"No ano 2016 naceu o proxecto Cultiva Mazás, unha iniciativa da Casa Grande de Xanceda
(Mesía) para fomentar o emprendemento no rural facendo fincapé na
diferenciación e a innovación, no impulso do sector primario e no
aproveitamento das materias primas naturais e os saberes tradicionais.
O
proxecto traballa, por unha banda, con centros de ensino, tentando
concienciar os rapaces e rapazas das moitas posibilidades que pode haber
para desenvolver negocios de éxitos no rural. Ademais, achega formación
especializada ás persoas que xa están a poñer en marcha iniciativas
innovadoras cos pés na terra.
Outra dos seus obxectivos é dar a coñecer casos de
éxito que traballan con esta filosofía de diferenciación, calidade e
innovación, organizando visitas gratuítas a algunha destas empresas no Bus de Cultiva Mazás. Xa o pasado ano visitou Hifas da Terra, unha empresa pontevedresa de produción de setas ecolóxicas. O vindeiro 19 de maio está programada unha nova visita, desta volta á granxa avícola Galo Celta (Vila de Cruces).
Galo Celta é unha iniciativa de David Sueiro, que
abandonou o seu traballo como funcionario para criar en liberdade galos e
galiñas de razas autóctonas galegas, razas de crecemento lento, entre
elas a de Mos. Hoxe, Sueiro presume de producir “os ovos máis caros do mundo”,
que son empregados por recoñecidos cociñeiros como Martín Berasategui,
Pepe Solla ou Iván Domínguez. Falamos con Jessica Rey (Casa Grande de
Xanceda).
Como naceu o proxecto de Cultiva Mazás?
Un día vimos a noticia de que o noso concello, Mesía,
perdera o 10% da poboación nos últimos dez anos. Un dos compromisos
principais da Casa Grande de Xanceda é coa supervivencia do rural e
tomamos a iniciativa de facer algo. A única medida efectiva para
combater o despoboamento do rural é o emprendemento, pero non de
calquera maneira, senón con valor engadido e marcando unha diferenza. É
así como podemos competir no rural, máis que en prezo ou en cantidade.
Entón pensamos que necesitabamos facer un exercicio de
concienciación. O primeiro ano o que fixemos foi ir ao colexio de
Xanceda e traballamos cos rapaces e rapazas durante todo o curso e
pedímoslles que presentasen un proxectos de emprendemento no rural. Ao
comezo, só se lles ocorría montar grandes granxas con moitas vacas,
moitos porcos e moitas galiñas e pouco máis.
Pero despois levámolos a
coñecer a Casa Grande de Xanceda, ou á zoqueira Helena Ferro, ou a
Germán de Cortes de Muar, e despois desta experiencia os rapaces e
rapaza tiñan milleiros de ideas diferentes, dende deseño de roupa
empregando la ecolóxica producida coas súas propias ovellas, ata unha
empresa de fabricación de xabón artesanal feito con herbas aromáticas da
zona. No rural hai que emprender con diferenciación se queremos
sobrevivir e ter éxito.
A quen se dirixe a iniciativa?
O programa diríxese a moitos públicos distintos. Por
un lado, imos dar charlas a colexios. Ademais, o bus de Cultiva Mazás
está pensado para xente que xa ten inquedanzas neste terreo e á que
queremos inspirar ou motivar e que pensamos que é moi importante que
vexan exemplos de proxectos de éxito e que coñezan aos seus e ás súas
impulsoras.
Finalmente, temos outro programa, que se chama O club de Cultiva Mazás,
que está máis orientado á xente que xa emprendeu; ensinámoslle como
empregar mellor as redes sociais para dar a coñecer o seu produto, como
comunicar e como vender mellor.
Hai xa moitos proxectos que
dende o rural galego están a producir con éxito os seus produtos,
vendéndoos no estranxeiro e cunha marca ligada á calidade. E todo isto, a
pesar dos obstáculos que tedes que superar as persoas que traballades
no rural...
Si, afortunadamente hai cada vez máis exemplos de
iniciativas de éxito no rural galego. Moitas veces nin sequera é
necesario un grande investimento para comezar; outras veces si. Con
todo, isto non quere dicir que sexa fácil nin que non estea cheo de
obstáculos, porque vivir e traballar no rural é unha loita permanente.
Temos unhas grandes vantaxes, como son ter uns recursos naturais
valiosísimos, as nosas relacións sociais, ademais dun saber facer.
Pero
temos moitos handicaps, comezando porque seguramente a túa conexión a
Internet non vai ser a mellor, ou que a túa accesibilidade e
visibilidade vai ser moito menor que se estiveses no centro da Coruña ou
de Vigo. E, despois, hai outro tipo de ameazas, xa que no rural estamos
sempre afectadas por cousas que nos sobreveñen, como pode ser un
proxecto mineiro que prexudica ao medio e, polo tanto, ao noso negocio.
Pero a clave está en saber poñer en valor as túas fortalezas.
Estas fortalezas están claras:
uns recursos naturais, un saber facer... No fondo trátase de facer o
que se fixo toda a vida, pero aproveitando as novas ferramentas?
No mundo no que vivimos, producir como se producía
antigamente -coidar os animais, coidar unha paisaxe, coidar o medio
ambiente porque é o teu aliado para ter unha boa produción e animais
sans- é case revolucionario. Isto é o que defendemos dende Cultiva
Mazás: poñer en valor o que temos. E, ademais, hai outra cousa que é
fundamental: telo claro.
Isto non hai que facelo só por buscar unha
imaxe para vender o teu produto ou unha rendibilidade económica, senón
porque cres nisto, porque cres en desenvolver a túa actividade de forma
sostible ambiental e socialmente e con benestar animal. Se o tes claro,
valo transmitir mellor.
O despoboamento do rural é inevitable?
O despoboamento do rural non é inevitable, pero está
sucedendo, e a única forma de combatelo é xerando motores económicos no
propio rural. Só así se poderá crear emprego e riqueza no rural, o que
asegurará ademais o mantemento dun modo de vida e dunha cultura, que é
de onde vimos, que é a que coida da paisaxe, da lingua e de todo o
demais. A supervivencia do rural debería ser unha prioridade en Galicia." (Marcos Pérez, Praza Pública, 04/05/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario