10/12/18

O proxecto de En Marea esmorece, morre. Iso xo saben todos e todas as que se encargan de enchelo de esterco todos os días. En Marea está rota, igual que o seu grupo parlamentario...

"En Marea ou a crónica dunha morte anunciada", titulaba este medio hai pouco máis dun mes logo da asemblea que tivo lugar en Compostela e que supuxo a primeira gran victoria, tamén polémica, do sector crítico de Podemos, EU e Anova sobre o sector de Villares e as mareas municipalistas. Previamente, a finais de marzo este medio tamén titulaba outra crónica "En Marea repite as peores prácticas do BNG de Amio". 

 Eran titulares premonitorios do que ao final acabou pasando nesta formación. Finalmente En Marea superou, e con creces, o esperpento que xa se viviu durante a asemblea que fracturou ao Bloque en dous, e camiña cara a súa autodestrución, xa, nin tan sequera, a unha morte anunciada. Unha autodestrución que chega, ademais, cando a ultradereita entra con forza no panorama político español.

Agora toca lembrar o gran título doutro xenial escritor galego, que de polémicas entre paisanos sabía moito, Celso Emilio Ferreiro, para tentar entender que é o que pasa no interior da segunda forza parlamentaria galega que vai camiño de desaparecer do panorama político galego. Porque en En Marea hai moitos ananos, tantos ananos ou máis, dos que Ferreiro tratou na súa etapa de emigrante en Venezuela.

De feito Ferreiro comezaba o seu libro cun poema premonitorio:

"A xeito de S.O.S.
falo na madrugada:
Pechai todalas portas
e que xa ningúen saia..."


Tamén en En Marea se pecharon as portas, as portas a un entendemento e as portas para que os resultados das eleccións que se produzan --se é que finalmente se celebran-- sexan aceptados por uns e por outros. A formación entrou nunha deriva de difícil solución e mesmo camiña a que sexa un xuíz quen teña que dilucidar que vai pasar finalmente con todos os seus órganos de dirección.

RESPONSABILIDADES

Uns responsabilizan a Luís Villares do acontecido --pero principalmente a certos dirixentes de Cerna-- e os outros a Podemos, EU e a un sector de Anova, unha gran fronte que personifican no seu candidato, David Bruzos.

Os que culpan ao primeiro din que a súa política é de "terra queimada" porque "sabe que vai perder". Os que responsabilizan aos segundos acusanos de "non respectar absolutamente nada; nin órganos, nin decisións, nin acordos" e de utilizar "tácticas mafiosas" para impoñer os seus criterios.

Os primeiro apuntan directamente ás tácticas "insidiosas" de dirixentes de Cerna --colectivo
excindido de Anova-- como muñidor dunha ruptura que "se vía vir" porque "xa é especialista en romper o BNG e logo Anova" e ao carácter "maniaco-persecutorio" de Villares. Os segundos apunta ás tácticas "estalinistas do PCE" que puxeron en marcha, din, "os da FPG, podemitas e IU".

E poñen como exemplo acontecido coas actitudes de Paula Quinteiro, coas "mocidades" que golpearon a militantes durante anteriores asembleas ou berraron "fillo de puta" contra Villares. "Son as mesmas tácticas coas que entraron a roubar datos dos militantes", aseguran.

"Esqueceron o tempo da probreza
e a fala dos abós; pro non sabían
a vileza sin fin en que vivían...
Fardados en esóticas albardas,
falando nun idioma estrafalario..".


Así se refería Celso Emilio Ferreiro aos seus compatritoas galegos que se atopou en Venezuela. Uns emigrantes que Curros Enríquez cualificara antes como "mercachifles" denostados nos anos da independencia de Cuba e Valle Inclán como os "gachuines" da Nova España.

E o certo é que parte do conflito existente dentro de En Marea pode entenderse, en parte, como os de aqueles emigrantes que chegaron pobres a unha terra e que, logo de facer riqueza rápidamente, mudaron por completo os valores desa pobreza e desa marxinalidade da que proviñan. Xa non eran galegos, nin falaban en galego.

"... A terra prometida
a Galicia emigrada que eu buscaba
era somente un pozo de residuos,
unha corte de ovellas resiñadas,
emporio de logreiros,
caverna de usureiros,
buraco de tendeiros,
guarida de compadres basureiros..."


Nos últimos días, non foron poucas as mensaxes en redes sociais de militanes de En Marea que falaban de "lixo", de "basura" de "usureiros" e ata de "porcos". As mesmas palabras que xa utilizara Ferreiro no seu libro. Uns cualificativos que se adican un e outro sector sen pararse a pensar que hai centos de milleiros de votantes galegos que apostaron por un cambio na forma de facer política que demostrou ser, en pouco tempo, unha falacia.

MORRE EN MAREA E APARECE...

Entre disparo e disparo, o proxecto de En Marea esmorece, morre. Iso xo saben todos e todas as que se encargan de enchelo de esterco todos os días. En Marea está rota, igual que o seu grupo parlamentario. "Non hai volta atrás", din uns, mentres que outros non dubidan en aventurar que "haberá dous grupos na Cámara"; o dos villaristas e os de Podemos. E iso, a seis meses dunhas municipais decisivas.

E os grandes damnificados desta guerra foron os que puxeron a cara nela, Villares, Bruzos e algúns alcaldes, principalmente, Noriega e Jorge Ferreiro. Outros que se mantiveron nun segundo plano, como Antón Gómez-Reino ou Yolanda Díaz e Eva Solla, buscan non quedar tan marcados.

 Por iso, a batalla futura dun futuro espazo político --se é que existe-- vai estar, novamente, en cambiar de siglas, de nomes e, quizais, algunha cara. Pero neste espazo político non haberá xa acomodo para moitos. Podemos e IU manterán a súa nave a frote, con marea ou sen marea --mesmo nas vindeiras municipais--, e o sector que un día estivo no BNG, e despois tentou configurar un espazo nacionalista alternativo, volverá quedar orfo novamente se non hai un cambio importante de estratexia con novas alianzas e impulso político nas municipais.

Agora ben, o dano xa está causado e, polo camiño, quedarán milleiros de votos. Uns votos que, en Andalucía, acabou apañando un partido ultradereitista.

"Eiquí, entre estes homes pequeiños
penso na Patria e síntome un xigante.
Penso en Galicia e vexo un lume aceso
nas pálebras azues do paisaxe..."                         (Xurxo Salgado, Galicia Confidencial, 02/02/18)

No hay comentarios: