"Dous días tardou a Autoridade Portuaria da Coruña en remitirlle ao Concello a copia do protocolo asinado o mércores
por Xunta de Galicia, Ministerio de Fomento, Portos do Estado e o
propio Porto da cidade para o deseño do futuro dos terreos do borde
litoral.
O acordo negociouse sen convidar a ningunha outra
administración ou actor social, comezando polo propio Goberno municipal e
asinouse nun acto con máis pompa que contido do que nese momento non
trascendeu gran cousa aos medios de comunicación. O alcalde Xulio
Ferreiro resumiu aquela cerimonia como outra foto: "Pasamos
da foto de finais do pasado ano á foto desta primavera. Unha foto a
porta pechada e á que non foi convidado o Concello".
Este venres pola tarde por fin a Autoridade Portuaria accedeu a enviar o documento ao Concello, que o fixo público a través da súa web.
En esencia, o protocolo subliña a vixencia do convenio asinado en 2004
para o financiamento do Porto Exterior e que pasa pola privatización da
meirande parte dos terreos portuarios interiores que quedarán sen
actividade.
Cambian as condicións, iso si, para os peiraos de Batería e
Calvo Sotelo, máis próximos ao centro pero de moita menor extensión,
pero confirman os plans para vender o espazo de
San Diego (o 80% da superficie total) para levar a cabo alí unha
xigantesca operación inmobiliaria que pasa pola construción de catro mil vivendas en edificios de ata nove alturas.
O núcleo do protocolo xira ao
redor de disposicións que buscan garantir a consecución de 30 millóns de
euros antes do ano 2020, momento en que a Autoridade Portuaria deberá
facer fronte á devolución dunha parte importante dos créditos concedidos
hai unha década polo Estado para as obras do Porto Exterior.
Deste xeito, o acordo garante o control da Xunta sobre os terreos
de Batería e Calvo Sotelo (o 51% dos dereitos sobre os mesmo), pero
obrigando a un pagamento de varios millóns de euros. O presidente do
Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo citou o mércores a cantidade de 20
millóns que, con todo, non figura no protocolo en ningures.
O texto prevé a venda do Hotel Finisterre e sinala que
A Solana seguirá sendo propiedade pública, en mans da Autoridade
Portuaria, pero impide a súa compra polo Concello ou a súa cesión para
pasar a ser de titularidade municipal.
Sobre os terreos de San Diego, o
documento é moi pouco concreto e remítese ás disposicións do convenio de
2004, que prevía uns ingresos de case 200 millóns de euros pola súa
privatización. Só engade a posibilidade de que a Xunta achegue máis
cartos públicos para a adquisición dunha parte do espazo.
Ademais, o protocolo
especifica na súa cláusula 6.3 a obriga de Concello e Xunta de
indemnizar millonariamente á Autoridade Portuaria no caso de que
tentasen bloquear o proxecto inmobiliario.
"As partes recoñecen
a vixencia e aplicabilidade do establecido nos convenios de 2 de
febreiro e de 4 de outubro de 2004 e particularmente do previsto na súa
cláusula Sexta, relativa á regulación do suposto de que non se produza a
ordenación urbanística acordada nos devanditos convenios, respecto dos
terreos portuarios a desafectar aos que se refire", detállase.
O Concello reaccionou ante o que cualifica de "hipoteca para a cidade". O alcalde, Xulio Ferreiro, denunciou "a deslealdade institucional que amosa o PP".
"Semella que o único interese do presidente Feijóo sexa o de pactar co
goberno de Mariano Rajoy de costas á cidadanía para repartirse o noso
litoral e asegurar unha maioría de bloqueo (un 51%) na futura
transformación dos terreos portuarios”, dixo.
“Que traten de repartirse a
fachada marítima é unha mala noticia, pero aínda máis mala e que
pretendan tomarnos o pelo e salvar a peza maior da operación
especulativa, que é a dos peiraos de San Diego”, afirmou, engadindo que
"recúan no centro para facer caixa cos barrios".
Ferreiro destacou que “o protocolo asinado por Xunta e
Estado segue sen dar solucións nin aclarar os usos dos peiraos que se
irán desafectando", un debate que será o núcleo do Foro Cidadán Tecendo Litoral, que terá lugar os próximos días 27 e 28 de abril en Palexco,
no que participarán expertos e expertas neste tipo de procesos
(procedentes de Bilbao, Valencia, Bacelona ou Francia) e de entidades
sociais da cidade.
"Xa sabiamos que o Partido Popular non confía nesta cidade. Agora sabemos tamén que non a coñece.
Nin Feijóo nin Rajoy nin o ministro de Fomento coñecen A Coruña. Non
saben do que A Coruña é capaz, do que as coruñesas e os coruñeses somos
capaces de facer para defender o que é o noso", advertiu Ferreiro.
O
rexedor pediu "unidade" na cidade para "poder artellar unha fronte
contra a exclusión da cidadanía da Coruña das decisións sobre o seu
patrimonio e futuro". "Tanto o Concello como a cidadanía farán todo o necesario para defender o seu patrimonio”, concluíu." (Marcos Pérez, Praza Pública, Praza Pública)
No hay comentarios:
Publicar un comentario