"A Vicepresidencia admitiu no Parlamento
que “Ricarsat realiza servizos habituais coas administracións; en
concreto, coa Xunta de Galicia veno facendo polo menos nos últimos doce
anos”. Asemade a Administración tamén di ser coñecedora que o seu
contratista é traballador público: “Carlos Faílde Pereiras está
identificado na base de datos de medios e recursos susceptibles de
mobilización polo 112 como coordinador dos servizos de emerxencias do
Concello da Estrada”. Carlos Faílde é, ademais de xefe de Protección
Civil na Estrada e ex-cargo do PP local, administrador único de Ricarsat.
“Ten noticias a Xunta de Galicia de eventuais contratos públicos que
puidera ter adxudicado o Concello da Estrada a empresas das que puidera
ser administrador o Sr. Faílde ou persoas vinculadas, nomeadamente no
sector das emerxencias, protección civil ou seguridade pública? Se for o
caso, algún destes contratos estaría confinanciado con cargo a fondos
europeos?”, preguntou en concreto o PSOE.
Vicepresidencia preferiu non concretar que lle comprara a Faílde, malia
que son contratos do sector público e xas o desvelara GC.
As vendas de material á Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA),
dependente da Vicepresidencia, por parte de Ricarsatson as seguintes,
segundo figuran no DOG e na Plataforma de Contratación da propia Xunta.
En 2013 subministrou un sistema de videoconferencia para os centros 112
de Galicia, Castela e León e norte de Portugal; e un sistema de
telecomunicacións para o vehículo de posto de mando avanzado da Axega
polo que ingresou 41.322 euros.
Do mesmo organismo obtivo adxudicacións
en decembro de 2015 pola venda de esparexedores de sal por 49.565 euros nun concurso ao que só Ricarsat se presentou. En setembro de 2016 ingresou 37.165 euros pola venda de coitelas quitaneve para os servizos de emerxencias. As tres adxudicacións foron cofinanciadas pola Unión Europea. E equipou tamén catro vehículos Renault Kadjar para a axencia en 2016.
Na súa resposta,malia ter sido preguntada polo PSdeG
explicitamente sobre outras empresas relacionadas con Faílde,
Vicepresidencia obvia calquera referencia a Emersafe. Nesta
outra empresa, Faílde é apoderado e a súa muller administradora.
Emersafe tamén factura regularmente á Vicepresidencia mediante contratos
adxudicados usando o procedemento negociado sen publicidade, é dicir,
por invitación a dedo.
Tanto Faílde como Vicepresidencia, cuestionados por GC, negaron calquera irregularidade. Con todo, Faílde presentou unha petición de excedencia como traballador público do Concello da Estrada tras desvelar GC as adxudicacións.
O alcalde, do PP, defendeuno pero dixo que aceptaría a excedencia
solicitada polo seu compañeiro de partido unha vez que pasara o período
de incendios do verán. Con todo, aínda hoxe non hai noticias de que o
empresario abandonara polo de agora o seu mando público.
Efectos inmediatos, polo contrario, si tivo a súa dimisión da directiva local do PP,
que Faílde dixo tomaba para protexer a honorabilidade da súa empresa e o
futuro dos seus empregados. Segundo fontes consultadas por GC, Faílde
presumía da súa amizade co vicepresidente, Alfonso Rueda. Rueda
e Faílde aparecen xuntos en numerosas fotos, pois o
empresario/traballador público era un dos cargos que se deixaban ver nas
visitas institucionais do Vicepresidente á vila.
Na súa resposta, a Administración lávase as mans e parece deitar as responsabilidades dunha posible incompatibilidade nas costas do empresario.
Así lembra que “que toda persoa concorrente a unha licitación pública
teñen a obriga de cumprimentar unha declaración expresa e responsable de
ser certo que non se atopa en ningún dos supostos de prohibición para
contratar que establece a lexislación en materia de contratación
pública, así como tampouco en ningún dos supostos de conflito de
intereses ou incompatibilidade establecidas nas respectivas normas do
Estado ou da Comunidade Autónoma”.
Incompatibilidade que está a ser obxecto dun duro debate político na
Estrada, pois Faílde non só lle facturaba á Vicepresidencia, tamén
vendía, tanto a través de Emersafe como de Ricarsat, material de
emerxencias ao propio concello no que aínda é coordinador de
emerxencias." (Galicia Confidencial, 13/09/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario