18/12/17

Que pasa coa praga que mantén paralizada a produción de patacas no norte de Galicia?

"Xa pasaron dous anos dende a detección da couza da pataca, en 2015, unha praga que a Xunta de Galicia tomou en serio moi tarde, en febreiro de 2017, co que o que comezara afectando a uns poucos concellos esténdese agora, a lo menos, a 32. As primeiras medidas do Goberno galego comezaron en maio deste ano coa recollida da pataca afectada tan só en 4 concellos.

Tan só 20 días máis tarde, cando a pataca aínda estaba a ser recollida, a conselleira do Medio Rural deu por controlada a praga nos concellos infestados da Coruña, malia o que un mes despois reuniuse a Comisión de Seguimento desta praga, sen que transcendera ningunha conclusión.

Desde entón, a Consellería remitiulles aos concellos infestados unha circular declarando 32 concellos infestados, sinalando aqueles considerados “tampón” para evitar a propagación e lembrando a prohibición do cultivo nos concellos afectados durante un mínimo de 2 anos.

“INCERTEZA”

“De incerteza considerable”. Así describe o portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, a situación dos concellos afectados pola praga da couza da pataca. O responsable socialista presentou este venres unha pregunta en Comisión para reclamarlle á Xunta un balance das actuacións levadas a cabo nos concellos afectados.

“É o momento de comezar coa compra da semente para plantala nos primeiros meses do ano que vén, e tanto almacéns como particulares seguen sen saber se será posible a súa plantación ou non”, dixo. Por iso, reclamoulle ao goberno galego “transparencia” e “instrucións concretas” sobre as actuacións levadas a cabo para a loita contra a “couza guatemalteca”.

Os socialistas queren saber cal é a situación actual da praga, e reclámanlle á Xunta que faga público o número de tampas colocadas e as capturas rexistradas nas zonas afectadas, especificadas por concellos e provincias."                  (Galicia Confidencial, 25/11/17)

No hay comentarios: