"A Plataforma Aberta Cidadá de Lalín (APAC) presentou este venres unha
denuncia no xulgado número 2 de Lalín por un presunto delito de
prevaricación na contratación de persoal por parte do Concello entre o
ano 2004 e 2015.
A denuncia refírese a un total de 38 contratacións "por
afinidades políticas ou persoais" que conterían distintas
irregularidades e afecta a todas as persoas que integraron neste tempo
as Xuntas de Goberno da localidade, entre elas por suposto o ex-alcalde José Crespo (hoxe líder da oposición e senador) e tamén o actual conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, concelleiro na vila entre 1999 e febreiro de 2015.
A denuncia xudicial, presentada pola concelleira de APAC Lara
Rodríguez, acompáñase dun informe do xefe de persoal do Concello de
Lalín (con data 2 de outubro de 2017) no que se reflicten "diversos
procesos de contratación irregular" e tamén da acta da Xunta de Goberno
Local do 12 de decembro de 2012 na que se pode ler un informe do secretario do Concello no
que advirte destas irregularidades e, ademais, recomenda que o Concello
debería adoptar as medidas necesarias para a provisión regular dos
postos.
O informe foi daquela aprobado por unanimidade. No informe
presentado polo secretario advertíase de que "o traballo de contrato
temporal subscrito entre ámbalas dúas partes podería terse celebrado sen
contar cos requisitos esixidos pola lexislación aplicable" e sinalaba
"a existencia dunha causa lícita para extinguir o contrato".
Na súa denuncia APAC explica que "o Concello contrataba
mediante contratos por obra e servizo ou ben a través de contratos
eventuais a traballadores e traballadoras para realizar tarefas que se
desenvolvían de forma permanente".
"Estes contratos
prolongábanse un ano tras outro sen que existise ningunha resolución de
alcaldía nin acordos da Xunta de Goberno Local sobre a prórroga ou a
continuidade de contratación, é dicir, facíanse ano tras ano a dedo",
sinala. Son situación "non só irregulares senón tamén ilegais", afirma
APAC, que se fixeron "co pleno coñecemento dos/as membros da Xunta de
Goberno Local", destaca, o que motiva a denuncia colectiva a todos os
seus integrantes.
Finalmente, cualifica o sucedido nestes anos en Lalín de "práctica
sistémica e absolutamente arbitraria atendendo exclusivamente a
afinidades de tipo político ou persoal, ao realizarse esta contratación
con absoluta e consciente omisión dos máis elementais principios que
rexen a contratación pública".
"Dende APAC consideramos de
extrema gravidade esta situación e esiximos responsabilidades ao senador
e xefe da oposición José Crespo Iglesias, así como aos/ás demais
membros da Xunta de Goberno Local", conclúe a formación. Lalín
foi gobernada polo PP (CP, AP ou PP) entre 1983 e 2015. Na actualidade
Rafael Cuíña (Compromiso por Galicia) encabeza un goberno de coalición
con PSdeG-PSOE, BNG e APAC.
38 contratacións denunciadas
No informe que acompaña a denuncia detállanse as 38 contratación sinaladas como "irregulares" ou "ilegais", 35
como persoal laboral e 3 como persoal interino. Trátase de
concatenacións de contratos por obra e servizo e/ou eventuais para
persoas cuxa actividade era estrutural dentro do Concello. Tamén de
procesos selectivos "nos que non se supera a proba pertinente".
Existen
casos de contratacións concatenados por obra e servizo "que se
prolongaron durante máis de dez anos sen que nin sequera se especificase
que obra ou que servizo eran obxecto do contrato" e outros "nos que nin
sequera se describía a que servizo se adscribía", sinala APAC na súa
denuncia. APAC engade que "en ningún momento desvelaremos o nome de
ningún/ha dos traballadores/as, pois queremos deixar claro que non
estamos indo contra eles/as, senón contra a mala actuación do Goberno de
José Crespo Iglesias".
A formación comenta que "para nós todo isto non é nada novo,
non só polos antecedentes, senón porque en todo o noso imaxinario
colectivo sempre estiveron e están presentes estas prácticas por parte
do anterior Goberno do Partido Popular". Lembra, por exemplo,
que entre os anos 2004 e 2006 o grupo municipal do PSOE presentou varias
denuncias sobre as oposicións convocadas para cubrir trece postos de
funcionariado do Concello de Lalín.
"Non se cumpriron as regras de
transparencia, méritos e capacidades xa que, previamente á realización
dos exames, o PSOE fixo públicos os nomes das persoas adxudicatarias das
prazas; destas, acertaron as once persoas destinatarias das mesmas,
pois as outras dúas estaban entre interrogantes, é dicir, que acertaron
as once", comenta.
APAC amósase moi crítica, igualmente, con Comisións Obreiras,
que "fixo oídos xordos durante todo ese tempo a pesar de ter
representación no Concello", denuncia.
"Parece que o feito de
que existan contratacións irregulares dende o 2004 non supón nada grave,
non é un tema a tratar nin polo que loitar polo sindicato", di. Porén,
"unha vez que comeza este novo Goberno no ano 2015 este sindicato parece
que por fin realiza o seu labor de defensa dos intereses sociais,
económicos e laborais dos traballadores e traballadoras", engade." (Marcos Pérez, Praza Pública, 18/05/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario