6/5/19

Cero autocrítica no BNG malia non ter acadado escanos no Congreso e obter case os mesmos votos que Vox

"A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou este sábado que espera un "gran resultado" para as próximas eleccións municipais e europeas do 26 de maio xa que a organización nacionalista "está á alza" e "avanza imparable" tras duplicar o apoio da cidadanía nas eleccións xerais do pasado domingo. Así o sinalou Pontón tras a celebración en Santiago do Consello Nacional do Bloque, o cal estivo "coa mirada posta" nas próximas citas electorais "con optimismo, con decisión e coa certeza de que o BNG está á alza, de remontada".

Sobre os resultados das eleccións xerais, a pesar de que de non conseguir escano no Congreso dos Deputados, seguir como quinta forza e sacar case os mesmos votos que Vox, Ana Pontón non fixo autocrítica e enxalzou que o BNG duplicou os seus votos, pasando a ter máis de 90.000 apoios —a metade que Ciudadanos e 146.000 menos que En Común Unidas Podemos, fronte aos 45.000 votos dos comicios xerais anteriores.

Desta maneira, quixo mandar unha mensaxe de tranquilidade a "todos aqueles galegos que están preocupados de que Galicia non teña voz en Madrid", xa que o BNG "vai estar alerta e seguirá defendendo os seus dereitos".

Segundo Pontón, os resultados danlle ao Bloque a responsabilidade de "ensanchar a base social do nacionalismo", e mostrouse "orgullosa" de ser do BNG, "un proxecto con historia, unido e cohesionado" que, ademais, "ten as portas abertas a todos os que queren sumar en positivo". "Son tempos de avanzar, de sumar e de progresar", sentenciou.

"O Bloque é a forza política con representación parlamentaria que porcentualmente máis incrementou os seus votos, chegando a duplicar o apoio da cidadanía", destacou a portavoz nacionalista, quen indicou que o BNG é "determinante" para unha "nova etapa para Galicia".

Así mesmo, subliñou que esta remontada "se vai confirmar nas eleccións do 26M", así como nas próximas autonómicas de 2020 onde o BNG "o vai a dar todo para que se produza un cambio". "Seremos determinantes para pór punto e final ao decenio negro do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e do Partido Popular", apostilou Pontón.

80% DE CONCELLOS

En canto a cifras, os nacionalistas afirmaron que o BNG se presenta ás próximas eleccións municipais no 80% dos concellos de Galicia, polo que, segundo os seus datos, o 95% dos galegos poderán coller unha papeleta do Bloque.

Neste sentido, Pontón encomiou a "gran implantación" da organización no territorio, "con máis de 4.000 persoas que concorren nas candidaturas", das cales, segundo a propia portavoz, "a metade non son afiliadas". "Esta corrente de simpatía fai que moitas persoas se somen, xa que nos ven como garantía para poder construír un futuro mellor", afirmou.

"Temos que traballar coa man tendida, reilusionando a moitos galegos", sinalou Pontón, quen engadiu que "non só hai que sumar concelleiros, senón tamén alcaldías". "O aval do traballo feito é a mellor carta de presentación", indicou.

EUROPEAS

En canto ás eleccións europeas, que se celebran tamén o mesmo 26 de maio, Ana Pontón insistiu en que o BNG "ten o reto de seguir sendo a voz de Galicia en Europa", polo que é "importante manter o escano galego que defenda os intereses de Galicia en Bruxelas".

Así, puxo en valor o traballo da eurodeputada galega Ana Miranda que "se deixou a pel e aí están o traballo e os resultados". Deles, destacou, entre outros, "o seu defensa das vítimas de Angrois, así como das rías e ríos de Galicia".

"Hai que seguir defendendo os intereses dos galegos, sempre sen submisións e cunha única lealdade, que é o pobo galego", apostilou a líder do Bloque Nacionalista Galego.
Destacou que, a pesar que o Bloque ten "vocación europeista", ten que dicir "alto e claro" que esta Unión Europea (UE) "non vale". "Queremos outra UE dos pobos e nacións, solidaria", explicou."                     (Galicia Confidencial, 04/05/19)

No hay comentarios: