"A corvinata real (Cynoscion regalis) é a nova ameaza para o ecosistema
mariño galego. Esta especie é nativa da costa atlántica de Norteamérica,
desde Nova Escocia ata Florida. En 2009 informouse por primeira vez da
súa presenza fóra da súa distribución natural, nun esteiro belga.
Na súa
lenta pero incensante expansión pola costa europea, a corvina americana
xa chegou a Galicia, onde foron capturados seis especímenes ao longo de
2016. Agora, científicos galegos dan conta destes achados e dos
posibles perigos que supón a súa presenza para os ecosistemas mariños
galegos.
Fanno na revista científica Marine Biodiversity, nun artigo titulado 'Evidence
of a rapid colonization of the Atlantic European waters by the
non-native weakfish Cynoscion regalis (Perciformes: Sciaenidae)', no que presentan os resultados das análises morfolóxicas e xenéticas dos exemplares recollidos en augas galegas.
Os científicos alertan de que "o feito de que varios exemplares de
corvinata real fosen capturados nos últimos sete anos nun amplo rango de
distribución podería indicar unha rápida expansión e procesos de
colonización ao longo das costas atlánticas nororientais", incluídas
augas galegas.
EXPANSIÓN
O certo é que dende que en 2009 se reportou o primeiro exemplar de
corvina americana en Europa, en Bélxica, a súa expansión continuou por
distintas latitudes. Hai probas da súa introdución a partir de 2011 no
Golfo de Cádiz, inicialmente identificado erroneamente como Cynoscion
nebulosus e posteriormente identificado correctamente como Cynoscion
regalis. Recentemente, a especie tamén foi capturada en diversas zonas
do sur e centro de Portugal.
Agora, os investigadores galegos confirman á
comunidade científica que os seis exemplares atopados en 2016 en
Galicia pertencen tamén a esta especie, o que confirma a súa rápida
colonización na costa atlántica europea.
"Seis exemplares de Cynoscion regalis foron capturados en augas galegas
pola frota artesanal durante 2016, pero só se conservaron o primeiros
catro. De acordo coas declaracións dos pescadores, esta especie foi
frecuentemente capturada na ría de Vigo durante a tempada de verán,
indicando 2016 como o ano da introdución desta especie en augas
galegas", detallan os científicos.
Estes seis son "os primeiros rexistros desta especie en augas galegas e
o informe máis setentrional da Península Ibérica" e é tamén "o primeiro
caso documentado dunha especie nativa de peixes do Atlántico occidental
na área", confirman os autores.
Descoñécese como chegou esta especie ata augas da Península Ibérica,
primeiro ao Golfo de Cádiz e logo a Galicia, pero non se descarta a priori ningunha hipótese, incluíndo a mediación humana vía auga de lastre ou acuicultura.
"Aínda que se descoñece o vector de introdución de C. regalis, é moi
improbable que esta especie cruzase por si mesma o Océano Atlántico",
sosteñen os científicos, que consideran que as "causas antropoxénicas", é
dicir, as derivadas da acción humana, "parecen ser a vía máis probable"
da introdución desta especie nas augas europeas.
"Dado que esta especie non se cultiva en España, a introdución por vía
marítima parece ser o vector máis plausible", aportan os investigadores,
que consideran que está sería a hipótese máis factible polo feito de
que "a maioría dos especímenes reportados en Galicia foron detectados
nas proximidades de portos comerciais internacionais como Celeiro, San
Cibrao e Vigo". Con todo, os científicos apunta a unha "introdución
secundaria" en Galicia dende as áreas xa reportadas en Europa
previamente e, máis concretamente, no sur da Península Ibérica.
O certo é
que no esteiro do Guadalquivir, no Golfo de Cádiz, a corvinata real xa
constitúe" unha poboación ben establecida e comercialmente explotada",
apuntan os responsables dos achados en Galicia, que xogan coa idea de
que os rexistros posteriores cara ao norte, na costa de Portugal e nas
augas galegas, en 2015 e 2016, poderían representar expansións da
poboación introducida no esteiro do Guadalquivir por migración natural
e/ou desprazamento por correntes".
Este comportamento migratorio sería similar ao que mantén a especie na
súa área nativa, onde "a migración estacional durante a primavera leva a
corvinata real nun movemento setentrional ao longo da costa", o cal
podería estarse repetindo no Atlántico oriental.
Así, os científicos consideran máis probable que "tanto os rexistros
portugueses como os galegos se deben a expansións da primeira
introdución na Península Ibérica, no esteiro do Guadalquivir".
Para os investigadores galegos, " a aparición de varios exemplares ao
longo dun amplo rango de distribución, incluída unha poboación xa
establecida no Golfo de Cádiz, parece ser indicativa dos rápidos
procesos de colonización e expansión de C. regalis nas augas do
Atlántico europeo".
AMEAZA
Por que a corvina americana é unha ameaza para os ecosistemas mariños
galegos? Os expertos avisan de que a introdución voluntaria ou
involuntaria de especies exóticas no medio mariño pode repercutir de
maneira negativa e supoñer un grave risco para o ecosistema autóctono.
Aínda que os estudos sobre o impacto da corvinata real —especie
piscívora— aínda están comezando e pouco se sabe dos efectos da presenza
desta especie exótica en augas do Atlántico europeo, a invasión do
Cynoscion regalis en zonas de alimentación e crianza podería ter
consecuencias moi negativas para algunhas especies autóctonas, o
equilibrio do ecosistema e a economía local.
Sobre os posibles prexuízos que esta especie pode ocasionar no hábitat
mariño, hai que ter en conta que se trata dunha especie depredadora de
peixes e crustáceos que habita na zona costeira e reprodúcese nos
esteiros, polo que é un competidor polos recursos doutras especies de
similar alimentación e o uso de hábitats, ademais de exercer unha nova
presión sobre esas especies presas. Ademais, podería ter un efecto
directo sobre especies autóctonas similares ao alimentarse das fases
xuvenís destas, e podería traer enfermidades ou parasitos que poden
afectar as especies autóctonas con mais virulencia.
Os primeiros estudos son moi recentes e iniciais, polo que os
científicos galegos chaman a desenvolver máis traballos de investigación
e programas de monitorización sobre o impacto de C. regalis nos
ecosistemas costeiros europeos, principalmente nas zonas dos esteiros,
para o manexo adecuado desta nova especia nas nosas augas.
Aínda que segundo a bibliografía consultada a especie pode alcanzar o
metro de lonxitude, ata agora só se pescaron exemplares de entre 200 e
500 gramos de peso e tallas inferiores aos 50 centímetros en Andalucía e
arredor dos 30 centímetros en Galicia.
O equipo que traballou nos achados, análises e estudo dos espécimenes
atopados na costa galega está composto por investigadores do Instituto
de Investigacións Mariñas (IIM) en Vigo, pertencente ao Consejo Superior
de Investigaciones Científicas; do Grupo de Estudo do Medio Mariño
(GEMM), con base en Ribeira; e do Centro de Apoio Científico e
Tecnolóxico á Investigación (CACTI), do Departamento de Bioquímica,
Xenética e Inmunoloxía e da Facultade de Bioloxía da Universidade de
Vigo.
Os científicos contaron coa colaboración e achegas das confrarías de
Cangas do Morrazo, O Vicedo e Celeiro— e as embarcacións 'O Vilela'
e 'Hermanos Riveira' por proporcionar os exemplares capturados nas rías
de Vigo e O Barqueiro e os seus datos
Os exemplares de corvina americana capturados en Galicia e conservados
foron depositados na colección de peixes do Museo de Historia Natural
Luís Iglesias da Universidade de Santiago de Compostela cos números de
referencia MHNUSC 25048-1 a MHNUSC 25048-3." (Galicia Confidencial, 16/09/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario