"Najla Shami, compositora, cantante e guitarrista galego palestina que
pasou a súa infancia no Concello de Taboada, presenta o seu último
traballo, un disco-libro, títulado “Ela sabe a sol”. Najla leva toda
unha vida adicándose á música, se ben para o público comeza a ser máis
coñecida no 2013 co disco-libro “Na lingua que eu falo”, no que musica e
canta poemas de Rosalía de Castro, e coa aparición no 2015 como xurado
do programa da TVG Oh Happy Day!
Aproveitamos a rodaxe do videoclip Taboada, que se rodou durante estes días no concello, para falar coa artista.
O libro-disco Ela sabe a sol,
que edita Galaxia, poderase atopar en todas as librarías a finais deste
mes, pero xa está con concertos de preestrea. Como está sendo a
acollida?
Estou absolutamente encantada. Ata agora tiña
colaborado con numerosas formacións e feito concertos en solitario ou en
dúos, pero nesta ocasión acompáñame unha banda. O disco ten un son
especial que mestura oriente e occidente e quería defendelo cunha banda.
Escollín aos músicos para que o son fose o máis fidedigno ao traballo.
Acompáñanme Marcos Teira á guitarra; Álex Salgueiro aos teclados e
sintentizadores; Jaime Muñoz de Madrid, ventos orientais e Leandro
Deltell ás baterías. Fixemos preestrea na Praza do Toural de Santiago de
Compostela, dentro do ciclo Artellando e o venres, día 7 de xuño,
presentamos o traballo no Vello Cárcere, en Lugo. O directo está sendo
máxico, estou moi, moi contenta.
Ela sabe a sol é o título do teu último traballo e do primeiro single. Como definirías Ela sabe a sol?
O single representa todo o traballo, ten a parte
castelá de ritmos españois, a galega e a árabe. A muller é a
protagonista. O disco é feminino de arriba a abaixo; quero representar a
forza feminina; todo o que a muller é e ten; sen queixas. As mulleres
temos un poder e un brillo interior que non fai falta explicar, cando as
cousas brillan a xente únese a iso e o disco está construido sobre esa
liña.
Todas as cancións falan de paisaxes da muller. Ela sabe a solé
un renacemento, fala de etapas nas que tocas fondo e renaces. Cada
canción fala dalgo diferente desa forza feminina. É un disco moi solar,
partindo do que é o lume, o Fénix e o sol. É o meu traballo máis
persoal, onde se atopa Najla ao completo, na música, nas letras, no modo
de cantar.
Califícaste como fusión, como foi o camiño ata chegar aquí?
Foi fusión desde o comezo, se ben na adolescencia
facía máis pop, teño temas sen publicar que algún día publicarerei;
despois entrei no jazz; no 2006 comezo coa música brasileira, tamén co
folk con Fía na Roca e o acid jazz. No 2013, Galaxia proponme musicar
poemas de Rosalía de Castro, que é o primeiro traballo que fixen co meu
nome. Neste momento, a nivel de estilos, tiña tantos camiños e tantos
frentes abertos que fun dándolle forma a todo para concluir que son
fusión, é o que máis me gusta.
Así aparece Ela sabe a sol e
direiche que xa estou compoñendo o seguinte traballo e vai ser
totalmente distinto e espero non deixar de facelo así porque a min
gústanme unha morea de cousas diferentes, tampouco son unha persoa de
cinguirme a un só estilo.
Aquí está máis representado o meu eu, o eu co que sentía que tiña unha débeda e que ten que ver moito co estilo mestizo.
Ela sabe a sol conta cun tema titulado Taboada, concello no que Najla se criou. Alí acabas de rodar o videoclip, que papel xogou Taboada na Najla artista?
Este disco plasma o que son polo que fun, por onde me
criei, o que vivín, polo meu sangue, miñas influenzas,… Taboada
escribina cando fun facer o pregón da Festa do Caldo de Ósos, fai xa 4
anos. Estaba nervisiosísima para aquel pregón. Todo foi moi poético,
todo o mundo me foi escoitar, meus profesores, amigos, veciños…
Para min
foi unha honra e sempre considerei unha sorte criarme en Taboada.
Crieime en liberdade absoluta, gocei da natureza. Taboada deume unha
morea de cousas fermosas. Para min foi moi especial criarme en Taboada e
isto é un agradecemento. Non cambiaría a miña vida na infancia e
mocidade en Taboada, por nada.
No tema Taboada utilizo unha
kalimba, meu instrumento fetiche que meto en todos os discos, é un
instrumento africano pequeniño e aquí axúdame a darlle un trato especial
á canción. Por iso tamén á hora de pensar no videoclip, pensei en
facelo con Némesis Audiovisual, porque unha das promotoras é de Taboada e
medramos xuntas neste concello. Todo nesta canción é moi especial para
mín.
Despois de toda unha vida no sector, como valoras a situación dos músicos e cantantes en Galicia?
Fácil non é. O problema é de base educacional, a
música vaise retirando do sistema educativo e hai moitos realities na
tele que fan fraco favor ao oficio. Todo o mundo pensa que por cantar na
tele xa é músico, pero as cousas non son así.
O oficio de músico foise
desprestixiando a nivel social en favor do que é espectáculo, lonxe da
faceta artesán. Hai moitos recortes a nivel cultural. O réxime laboral
para os músicos é dos peores de Europa, isto fai que traballar nisto
sexa realmente amor á arte. Pagamos uns impostos desorbitados e o réxime
de autónomos é unha tortura. Prográmanse cousas pero baixaron moito as
condicións a nivel de cachés.
En canto á música galega non temos unhas entidades e
un goberno que nos defenda como corresponde, cun circuito de músicas do
mundo como debería ser. Hai circuitos de festivais pero máis enfocados
ao rock e ao pop.
E da música que se fai que opinas?
O oficio da música, porque a música é un oficio,
estase perdendo e trátase dun oficio artesán que hai que traballalo e
todos os avances e novas tecnoloxías no sector penso que deberían
motivar para coñecer máis a linguaxe do oficio e non para o contrario.
Ten que haber cancións para mover o traseiro, pero non pode ser que iso
inunde todo, a min iso asústame. Eu cando escribo son profunda porque
defendo a poética nas cancións.
Valoro á xente que estamos no underground e sacamos a
cultura adiante, senón todos escoitaríamos a mesma música, ata isto se
capitaliza, todo o mundo soa parecido. Nas músicas do mundo é onde se
atopa máis orixinalidade, o que tes onde medraches é o único que te
diferenza do resto do planeta. Galicia é unha terra de variedade e iso
nótase na música que aquí se fai.
A curto prazo que percorrido lle queda a Ela sabe a sol e con que idea che gustaría que a xente se achegase ao traballo?
Ela sabe a sol é unha viaxe
sonora entre oriente e occidente que transportará á xente, viaxará a
moitísimas latitudes. É un libro honesto, elegante, bonito. As
fotografías e as letras din algo. A nivel musical é un luxazo.
Ao sacar o
disco agora, agardamos un maior volume de concertos na tempada de
outono-inverno, aínda que gozaremos dalgúns no verán como os que temos
este venres en Lugo, o 4 de xullo estaremos en Barbadás, en Ourense e
o11 de xullo participaremos nos Xoves de Códax en Martín Códax, onde
faremos unha colaboración con Zenet." (Entrevista a Najla Shami, Ana Belén Fernández, Xornal de Lemos, 06/06/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario