23/6/15

Como o primeiro e-reader naceu en Ferrol


"Nos recunchos esquecidos da historia, neses puntos nos que quedan as cousas da vida cotiá e desa historia que non aparece nos grandes manuais (xa sabedes, nada de grandes batallas ou de leis moi contestadas), ás veces quedan acumuladas historias moi curiosas, que agardan a que alguén as recupere e as dea a coñecer, sorprendendo aos receptores do futuro.

 É o que aconteceu con Dona Angelita, unha muller inventora no Ferrol da postguerra que foi esquecida e que nos últimos anos está aparecendo en distintos medios (por ver ata vin unha vez unha mención ao seu traballo nun deses medios techies modernos de Estados Unidos) e que está protagonizando unha exposición na Fundación Telefónica (en Madrid ata o 28 de xuño). 

Unha exposición, por certo, que está xusto antes da entrada do museo no que se pode ver a evolución das telecomunicacións ao longo do século XX e onde habitualmente están os paneis dedicados a explicar por que ser unha telefonista a comezos dese século era algo tan importante.

Dona Angelita, Ángela Ruiz Robles, naceu nun pobo de León a finais do século XIX (alá por 1895) e fíxose mestra nos anos 20 (e si, ser unha mestra nos anos 20 xa debería merecer ser tida en conta nos libros da intrahistoria). Pero se agora todos falamos dela non é pola súa carreira de mestra senón porque está considerada por algúns como a primeira inventora dun ereader da historia.

  Dna. Ángela Ruiz Robles coa Enciclopedia Mecánica. Arquivo dos herdeiros de Ángela Ruiz Robles

A historia da Enciclopedia Mecánica arranca alá polo 1949, cando dona Angelita rexistrou a primeira patente para o seu dispositivo. Entón dona Angelita rexistrou unha patente para “un procedemento mecánico, eléctrico e a presión de aire para a lectura de libros”. 

Nos 60, creou o dispositivo en si e fixeron o primeiro prototipo en Ferrol, un prototipo que é o que agora pode ser visto na exposición (e que habitualmente está no museo da Tecnoloxía e Ciencia da Coruña). O dispositivo tiña diferentes pulsadores que permitían activar diferentes temas (estaban nunha sorte de bobina mecánica) e tamén permitía iluminar o texto, cambiar o tamaño da letra ou escribir ou debuxar nos propios textos.

Por quçe traballou neste aparato? Por un lado, dona Angelita pensaba que, con un dispositivo electrónico (e vale, si, non é como teu Kindle de última xeración ou o teu Tagus, pero pensade que para o momento era algo moi avanzado: os ereaders que agora vedes tan ‘normais’ son de antonte) os nenos non terían que cargar tanto peso nas súas mochilas

E, por outra parte, a mestra estaba convencida de que deste xeito conseguiría cambiar como se educaba aos nenos. Dona Angelita pensaba que os métodos educativos non eran os mellores e non comulgaba co de memorizar como papagaios. Ela quería que os nenos aprenderán dun xeito máis activo e máis lóxico. Ademais, o dispositivo permitía aprender dun modo individualizado (e tendo en conta que no momento moitos eran os que auto-estudiaban isto era un bonus para eles).

Porque o libro electrónico de Dona Angelita non cambiou a historia? Unha podería estar tentada a pensar que non era o momento (en 1958 nunha entrevista unha das preguntas que lle fixeron foi se se podía ser unha boa ama de casa ao mesmo tempo que unha inventora…), pero o certo é que a razón podería ser moito máis prosaica. 

O organismo público Instituto Técnico de Especialistas en Mecánica Aplicada S.A. fixo en 1971 un estudio para ver se fabricar o aparato saía a conta e descubriu que non. Fabricar cada unha desas Enciclopedias Mecánicas saía por 100.000 pesetas."           (Disquecool, 22/06/2015)

No hay comentarios: