20/9/17

Compostela crea unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro

"A tramitación do plan de mobilización de vivenda baleira en Compostela botará andar esta sexta feira 15 de setembro, cando remata o prazo de inscrición, cun dobre obxectivo: poñer en valor a cidade construída e facilitarlle o acceso a unha vivenda digna ás persoas que o necesitan. Así o define o concelleiro Jorge Duarte, responsábel de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais e Urbanismo.

Segundo o último Censo de Vivendas do INE (2011), en Santiago hai 9.512 vivendas baleiras. As persoas que poñan a disposición as súas propiedades poderán beneficiarse dos programas de axudas e fomento do alugueiro como "o seguro de danos na vivenda, o seguro de caución para garantir o cobro do alugueiro e, probabelmente, compensacións económicas por un tanto por cento no IBI ou axudas para obras de rehabilitación menores", segundo explicou Jorge Duarte.

Determinaranse valores máximos de renda para cada vivenda en función da súa localización, do número de persoas inquilinas e das súas dotacións. En función diso, os prezos de alugueiro fixados polo Concello oscilarán entre os 275 e os 650 euros mensuais. Ademais, os propietarios e as propietarias deberán aceptar o límite de renda máxima fixado polo Concello.

O prazo para a presentación de solicitudes remata a sexta feira 15 de setembro de 2017 e as persoas interesadas poden dirixirse á Oficina de Vivenda e Rehabilitación da praza do Pan (praza de Cervantes) para obteren máis información.

Diverxencias co programa da Xunta

Porén, este programa de vivendas baleiras difire do da Xunta en colaboración coa Fegamp ao que se adheriu en setembro de 2016 o Concello de Santiago, mais que aínda non puxo en marcha. No plan autonómico, o prezo limitado vai dos 250 aos 350 euros por alugueiro co fin de poder atender necesidades sociais para persoas que procuran fogar.
Nese Plan Galego de Rehabilitación, Aluguer e Mellora do acceso á vivenda 2015-2020 búscase "poñer a disposición as vivendas desocupadas, para as destinar a aquelas unidades familiares ou de convivencia con maior dificultade de acceso á vivenda e, de xeito prioritario, ás afectadas por procedementos de execucións hipotecarias ou por desafiuzamentos por impagamento da renda de alugueiro da súa vivenda habitual".
No documento asinado coa Fegamp recoñécese que "a profunda crise económica que atravesou o país e que provocou un importante impacto na situación de moitos fogares, expoñéndoos a situacións de vulnerabilidade, fixo modificar as prioridades das políticas públicas nesta materia".                 (Sermos Galiza, 12/09/17)

No hay comentarios: