Artemisa Semedo, de Afrogalegas.
Yanina Torres
"Hai unhas semanas, un grupo de mulleres estendían
unha mensaxe taxativa por redes e rúas. Empregaron varios cancelos, mais
para comprender a súa singularidade só precisamos dous: #SomosNegras,
#SomosGalegas.
Na súa páxina explícano máis polo miúdo: “Entendemos a
afrodescendencia coma un termo que engloba diferentes matrices, raíces,
culturas, formas de pensar, enfoques ou identidades que teñen a súa
orixe común na tradición africana e nas herdanzas ou ascendencia que
cada unha recibimos dos nosos antergos”. Quedamos nun clásico bar da
Coruña con Artemisa Semedo, unha ‘afrogalega’ caboverdiana de Burela.
Como nace o colectivo?
Afrogalegas xorde hai uns meses a partir dunha exposición de persoas afrodescendentes. A raíz diso fixemos unha xuntanza para poñer ideas en común e xurdiu a idea de facer algo porque na cidade na que vivimos, A Coruña, non se nos facía sentir como galegas. Pensamos en que podiamos facer e lanzamos a campaña aproveitando o 21 de marzo, o Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial.
O lema da campaña é: “Non me chames ‘negrita’, chámame negra”. Lanzades mensaxes claras e directas.
Cremos que é necesario chamar ás cousas polo seu nome e non darlles máis voltas. Coa campaña buscabamos iso: deixar claro que estamos orgullosas de ser negras. Cando a xente fala das persoas afrodescendentes tenta suavizar ou buscar un eufemismo para que non nos sintamos ofendidos. Pois todo o contrario, nós estamos orgullosas de ser o que somos.
Escribías nunha poesía: “Non son
de aquí nin de alá, son de todos os lares ou ningún, tamén”. É dicir,
sodes afrodescendentes pero tan galegas coma calquera. A xente entende
isto?
Para moita xente aínda é complexo entender que unha persoa poida ter máis dunha identidade, que as identidades e sentimentos dunha persoa poden ser diversos e que ademais é algo positivo que denota unha riqueza cultural.
Percibides un racismo cotiá en Galiza?
Si que o hai, pero o termo racismo ten unha connotación tan negativa que a xente o primeiro que pensa é: “Racismo? Aquí non hai diso, iso é unha cousa de antes”. Pero a realidade é que moita xente non actúa en base esa idea. No día a día decatámonos de que o racismo non é unha cousa pasada.
Ti es de Burela e agora vives na Coruña. Notas algunha diferencia nestes dous contextos?
Foron etapas diferentes. A miña adolescencia vivina alá en Burela, onde non hai unha integración perfecta como moitos pensan. Despois, cando tiven a oportunidade de vir á universidade a Coruña notei un ‘clasismo’ rancio e miradas raras, sobre todo á hora de buscar emprego.
Tamén
escoitaba comentarios fora de lugar dalgúns profesores na universidade,
onde non esperas ter ese tipo de problemas. O racismo realmente está
presente a todos os niveis, comezando polos debuxos que ven os nenos e
nenas.
Cales son os seguintes pasos de Afrogalegas?
Desde a campaña que puxemos en marcha o 21 de marzo estamos tendo boa acollida na cidade e atopamos persoas e asociacións que queren facer cousas a favor da igualdade. Estannos chamando para facer proxectos así que teredes noticias nosas moi pronto." (Pablo Santiago, El Salto, 30/05/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario