16/5/18

O Congreso comeza a investigar que pasou para que Caixa Galicia e Caixanova acabaran rescatadas

 "Nin era auditoria nin recomendaba a fusión.

A inicios de abril comparecía na comisión do Congreso que investiga a crise financeira e o rescate bancario Marta Fernández Currás, exconselleira de Facenda da Xunta. Currás defendeu que a fusión de Caixanova e Caixagalicia se fixera con “rigor, seriedade e dilixencia exquisita”. Unha medida, a fusión, que o goberno de Feixóo –da que ela facía parte- defendeu en base a unha auditoría de KPMG que avalaba esa opción. Un millón de euros pagou a Xunta a KPMG por este traballo, encargado por Fernández Currás.

Esta semana, e tamén en sede parlamentar e perante a mesma comisión, compareceu Francesc Gibert, un dos responsábeis daquel informe de KPMG. Esta firma é unha das ‘Big Four’, o selecto grupo de grandes consultoras do mundo, canda Deloitte, PwC e EY. Desta última é directora en Galiza a exconselleira e tamén exsecretaria de Estado de Orzamentos.

Gibert confirmou no Congreso o que a propia KPMG xa afirmara en 2013 na comisión do Parlamento galego sobre as caixas. Que o que eles fixeron, “en ningún caso”, foi unha auditoría. Nunca se fixo unha auditoría das contas senón que a consultora limitouse a facer proxeccións sobre a solvencia das dúas entidades financeiras nunha eventual fusión, sen entrar a analizar ningunha outra opción, pois non se lle pediu.

Foi un traballo, apontou no Congreso un dos seus responsábeis, que tivo que facerse “aceleradamente” nun mes. Un informe “de trazo gordo”, recoñeceu, e non que non se incluía ningunha recomendación a fusionar as caixas nin se verificaba a información achegada sobre as contas.

Este informe foi presentado en xaneiro de 2010 polo goberno galego, que o presentaba ás veces como auditoría, outras como ‘due diligence’ e outras como un aval serio e definitivo para fusionar as caixas galegas.

Após as declaracións de Francesc Gibert no Congreso, tanto En Marea como PSdeG e BNG entenden que Feixóo debe comparecer no Parlamento galego para dar explicacións. Algo que desbotan desde o PP, que argumenta que o presidente xa dixo todo o que tiña que dicir sobre o asunto en anteriores comparecencias"                (Sermos Galiza, 18/05/18)


"A comisión que investiga no Congreso a crise financeira abordará este martes a fusión de Caixa Galicia e Caixanova e o seu posterior rescate nunha sesión na que comparecerá o expresidente de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso.

Ademais, a sesión do martes será a primeira na que un representante de firmas auditoras compareza ante esta comisión. Farao Francisco Gibert, consultor de KPMG, compañía encargada de elaborar o informe que avalou a fusión de Caixa Galicia e Caixanova.

A comisión que investiga o rescate bancario e a quebra das caixas de aforro abordará a situación das caixas galegas fusionadas a finais de 2010 e que, após a súa conversión en banco, tivo que ser rescatada polo FROB menos dun ano despois do seu nacemento.
RESCATE

Gibert foi chamado a comparecer en relación co informe encargado a KPMG para avaliar a viabilidade dunha posible fusión entre Caixa Galicia e Caixanova, nunha sesión na que se analizará a constitución e posterior rescate da entidade galega. Así, despois de Gibert, que renderá explicacións a partir das 9.30 horas, ofrecerá explicacións o expresidente de Novacaixa Galicia Julio Fernández Gayoso, a partir das 12 horas.

Ademais, tamén está previsto que comparezan este mércores, a partir das 16 horas, o conselleiro delegado de Liberbank, Manuel Menéndez Menéndez, e o que fora conselleiro de Economía e Facenda da Generalitat Valenciana Gerardo Camps, agora deputado do PP no Congreso."                      (Galicia confidencial, 06/05/18)

No hay comentarios: