15/4/19

Persoal da CRTVG ve noutro aviso da dirección pola vestimenta o intento de acalar os venres negros

"O pasado luns, o persoal da CRTVG recibiu por vía interna unha nova circular da Dirección de Recursos Humanos advertindo do “obrigado cumprimento” dunha serie de indicacións sobre a vestimenta, os símbolos ou a imaxe que os traballadores deben lucir durante o seu labor informativo, mesmo detrás das pantallas.

 A mensaxe é, en realidade, a reprodución e recordatorio da polémica circular enviada xa hai máis de cinco anos – o 30 de xaneiro de 2013 –, tamén en medio de mobilizacións e denuncias pola “manipulación” nos medios públicos, na que se advirte de posibles medidas disciplinarias. Agora, coas protestas dos venres negros activas e a piques de cumprir un ano e o loito aínda presente cada semana nas reivindicacións, boa parte do persoal ve no documento un intento por deter o uso das camisetas mouras co lema #DefendeAGalega por parte dos seus profesionais.

“Estará pensando a CRTVG en sancionar centos de traballadores por vestir unha camiseta? Seríamos noticia polo primeiro expediente colectivo da historia dos medios públicos”, di, precisamente, o colectivo Defende A Galega ante unha circular que insta a “protexer a imaxe” da Corporación e vestir de maneira “sobria, correcta e moderada”, e con "neutralidade" e evitando a “utilización de calquera tipo de símbolos que poñan de manifesto a súa filiación ou proximidade cunha opción política, social, deportiva ou económica”.

 E faino advertindo de que todas as consideracións “serán de aplicación tamén ao exercicio profesional de todo o persoal da TVG en entrevistas, roldas de prensa ou outras actuacións nas que, non saíndo en pantalla, proxecten a imaxe da CRTVG”, explica.

Boa parte do persoal dos medios públicos ve nesta aplicación da norma mesmo a quen non sae en antena un intento por acalar as protestas e evitar que se lance unha mensaxe que callou nos últimos meses non só entre o persoal da CRTVG, senón tamén entre persoeiros do ámbito cultural que non dubidaron en amosar o seu apoio ás demandas dos venres negros. Varios sindicatos alertaron tamén desas intencións por parte dos directivos cun documento que advirte da "corrección disciplinaria" correspondente no caso de incumprírense as indicacións."              (Miguel Pardo, Praza Pública, 03/04/19)

No hay comentarios: