"O PP está a piques de ficar fóra das alcaldías das sete cidades. Acordos
de PSdeG e BNG con diferente intensidade simbolizan o xiro cara ao
centro esquerda e o nacionalismo en que desembocaron as pasadas
eleccións municipais. O crebacabezas ourensán resolveuse coa alcaldía
para Díaz Jácome e a Deputación para Baltar.
O PP non terá alcaldías en seis das sete cidades da Galiza. Na
sétima, Ourense, as estrañas e opacas conversas con Democracia Ourensana
desembocaron na alcadía de Díaz Jácome e a perpetuación da dinastía
Baltar na Deputación. Mais no aire percíbese un fin de ciclo. A Alberto
Núñez Feixoo abríuselle unha enorme vía de auga nas bisbarras máis
poboadas do país. Queda pouco máis dun ano para as eleccións galegas e o
seu partido apenas dispón de poder urbano e quedou fóra de tres
deputacións.
O regreso ás zonas nobres dos consistorios de PSdeG e BNG non só é
produto da caída da dereita. As mareas –alianzas de partidos de esquerda
e nacionalistas– que, en 2015, conquistaran A Coruña, Compostela e
Ferrol xa apenas son decisivas. Non o son desde logo en Vigo, onde a
esmagadora maioría absoluta de Abel Caballero non precisa de diálogo
ningún coa oposición.
Nin en Pontevedra, onde despareceron, Fernández Lores quedou a dous
concelleiros da metade máis un (obtivo once cadeiras) e negociou un
bipartito co PSdeG.
Posicionamentos
“O Bloque non vai asinar ningún acordo nacional con outra forza
política, ningún pacto mecánico que implique apoiar candidatos”, explica
o secretario de Organización dos nacionalistas Bieito Lobeira, “mais si
temos un criterio político xeral: evitar que o PP manteña o poder alí
onde sexa posíbel. Entendemos que é o positivo para o país. Desde ese
punto, cada asemblea local decide”. A posición socialista é semellante.
“Queremos liderar gobernos de progreso fronte a un PP que segue optando
por pactos con Vox. O PP perdeu a credibilidade para representar a
maioría”, afirmou Gonzalo Caballero na primeira reunión da Executiva
Nacional do PSdeG após o 26M.
A partir deste marco xeral, as casuísticas difiren. Lobeira fala de
tres maneiras de facer ver a nova situación: acordos de investidura, de
lexislatura ou de goberno. Esta última modalidade é sobre a que
traballaron PSdeG e BNG en Lugo, que deseñaron unha estrutura bipartita.
Oito edís socialistas e cinco nacionalistas permiten asegurar a maioría
absoluta fronte á ducia que suman PP (10) e Ciudadanos. Da corporación
saíron Lugo Novo, marea afín a Luís Villares, e Alternativa Cidadá de
Esquerdas, marca local de Esquerda Unida.
Mais alá de Pontevedra e Lugo non parece que se vaian constituír
gobernos compartidos. Polo menos de momento. Na Coruña, os dous
concelleiros do BNG xa anunciaron o seu apoio á investidura da
socialista Inés Rey, que ademais contará co dos seis da Marea Atlántica.
As forzas de esquerda e nacionalistas suman 17 asentos, contra dez da
dereita: nove do PP e un de Ciudadanos.
Nin a Compostela Aberta de Martiño Noriega, que perdeu a alcaldía e
cinco dos dez edís que acadara en 2015, nin o Bloque, encabezado por
Goretti Sanmartín, que conservou dous, entrarán no executivo de Bugallo.
A confrontación entre a confluencia e o PSdeG nos últimos catro anos,
campaña incluída, explica o primeiro e mesmo unha posíbel abstención na
investidura. O segundo expúxoo Sanmartín: “Non se dan as condicións, sen
pechar ningunha porta para retomar esta cuestión”. Os socialistas
composteláns contan con dez concelleiros e o PP, con oito.
Ferrol foi a terceira praza urbana na que o experimento das mareas
perdeu o 26 de maio. A formación do alcalde en funcións Jorge Suárez,
Ferrol en Común, pasou de seis a tres cadeiras no pleno, mentres os
socialistas subiron de cinco a oito e formarán goberno. É probábel que
os de Suárez acaben por se integrar no executivo. Non o fará o BNG que,
con dous concelleiros, si votará a prol da investidura de Ángel Mato." (Daniel Salgado, Sermos Galiza, 15/06/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario