"O alcalde de Allariz, Francisco García (1959), comunicou este venres
publicamente a súa decisión de dimitir como rexedor e concelleiro logo
de 18 anos no cargo.
Tras anunciar hai tempo xa que deixaría o posto ao
esgotarse o actual mandato, aclarou que xa o considera practicamente
rematado tras executarse "a maioría das propostas do programa de
goberno" presentado polo BNG e que marcha tamén para non interferir na
campaña dos vindeiros comicios municipais de 2019. A alcaldía queda
agora en mans da tenente de alcalde e edil de Promoción Económica,
Cristina Cid, que asumirá o cargo o vindeiro 21 de xuño.
Francisco García volverá ao seu posto como secretario interventor do
Concello da Mezquita, tamén con alcalde do Bloque, formación que goberna
Allariz desde 1991, cando Anxo Quintana accedeu á alcaldía tras a revolta de 1989, que será lembrada e conmemorada na vila o vindeiro ano ao
cumprirse o 30º aniversario.
Desde 2000, e precisamente en substitución
do que sería vicepresidente da Xunta, Paco --así o chaman todos--
exerce como rexedor dunha localidade cuxa transformación,
desenvolvemento económico e avance urbanístico, social ou medioambiental
nas últimas décadas é recoñecido por propios e alleos. É o "milagre" de
Allariz, onde este venres se despediu un dos impulsores dese modelo, na
política municipal 28 anos e case vinte como alcalde.
"Este traballo que realizamos, que fixo de Allariz un concello
exemplar, modélico en moitos ámbitos, sen dúbida vai recibir un novo
impulso", dixo na súa despedida, visiblemente emocionado.
Desde as
redes, a portavoz nacional do BNG, do que foi secretario de Organización
e membro da Executiva durante anos, expresou o seu "recoñecemento e
admiración" por García, de quen destaca o seu "compromiso, honestidade e
amor por este país".
Por que marcha agora?
Din por aí que sempre é bo atinar no momento de marchar. Unha das
preocupacións do BNG en Allariz ten sido sempre poder facer estes
cambios con garantías, tendo un equipo de goberno consolidado e cun bo
traballo detrás. É así como podemos reflexionar sobre as persoas que
poden dar o paso, asumir esa responsabilidade sen ningún tipo de liorta
nin enfrontamento... Facémolo made in Allariz.
Como é made in Allariz?
Fixémolo tras un debate sereno no grupo de goberno e na asemblea local
do BNG, e por aclamación houbo o entendemento de que Cristina Cid, con
experiencia, capacidade e liderado, vai desenvolver fantasticamente a
función de alcaldesa.
Ademais, é un troco xeracional, pero tamén porque é
importante a igualdade e visibilizar o papel da muller, así que era un
reto para nós ter a primeira alcaldesa de Allariz. Facéndoo así, un
vaise con certa tranquilidade. Despois de ter asumido o liderado da
candidatura en catro procesos electorais, consideraba que era bo
propiciar este cambio para reforzar o traballo do BNG.
Como se sente ao ser despedido entre tanto eloxio?
É reconfortante porque cremos na capacidade da política para
transformar a realidade e, nese sentido, o 'modelo Allariz' leva case 30
anos mantendo este espírito. Entendemos que segue vivo, transformando a
realidade nun sentido favorable para as veciñas e os veciños. É un
modelo recoñecido e é grato poder facer os cambios así, sen ir pola
porta de atrás.
Que queda desa revolta de 1989?
Queda moito. Nós preocupámonos sempre de mantela viva, porque houbo
moitos intentos de distorsionar o motivo da mesma, falar de "asalto ao
poder" e non poñer de manifesto que o que houbo foi unha loita popular,
múltiples manifestacións dun pobo esixindo transformacións e un cambio
da súa realidade.
Houbo folgas xerais, mobilizacións, encadeamentos...
Todo acabou coa caída do anterior grupo de goberno e o cambio por
métodos absolutamente democráticos.
Deste período, por sorte, hai
documentais e obras literarias que teñen permitido reflexionar co paso
de tempo e comprobar que foi aquela revolta. En Allariz esa cultura de
participación social e de esixencia que no Concello sentimos, vivimos e
impulsamos ten sido un dos principais elementos para manter os avances,
as resposas ás demandas sociais e as preocupacións polas necesidades.
A implicación cidadá é clave no éxito do 'modelo Allariz'?
É un compoñente esencial. Por exemplo, temos a festa do Boi, que amosa
como para o triunfo non é necesario unha grande orquestra, senón manter o
espírito e a implicación da xente.
No meu despacho sempre houbo unha
fotografía daquela revolta de 1989 e, cando hai momentos de dúbidas ou
de fraqueza, sempre é bo mirala porque dá ganas e coraxe para encarar os
problemas.
Que é o mellor e o peor que leva de todos estes anos de política activa e institucional?
O mellor é comprobar que a política paga a pena, ademais de moito
recoñecemento social, do traballo do día a día e o progreso económico e
social do concello, telo recuperado demograficamente, ver familias
novas... Iso é do mellor.
No peor, a dificultade que temos no interior
do país polo abandono do medio rural, contra o que nós temos moitas
iniciativas pero que non é só unha tarefa de ámbito local e que debería
provocar medidas extraordinarias para non andar con parches como a
extinción de incendios, por exemplo. Hai que atacar estruturalmente o
problema porque é un problema estrutural de fondo.
Pelexamos con moitas
medidas e proxectos en diferentes ámbitos, pero eu vivín de novo esa
aldea máis puxante e dóeme ver tanto patrimonio en desuso, tanto
envellecemento da poboación... É algo que non observas cando vas a
Cantabria ou ao País Vasco, lugares que teñen moitas peores condicións
no que ten que ver co aproveitamento territorial. Iso demóstranos que si
se pode facer, pero son necesarias medidas extraordinarias.
O 'modelo Allariz' é amosado como o BNG como o exemplo do que
pode facer, de xestión; que falla para que esa forma de facer as cousas
non prenda en máis lugares ou a nivel galego?
No BNG intentamos levalo a cabo, e facémolo en moitos lugares. Tamén é
certo que en Allariz chegamos ao poder detrás dunha revolta social e
cunha correlación de forzas que nos permitiu facer un traballo e ir
poñendo pedras a cada mandato.
Noutros lugares non é tan fácil, pero
creo que temos exemplos dabondo tamén. A clave é poñer en valor os
recursos propios. Cando me preguntan isto sempre conto a anécdota dun
veciño que, cando había seca e sacaban os santos en procesión para pedir
que chovese, sempre berraba: "Facede pozos, se fixésedes pozos...!".
Pois é iso. Buscar mananciais, que en Galicia hai moitos. Allariz non é
extrapolable, pero cada concello ten a súa propia riqueza e os seus
propios recursos para poñer en valor sen esperar que veña a General
Motors a solucionar os problemas municipais. Esa filosofía é o que
mellor podemos achegar, xunto con moitas iniciativas innovadoras no
ámbito urbanístico, de medio ambiente ou no económico.
Con todo, moitos
outros concellos do BNG, como Carballo, Tomiño ou Pontevedra, que é un
exemplo de transformación dunha cidade con implicación veciñal, teñen
tamén esta filosofía presente." (Miguel Pardo, Praza Pública, 08/06/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario