"Mesmo a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reaccionou este mércores á campaña de fiscalización e control que está a levar a cabo Inspección de Traballo en diferentes zonas de Galicia,
nalgúns casos xunto a axentes da Garda Civil, controlando e abrindo
expedientes pola participación de persoas non contratadas na recollida
de patacas, no ensilado do millo ou na vendima.
Non é unha fraude, como
advirten os afectados, senón a man habitual que familiares e veciños
botan nestes labores agrícolas sen contraprestación económica ningunha e
cun xantar entre amigos -de habelo- como única recompensa. Pero iso
moitos terano que demostrar nos seus recursos ante os expedientes xa
abertos con propostas de sanción.
"Pódovos ensinar fotos de cando se recollen as patacas na miña casa e
están desde os pais aos veciños pasando polos campos; poden estar a
axudar a apañar as patacas os xubilados e os nenos, é algo que se fai e
que é normal", advertiu a titular de Medio Rural, que pediu "respecto"
aos costumes e tradicións e que "os inspectores sexan conscientes desa
realidade galega" e que non vaian "máis aló".
Desde o sindicato Unións
Agrarias, (UUAA), que denunciou a situación, advirten de que isto "vén de lonxe" e que non é a primeira vez que ocorre.
Houbo inspeccións nas últimas semanas na vendima, nomeadamente na
provincia de Ourense, e tamén na recollida de patacas en diferentes
comarcas galegas.
"O ano pasado xa houbo varias propostas de sanción que se recorreron e
se gañaron no xulgado e desta vez temos que agardar porque aínda están
en fase de instrución", di a Praza.gal Roberto García, secretario xeral
de UUAA, que advirte de que, "gañando ou non por vía xudicial, os gastos dos trámites, de avogados ou de asesoría xa supoñen unha multa para o afectado".
"Sempre nos acaban dando a razón porque non hai contratación
fraudulenta ningunha; non defendemos que se poña a traballar xente sen
contrato, que é algo que hai que controlar, senón defendendo un modelo
básico de traballo en todas as parroquias de Galicia", engade.
"Están vulnerando a lei", asegura García sobre as propostas de
sancións. No Estatuto dos Traballadores, como lembra, advírtese que
quedan excluídos da normativa "os traballos realizados a título de
amizade, benevolencia ou boa veciñanza", ao igual que os de familiares.
Os inspectores acuden ás leiras e piden DNI ou libro de familia dos que
alí colaboran.
"É mala fe e ansias de rapina que todos os esforzos de Inspección se
centren na colaboración familiar; se queren comprobar onde hai fraude,
xa lles digo eu onde buscar", insiste Roberto García, que di non ter
"constancia" de control ningún para certificar que a venda de patacas a
almacenistas se faga conforme á lei, que obriga a que se faga cun
contrato por escrito anterior e cunha negociación equilibrada.
Ademais,
pídelle a Medio Rural que, "máis aló dunhas palabras da conselleira", se
poña "á fronte e ao cargo da situación e busque unha solución co
Estado".
Ángeles Vázquez dixo ter solicitado xa ao seu departamento un informe
sobre os expedientes abertes polo Ministerio de Emplo porque, aclarou,
ten que preocuparse polo seu "sector". Con todo, quixo marcar a
diferenza con algún caos de produtores que poidan ter traballadores
temporais "sen estar asegurados".
Así, defende que haxa controis como en
calquera outro sector "polo ben del e dos traballadores", pero non
dubida en amosar o seu apoio ás queixas daqueles que son inspeccionados
por colaboración familiar ou de amigos nas tarefas agrícolas.
Malia que a lexislación semella bastante clara, UUAA xa
anunciou que se reunirá cos partidos políticos galegos par alevar ao
Congreso unha proposta de modificación do réxime de colaboración
familiar no ámbito laboral queu clarifique aínda máis a
situación e e vite inspeccións "escandalosas" que só buscan "recaudar a
toda costa para a Facenda".
Malia todo, Roberto García non ve nestes controis "un caso illado",
senón un caso máis dos que "intentan crear unha falsa idea de fraude
fiscal" nos traballos agrícolas. "Están pasando moitas cousas raras
nesta que Feijóo denominaba a lexislatura do rural", quéixase o
secretario xeral de UUAA.
Así, lembra o catastrazo
-a obrigada regularización de galpóns, cabanas ou inmobles accesorios
nas explotacións-, a revisión da transmisión de dereitos de pagamento
único da PAC, as inspeccións que consideran as permutas como
compravendas obrigando a tributar como se fosen vendas individuais, a
redución de máis dun 20% da bonificación do gasóleo profesional, os atrancos para a incoroporación de xente nova ao rural
ou a limitación do complemento de renda que teñen os pensionistas que venden castañas ou uvas. "O que buscan é encher as arcas", di. " (Praza pública, 28/09/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario