20/12/17

"O Arnoia baixa negro". “A perda de solo é irreversible. Isto non se recupera en 50 anos”. “Non se reaccionou. Co que custa oito horas un helicóptero tirando palla, contratas unha brigada de nove persoas todo un mes”

O río Arnoia ao seu paso polo centro de Baños de Molgas. | Fonte: Xosé Santos (Amigas das Árbores)

"Levabamos dous meses avisándoo. E o lamentable é que non se fixo nada. Hoxe atopei xente de Tragsa no monte buscando onde poñer barreiras. A boas horas! Emocionalmente estou desfeito”. 

Unha vez máis, Xosé Santos Otero, axente forestal e membro da plataforma ecoloxista Amigas das Árbores, sube ao monte. Ese que leva axudando a repoboar con bidueiros e castiñeiros dende hai case tres décadas. Este xoves tocoulle á serra de Cabeza de Meda, entre Esgos e Xunqueira de Espadañedo, en plena Ribeira Sacra, alí onde os regueiros alimentan o Niñodaguia, afluente do Arnoia.

“É difícil transmitir o que se ve. Os arrastres son bestiais, ardeu todo na cabeceira do Arnoia. Ves un río que parece o dunha conca mineira, cheo de bulleiro, cinza, terra… O Arnoia baixa negro, negro oscuro, como se fose chocolate”, relata indignado. E sentencia: “Non se valora o monte nin os ecosistemas forestais”.

As imaxes son de Esgos, de Xunqueira de Espadañedo, de Baños de Molgas, pero serven para Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Maceda, Allariz… E para moitas outras zonas da Galicia calcinada na vaga de lumes. “Todos os espazos naturais protexidos de Ourense foron afectados. No Xurés, nos últimos tres anos, ardeu case todo”.

Santos carga contra as Administracións, tanto Xunta como Goberno central, que teñen a obriga de acometer traballos de restauración: “Que fixo a Xunta? Que fixeron as confederacións hidrográficas? Onde están os de Medio Ambiente? Non se fixo nada! Catro cousiñas en plan mediático, pero é que arderon 50.000 hectáreas. Aos axentes forestais non se nos dixo nada, non se mobilizaron as brigadas. Foi a crónica anunciada dun desastre”.

“O dano máis grave xa se produciu. A perda de solo é irreversible. Tantos días de seca, despois os lumes virulentos, e agora tanta chuvia, con tantos arrastres… A terra non retén a humidade. Isto non se recupera en 50 anos. A perda de solo é irreversible”, laiase o voceiro de Amigas das Árbores.

Ao igual que o catedrático Francisco Díaz Fierros, Xosé Santos bota en falla unha mínima estratexia no Goberno galego: habilitar orzamentos, equipamentos, contratar técnicos e persoal, e poñerse a traballar, construír barreiras para evitar a perda de solo e a contaminación dos manantiais e das cabeceiras dos ríos.

 “Non se reaccionou. Co que custa oito horas un helicóptero tirando palla, contratas unha brigada de nove persoas todo un mes”, apunta.

Antes das riadas de 'chapapote de monte' da última fin de semana, Amigas das Árbores xa reclamaba medidas urxentes a Xunta e Goberno central, e os orzamentos necesarios para a restauración dos ecosistemas afectados polos incendios forestais. E durante semanas sairon ao monte “para ensinarlles o que debían facer”. Nada. “Tiveron dous meses, e non fixeron nada. Abonda con ser do país e quererlle mínimamente”, laiase unha vez máis Xosé Santos."                (Xerardo Porto, Galicia Confidencial, 14/12/17)

No hay comentarios: