadas cunha frecuencia razoable, e un cuarto e último intervalo de análise con cantidades superiores a 100 gramos e 1.000 gramos, correspondentes a confiscacións de tamaño medio e grande, respectivamente.

O peso das mostras de cocaína incautadas foi heteroxéneo e mantívose estable durante anos, con medianas calculadas que comprenderon valores entre 0,294 gramos [0,113-0,829] e 0,394 g [0,170-1,163], que "é un indicador da baixa porcentaxe de incautacións de cocaína relacionadas co tráfico a grande escala e proporciona probas de que a maioría das incautacións están vinculadas ao nivel do comercio polo miúdo na rúa ou ao autoconsumo.

 Non se observaron diferenzas no peso das confiscacións que puidesen indicar un cambio nos patróns de tráfico", detalla o informe.

PUREZA POR ANOS

A pureza do po vendido como cocaína é moi heteroxénea, presentando un "alto grao de dispersión que non encaixaba dentro dunha distribución normal" e que "se explica polas orixes heteroxéneas das confiscacións analizadas, que van desde o autoconsumo aos grandes alixos, e tamén polo gran número de mostras analizadas, unha media de 1.080 por ano", apuntan os autores do estudo..
As concentracións mínima e máxima de cocaína variaron desde case nada (0,6%) ata moi pura (> 99,0%).

Os valores máis altos de pureza da cocaína concentráronse nos dous primeiros anos de estudo, 2007 e 2008, con medianas de 48,2 [34,5 - 73,0] no ano 2008. Atopáronse datos similares nos últimos dous anos; de feito, a mediana determinada para o ano 2014 representou o valor máis alto de todo o período, 57.0 [32.0 - 73.0], valores lixeiramente superiores aos obtidos a partir de datos europeos, "pero isto debe terse en conta considerando que España, xunto con Bélxica, Países Baixos, Francia e Italia representaron o 84% da cantidade total estimada de cocaína incautada en 2014", detállase no informe.

Os datos de pureza máis baixa obsérvanse nos anos centrais do estudo (2009-2012), con medianas comprendidas entre 29,9 [18,9 - 43,5] e 36,4 [21,6 - 62,5]. "Isto podería ser un reflexo da información proporcionada polo OEDT [Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías], que recolleu no seu Informe Mundial sobre as Drogas de 2009 que «o cultivo de drogas de opio e coca está estancado ou en caída" e que «os principais mercados de opiáceos (Europa e Asia Suroriental), cocaína (América do Norte) e cannabis (América do Norte, Oceanía e Europa) están en declive», feito que pode explicar a diminución da pureza observada a partir de 2009 e durante os anos centrais estudados", xustifican os responsables do estudo feito en Galicia.

Máis detalladamente, lembran que o informe do OEDT indica especificamente unha redución estimada da produción mundial de cocaína do 15% en 2008, debido a unha forte redución da produción en Colombia (28%), non compensada por aumentos en Bolivia (6%) e Perú (4%). Os datos extraídos da base de datos do OEDT para a pureza das incautacións de cocaína indican, ademais, unha caída xeral na maioría dos países da Unión Europea durante o período 2006-2011, cun aumento nos últimos anos que se considera estabilizado.

A información sobre a pureza das incautacións de cocaína en España mostra medias que van desde o 50,5% en 2007 ata o 39% en 2013, mostrando unha diminución bastante constante que imita a situación descrita en Europa e tamén en Galicia.

PUREZA POR PESO

O intervalo de peso que representa máis do 75% da cocaína total incautada nas provincias da Coruña e Lugo foi o correspondente ao límite inferior establecido no estudo, que comprende pesos inferiores a 1,2 gramos; é dicir, o tráfico polo miúdo. As análises dos datos de pureza agrupados nos tres primeiros intervalos de peso que comprenden mostras incautadas de ata 100 gramos mostran diferenzas en comparación cos intervalos que inclúen pesos superiores.

Para as mostras de máis dun quilo de po de cocaína atopáronse valores de pureza entre 63,5-73,0 e 73,2-84,8 mentres que os valores entre 100 e 1.000 gramos foron de 28,9-69,8 e 52,0-84,0, o que "indica unha composición máis heteroxénea deste grupo", apúntase no estudo.
Foi nos intervalos de menor peso onde se atoparon valores de pureza inferiores, con medianas comprendidas entre 24,5 [11,5-38,3] e 69,8 [38,1-80,8].

Ademais, observouse que "os valores mínimos e máximos de pureza mostran un aumento moderado desde os dous intervalos inferiores ata o último". Tamén se comprobou que "o rango entre estes extremos é máis estreito no último intervalo considerado, o que demostra que as mostras incautadas de máis de 1.000 gramos, correspondentes ao tráfico a gran escala, mostran niveis de pureza máis altos, mentres que os valores de pureza das incautacións menores son máis baixos e máis heteroxéneos".

 É dicir, o po de cocaína que chega aos grandes narcotraficantes ten máis pureza que o que terminan comprando os consumdores habituais nas rúas.

As análises de tendencia anual da pureza da cocaína a partir de mostras agrupadas en intervalos de peso mostran ademais unha diminución na pureza durante os anos centrais analizados. "A diminución observouse especificamente nos dous intervalos que comprenden cantidades menores, que explican o autoconsumo e o tráfico de drogas, xa que as doses nas rúas teñen máis probabilidades de ser adulteradas para aumentar o número de doses susceptibles de venda e os ingresos obtidos, entre outros obxectivos, e por tanto máis susceptibles de reflectir cambios no mercado de drogas ilícitas", explícase no informe.

É só no grupo de incautacións de máis de mil gramos —o tráfico a grande escala— onde o comportamento en termos de pureza é "bastante estable, non mostrando unha diminución nos valores de pureza, o cal apoia o feito de que o tráfico a grande escala é máis resistentes aos cambios no mercado".

Finalmente, as análises químicas mostran que a pureza media da cocaína nas incautacións policiais diminuíu do 32% en 2007 ao 23% no primeiro trimestre de 2009, mentres que a pureza da substancia incautada polas aduanas (os grandes alixos) diminuíu do 67% a 56% no mesmo intervalo de tempo. Case un terzo das incautacións policiais presentaron niveis de pureza inferiores ao 9% e nalgunhas mostras do tráfico polo miúdo detectáronse valores de pureza do 4% ao 5%, no primeiro trimestre de 2009.

TIPOS DE ADULTERANTES

As mostras de cocaína incautadas en Galicia son "moi heteroxéneas, non só en termos de concentración, senón tamén de composición". As análises químicas conduciron á detección de substancias adulterantes "múltiples e variadas".

"Unha porcentaxe extremadamente alta das incautacións de cocaína tivo na súa composición outras substancias, particularmente evidentes durante os últimos anos de estudo, o que pode indicar unha compensación pola escaseza de subministración de cocaína", inciden os autores do informe.


A clasificación farmacolóxica de todas as substancias detectadas nas incautacións de cocaína revela esta heteroxeneidade, atopando substancias como analxésicos, anestésicos, nootrópicos, estimulantes psicoactivos, antihelmínticos e outras como ácedo bórico, e combinacións diferentes de todas elas.
A frecuencia de adulteración aumentou notablemente, do 64% en 2007 ao 93,3% en 2014, cun total de 18 adulterantes diferentes detectados no período de tempo investigado.

Dentro do grupo de analxésicos, a fenacetina —substancia activa utilizada en analxésicos e mesturas redutoras da febre— sitúase como o elemento co que máis frecuentemente se adultera a cocaína, cun importante aumento de frecuencias observado a partir de 2009, superando ese ano máis do dobre a porcentaxe en comparación cos anos iniciais (46,4% en 2009 vs 17,1% en 2007). Observouse un pico en 2010, co 53,3% das mostras analizadas que conteñen este fármaco. A fenacetina foi retirada do mercado e está prohibida en moitos países debido aos vínculos con insuficiencia renal e carcinoxenicidade.

Outros analxésicos detectados na composición do po de cocaína en Galicia son o paracetamol e o metamizol, este último atopado cunha frecuencia moito máis baixa. Tamén se atoparon mostras reducidas de antiinflamatorios non esteroideos como o ácedo acetilsalicílico e o ibuprofeno, ou betabloqueantes como o diltiazem, cuxa presenza na cocaína diminuíu dramaticamente desde os primeiros anos do estudo.

Nos resultados das análises observouse un marcado aumento na detección dalgúns anestésicos, principalmente a lidocaína, durante os últimos anos do estudo, atopándose no 36,3% das mostras incautadas.

 O ácedo bórico, cuxas propiedades son antisépticas, funxicidas e insecticidas, foi tamén unha substancia comunmente detectada no po de cocaína, pero a súa presenza diminuíu co tempo a favor doutras substancias como o levamisol, cuxa presenza se volveu moi común, chegando ao 89,7% das incautacións en 2014. O levamisol é un antiparasitario que reduce os glóbulos brancos e dana o sistema inmunolóxico; o seu consumo conleva risco de morte.

O levamisol converteuse no adulterante máis abundante nas incautacións de cocaína, en todos os intervalos analizados e, especificamente, a partir do ano 2010, como se informou anteriormente noutros países europeos. A súa presenza na cocaína coa que se trafica a pequena escala, nas rúas, relacionouse con casos de agranulocitose (ou neutropenia), que leva a unha diminución do número de neutrófilos, predispoñendo o corpo humano a contraer infeccións, e tamén de vasculite pulmonar.

A presenza de levamisol en practicamente todas as mostras de cocaína que se analizaron en Galicia e noutras áreas de Europa leva aos expertos a deducir que este ingrediente se engade tanto no lugar de produción, inmediatamente despois da elaboración da cocaína, como ao comezo da cadea de comercialización, chegando así a todos os niveis da distribución da cadea.

Ademais, o aumento observado da adulteración con levamisol é coincidente co inicio da diminución do uso de fenacetina, o que podería estar relacionado coa limitada dispoñibilidade desta substancia no mercado legal, prohibida en moitos países por nefrotoxicidade.

Outros adulterantes presentes en todos os intervalos analizados son os xa mencionados fenacetina, ácedo bórico e lidocaína.

Considerando a frecuencia de aparición, os adulterantes de cocaína foron divididos en tres grupos: levamisol, fenacetina, lidocaína, ácedo bórico, cafeína, piracetam e diltiazem, incluídos no primeiro grupo, caracterizados por mostrar unha frecuencia superior ao 5%; un segundo grupo, caracterizado por unha frecuencia inferior ao 5% e superior ao 1%, con substancias como procaína, paracetamol, tetracaína e benzocaína; nun terceiro grupo inclúense outros adulterantes, marxinalmente presentes no po de cocaína, como metamizol, ácedo acetilsalicílico, ibuprofeno, gabapentina, ketamina e efedrina. "                        (Galicia Confidencial, 09/06/17)

No hay comentarios: