"Un carballo mellorado xeneticamente, que medre
máis rápido e proporcione madeira de calidade e así deteña a entrada de
plantas foráneas. Este é o obxectivo dun proxecto da Fundación Juana de
la Vega e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que agora
entra na súa fase decisiva.
Nos próximos meses plantaranse os primeiros exemplares mellorados en Trasmirás, Santa Comba e Chantada. Os novos carballos medrarán en varias leiras de titularidade pública, tanto na zona atlántica como na Galicia oriental.
En que son diferentes estes carballos? A Fundación Juana de la Vega explica que xuntan materiais xenéticos de diferentes procedencias xeográficas,
dentro da mesma zona climática galega. O obxectivo final é que nos
viveiros privados se poidan vender carballos máis robustos e con
garantías de éxito.
Árbores que medren máis rápido pero que tamén
proporcienen madeira de mellor calidade.
Para conseguilo, recolléronse 24.000 landras en carballeiras de Quercus robur.
Esas landras xerminaron en varios viveiros —Viveros Costa de Lóngaras
(Abadín) e Centro Forestal Rías Baixas (Vilaboa)— durante dous anos,
desbotándose os peores exemplares.
Agora plantaranse no monte co obxectivo de, ao final, facer unha nova
criba, escollendo os que mellor se adapten. Para isto, plantaranse
xuntos -uns 2.500 por hectárea- de xeito que teñan que competir tanto
pola luz como polo alimento.
Tras unha terceira criba, a Fundación explica que
“estes exemplares formarán parte das catro carballeiras selectas
melloradas de carballo de Galicia como fonte de semente de calidade para
a produción de plantas de viveiro e a súa posterior plantación
forestal”.
A iniciativa botou a andar en 2015 e, segundo Campo Galego, os
primeiros exemplares sairán dos viveiros cara tres fincas do Banco de
Terras en inverno. A meta final é crear, en palabras do Centro de
Lourizán, unha “auténtica reserva xenética do carballo na nosa xeografía”. (Galicia Confidencial, 20/07/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario