"A arqueóloga Irene García Losquiño relata como
Galicia puido ser tamén un territorio de asentamento dos pobos nórdicos
orixinarios de Escandinavia, e non só obxectivo de asaltos e incursións.
Desde o século IX ata o XI, os viquingos asaltaron Inglaterra, Irlanda e
Normandía e comezaron a establecerse alí. Nas primeiras etapas,
apareceron os campamentos viquingos, utilizados como estrutura inicial
para controlar as áreas adxacentes aos ríos navegables ou á costa. Estas
estruturas ás veces convertéronse en centros de comercio e actividade
militar, e nalgúns casos, en centros urbanos. Estes asentamentos son
importantes para comprender a invasión viquinga nestas e noutras áreas
menos estudadas nas que as incursións viquingas tamén foron notables,
como no caso de Galicia.
O caso de Galicia é particularmente interesante para arqueólogos e
historiadores, xa que aínda que recibiu unha atención moderada como
obxectivo de incursións esporádicas ou intensas, non mereceu
investigación a fondo respecto aos períodos de asentamento temporal ou
permanente. Os expertos documentaron un contacto sostido durante toda a
era viquinga e, con todo, practicamente toda a investigación centrouse
ata hai pouco nas fontes históricas medievais que falan da violencia
viquinga nas súas incursións no territorio galego (póñase por caso o
exemplo de Catoira), mais non da súa influencia sociocultural en
territorio galego a medio e longo prazo.
Co afán de esclarecer a interacción dos nativos galegos cos viquingos e
as pegadas que estes últimos deixaron no noso territorio, a arqueóloga
Irene García Losquiño, da Universitat d'Alacant, leva varios anos
investigando os posibles campamentos viquingos en Galicia nas primeiras
etapas de asentamento na diáspora dos guerreiros escandinavos, prestando
especial atención á construción de campamentos para controlar o medio
marítimo e manter unha presenza nunha área determinada.
Malia que está documentada a actividade viquinga na Península Ibérica, e
mais concretamente en Galicia, o estudo do impacto da presenza
escandinava aquí atraeu menos atención académica que as áreas máis ao
norte da diáspora. “Isto posiblemente se deba a que esta área xeralmente
non se considera parte da diáspora, xa que non houbo asentamentos
viquingos tan importantes como, por exemplo, en Normandía”, explica
Losquiño nunha nova achega académica sobre estes episodios.
Para Losquiño, logo de analizar durante anos a presenza viquinga no
noso país, “o que distingue Galicia doutras áreas da diáspora viquinga
como Normandía é a cantidade significativamente menor de asentamentos
que tivo lugar aquí e nas áreas circundantes (como León e o norte de
Portugal)”.
“Os asaltos e accións violentas continuaron ocorrendo ata ben entrado o
século XII […], mais esas comunidades viquingas que quedaron deixaron
poucas evidencias históricas ou arqueolóxicas no camiño”, prosegue.
Losquiño lamenta que até hai pouco “non se realizou ningún traballo
arqueolóxico real en Galicia” sobre o posible asentamento viquingo en
territorio galego. Nesa escaseza investigadora destaca o estudo de dous
conxuntos de elementos arqueoloxicamente significativos: a caixiña que
se garda na Basílica de San Isidoro, en León, considerada a única obra
de arte viquinga localizada na península ibérica, e a gran cantidade de
estruturas defensivas costeiras construídas en Galicia como reacción á
piratería viquinga e árabe.
Sábese que a presenza viquinga en Galicia foi intensa. A primeira incursión dos nórdicos aquí aparece reflectida nos Annales Bertiniani
–crónica franca atopada na abadía de San Bertin, na rexión francesa
de Nord-Pas-de-Calais), e remóntase ao mes de agosto do ano 844, cando
un grupo de viquingos da hoxe Dinamarca, procedente dunha expedición de
saqueo, penetrou polo río Garona, e empurrados por unha tormenta
terminaron chegando ata Galicia, saqueando algunhas aldeas costeiras ata
que foron derrotados nos arredores do Farum Brecantium (Torre de
Hércules).
“Este violento asalto foi seguido por outras incursións a longo prazo
máis famosas no sur de Europa e o norte de África no ano 859, que
traerían violencia continua a Galicia e terían un impacto de longa
duración, como o demostra o establecemento da sede episcopal de Santiago
cando a sede anterior, Iria Flavia, foi destruída”, aporta Losquiño.
Galicia continuou recibindo incursións viquingas ao longo dos anos, e
que “se fixeron cada vez máis frecuentes e destrutivas durante a segunda
metade do século X”, engade.
“De feito, na década de 960 houbo incursións anuais que trouxeron unha
resposta significativa dos poderes políticos e eclesiásticos en disputa
de Galicia, incorporando a construción de moitas fortificacións
defensivas (incluídos os muros de Santiago)”, detalla a investigadora.
Para ese período, na segunda metade do século X, “as fontes son máis
específicas e elaboradas con respecto ao alcance da presenza viquinga en
territorio galego”. Así, Losquiño referencia unha pasaxe específica do Chronicon Sampiri (Crónica de Sampiro,
obra en latín escrita polo bispo de Astorga, a principios do século XI e
que abarca desde o ano 866 até o 999, é dicir, os últimos de reinado
de Alfonso III de Asturias e os dos seus sucesores até Alfonso V). Na
pasaxe que menciona Losquiño relátase como “un grupo de viquingos no ano
968 percorreu áreas interiores de Galicia durante tres anos e chegou á
fronteira con León”. Incursión que a investigadora conecta co
asentamento dun grupo de viquingos na vila leonesa de Lordemanos, a referencia máis oriental da presenza de viquingos no interior de España.
LODIMANOS, UN TOPÓNIMO VIQUINGO
Galicia non é única en non ter rexistros arqueolóxicos de presenza
viquinga. En Normandía, segundo explica Losquiño, “podemos entender a
ocupación viquinga a través de rexistros históricos e análises de
topónimos, pero case non se atopou material arqueolóxico na rexión”.
Pero malia a “falta de rexistros históricos dun proceso de colonización
viquinga, si hai evidencia de permanencia ou habitación a longo prazo en
Galicia, León e Portugal en forma de topónimos”, como no caso de
Normandía.
Así, pon como exemplo Coimbra, ao norte de Portugal, onde existe un
barrio chamado Lordemão, o mesmo nome en portugués que a vila leonesa de
Lordemanos. E malia que “non hai ningún nome de lugar actual en Galicia
que proveña dun exónimo para Nordomanni ou Lordomanni como os casos e
León e Portugal”, a arqueóloga salienta que “ese nome existiu” en
territorio galego, en referencia a un documento do ano 966 que menciona
a antiga «cidade dos loclimanos»” (variación da palabra “nórdicos”),
como recolleu a historiadora Ann Christys no seu traballo ‘Vikings in the South – Voyages to Iberia and the Mediterranean’ (2015).
Mais Losquiño defende a hipótese de que ese “loclimanos” ao que fai
referencia Christys “é probablemente unha mala interpretación de
«lodimanos», xa que o nome a miúdo se transcribiu, o que tería
considerables implicacións para a nosa comprensión da presenza viquinga
en Galicia”.
Lodimanos é o topónimo que os expertos identifican cunha pequena aldea
preto da desembocadura do río Ulla na que houbo presenza viquinga. En
concreto, consérvase en Santiago de Compostela un pergamiño moi
mutilado, cunha escritura datada o 2 de xaneiro de 996 na que se fai
referencia á “cidade dos lodimanos”. O documento parece confirmar que
nalgún determinado momento houbo en Galicia continxentes viquingos que
se asentaron máis ou menos permanentemente nese lugar concreto, situado
estratexicamente preto da desembocadura do Ulla.
Para Losquiño, este rexistro “permítenos datar a existencia dunha
comunidade viquinga en Galicia antes do ano 966”, ademais de facernos
comprender a importancia xeográfica do asentamento, ao carón do río
Ulla, pois “era o camiño máis directo a Santiago desde o mar e, de
feito, os viquingos utilizábano con moita frecuencia”. É máis, “o
bispado de Iria Flavia […] estaba na beira deste mesmo río, do mesmo
xeito que a vila de Catoira, que caeu baixo o ataque viquingo desde a
primeira chegada dos escandinavos a Galicia en diante, e cuxas torres se
vincularon á defensa da entrada do río Ulla desde a ría de Arousa”,
subliña a autora.
A arqueóloga tenta precisar o punto exacto no que se atopaba aquela
“cidade dos lodimanos”: “Dentro do curso do río Ulla, podemos delimitar
unha área desde a desembocadura do río Louro cara ao sur ata Cordeiro,
cara ao leste ata Valga e logo cara ao norte novamente ata a beira do
río, sendo este punto norte o antigo asentamento viquingo”.
De feito, engade Losquiño, o documento do 966 “menciona a vila de
Campaña (que significa «campamento») no centro destes catro puntos. Este
lugar aínda está nese mesmo lugar hoxe en día”, sendo unha das
parroquias de Valga.
A hipótese da existencia dese lugar chamado Lodimanos foi defendida por
historiadores como Fernando López Alsina ou Eduardo Morales Romero.
Para Losquiño, “non hai dúbida de que os campamentos viquingos se
estableceron en Galicia como ocorreu noutras áreas da diáspora”.
A investigadora defende que a presenza continua de viquingos en
territorio galego “non se podería soster sen un campamento”. Así,
compara que “do mesmo xeito que o Gran Exército Pagán [tamén coñecido
como Grande Exército Danés, no século IX] usou varios campamentos en
Inglaterra para pasar o inverno, colleitar bens e recuperarse, os
viquingos que asaltaron Galicia necesitarían tales estruturas no medio
dunha rexión hostil e xa asentada, especialmente cando algunhas das
incursións involucraron un gran número de barcos e homes”.
De feito, “fontes medievais galegas afirman a chegada de 70 barcos para
o primeiro dos ataques viquingos rexistrados no ano 844”. Aínda que a
arqueóloga recoñece que “é posible que este número se esaxerase no texto
latino para exaltar as virtudes do nobre que os derrotou [Ramiro I de
Asturias], non hai nada que suxira que os asaltos máis importantes” dos
viquingos na costa galega “non foran liderados por grandes cantidades de
barcos”.
Así, alude de novo á Crónica de Sampiro na que se rexistra que cen
barcos chegaron a Galicia no ano 859, ou que outros cen barcos
viquingos, co seu líder Gunrød, atacaron o territorio galego no 968
(Gunrød foi un caudillo viquingo noruegués que, dende as súas bases
permanentes no Loira, en Francia, lanzou sanguentas incursións nas
costas cantábricas da península ibérica).
Polo tanto, “non debería sorprendernos a existencia dun asentamento
viquingo no curso dun río importante [o Ulla] que utilizaron
continuamente nos asaltos”, xustifica a experta.
Losquiño considera que un campamento no Ulla outorgaría “acceso rápido á
desembocadura do río na ría e o mar aberto” e estaría ubicado nunha
“posición ideal, a metade de camiño ao longo do río cara a Santiago de
Compostela, xusto antes de que sexa menos navegable por Pontecesures, un
antigo porto romano”.
Ao igual que outros asentamentos viquingos documentados, sería un
“emprazamento estratéxico, por un curso de auga, talvez cunha igrexa nas
proximidades (potencialmente, a igrexa de Valga)”.
Para tentar localizar e analizar o sitio de Lodimanos, a investigadora
puxo en marcha dous proxectos arqueolóxicos en dous lugares separados ao
longo do río; nun deles, avanza, hai “restos dunha estrutura”, pero
agarda ter “máis información” sobre a súa natureza nos vindeiros anos, a
medida que avancen as súas investigacións.
OUTROS POSIBLES ASENTAMENTOS EN GALICIA
O de Lodimanos non é o único lugar en Galicia cun “alto potencial” de
ser identificado como sitio de asentamento temporal ou permanente dos
viquingos. Losquiño pon como exemplo a posible existencia dun campamento
temporal no Cebreiro, onde está documentado que “os viquingos pasaron
tres anos preto da fronteira con León na segunda metade do século X”.
Tamén plantexa a hipótese de posibles asentamentos nas Rías Altas, onde
investigacións recentes identificaron unha alta concentración de
topónimos con posible orixe escandinava.
Pero hai máis. Por exemplo, Os Moutillós, na Mariña, lugar que puido
ser unha pequena fortaleza que non se parece a ningún outro tipo de
fortificación en Galicia, cunha especial configuración que se
correspondería con outras que seguirían un esquema parecido ao modelo de
mota castral (motte & bailey), fortificacións situadas
sobre un cerro, rodeada dunha cerca de estacas, un foso ou ambas as
estruturas, e que era propia dos pobos do norte de Europa.
Os Moutillós érguese sobre a praia de San Román no lugar denominado Os
Castelos, un lugar “moi axeitado para usar coma pequeno porto”, segundo o
proxecto Patrimonio Galego,
no que se engade: “Consiste nun gran outeiro de terra e area, ao borde
dun cantil que dá á praia e a carón dun lugar chan máis extenso cara a
terra, con muralla e foso, aínda que este non se aprecia a primeira
vista, pois está moi cuberto de area. A diferenza dos castros que teñen
as defensas ao seu redor, aquí o punto máis protexido iría no lugar máis
elevado que correspondería coa zona da «mota». A maioría das estruturas
estarían feitas de madeira, por ser asentamentos de carácter
conxuntural. Algunha información quere apuntar cara a hipótese dun
asentamento da época das invasións normandas”.
Losquiño, pola súa parte, cre que “a conexión potencial” deste lugar
cos viquingos atópase nalgúns dos obxectos que apareceron na zona:
grandes cantidades de lastre de sílex e varias áncoras de pedra. Pezas
que foron descritas como obxectos viquingos nos medios, pero que non
foron sometidas a un estudo científico, sistemático e revisado, ao igual
que o lugar dos Moutillós, que permita aínda facer tal afirmación.
A arqueóloga lembra que as principais investigacións que relacionan
este sitio cos viquingos foron realizadas polo arqueólogo Iñaki Sagredo
Garde. En opinión de Losquiño, “necesítase certo contexto para
establecer se este sitio tiña algún potencial para ser utilizado como
base para a actividade viquinga”. Nesa liña argumentativa, expón que a
praia se atopa moi preto de Estaca de Bares, o punto máis setentrional
da Península Ibérica, “historicamente unha torre de vixilancia natural”.
Ademais, a parte occidental da praia está dominada por unha
característica xeolóxica coñecida como Os Castelos, que conta con dúas
formacións rochosas que proveñen de dous puntos diferentes para darlle a
esta pequena praia a forma dunha ferradura, converténdoa nun porto
natural.
En canto ao promontorio, a súa forma é alongada e dá á praia,
comunicándose con esta por dous lados. As investigacións de Sagredo
Garde demostraron o uso humano deste sitio desde o século III antes de
Cristo ata o XIII d.C. Esta área fora importante desde antes da Idade
Media, tanto desde o punto de vista económico como estratéxico, para a
vixilancia e alertar de posibles ameazas.
A menos de 600 metros ao norte deste promontorio atópase a illa
Coelleira (“illa dos coellos”), cunha superficie de 27 hectáreas e cunha
elevación máxima de 80 metros sobre o nivel do mar.
“O emprazamento do sitio correspóndese ben co que se pode agardar dunha
localización para un campamento atractiva debido á súa localización
nunha área estratéxica portuaria, a súa elevación e forma alongada e a
presenza dunha illa próxima”, resume Losquiño.
Pero o que fai dos Moutillós un lugar “máis interesante como potencial
sitio de reutilización viquinga é o grupo de artefactos que se atoparon
na súa praia”.
Para a arqueóloga, os “elementos máis significativos son varias áncoras
de pedra e ao redor de 100 lastres de sílex, algúns dos cales pesan ata
200 kg”.
Foi en 2014 cando o colectivo Mariña Patrimonio
comunicou á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e ao
Concello do Vicedo o achado neste xacemento dun “número significativo de
lastres de sílex e de dúas áncoras de pedra”, posibleme da época
medieval.
Sobre as pezas de sílex, Losquiño salienta a escaseza deste material en
Galicia, polo que se podería deducir que se trata de pezas doutros
pobos. Pero é máis, o tipo de lastre atopado no lugar correspóndese cos
depósitos de arxila con sílex ou argile à silex do norte de
Francia, especialmente en Normandía ou o norte da conca de París, ou no
sur de Inglaterra, onde o sílex é tan abundante. Eses gran lastres
serían utilizados por grandes barcos que usarían o porto natural dos
Castelos”.
No caso das áncoras atopadas, “aínda que Galicia conta cunha gran
cantidade de achados de áncora lítica, estes obxectos sempre foron
significativamente máis pequenos” que os atopados neste lugar –de até
127 kg de peso–, que, segundo a experta, “comparten as características
principais” das áncoras viquingas, en base á documentación existente.
Con todo, recoñece que “aínda non é posible asegurar que Os Moutillós
fose utilizado polos viquingos durante o período de ataque, pero é
probable”.
“Hai razóns para suxerir que os viquingos puideron usar este lugar, xa
que unha variedade de materiais diferentes atopados aquí poden ser
potencialmente vinculados a barcos escandinavos, a estrutura amosa un
uso continuo durante un período prolongado e Os Moutillós comparte
similitudes con outros sitios de Irlanda e Inglaterra que foron lugares
de protección de portos, xunto ao mar e preto dunha illa, e asociados
con enterros”, argúe.
A experta mantén esta hipótese malia que nas escavacións dirixidas por
Iñaki Sagredo Garde non se atoparon probas físicas que permitan concluír
que alí se asentaron os viquingos. Pero Losquiño cre que hai indicios
da chegada dos escandinavos a aquel lugar e traballa en demostralo nos
próximos anos.
Losquiño vén de publicar estas achegas no último número de SVMMA. Revista de Cultures Medievals
–editada pola Universitat de Barcelona– nun traballo titulado ‘Camps
and early settlement in the viking diaspora: England, Ireland and the
case of Galicia’, froito da análise de investigacións e análises previas
de historiadores e doutros arqueólogos, e de varios traballos de campo
que Losquiño realizou en Galicia, nos que estivo acompañada de expertos
como os arqueólogos suecos Jan-Henrik Fallgren (Universidade de Upsala) e
Ylva Backstorm (Universidade de Lund), ou o documentalista Kenneth
Oakes (Universidade de Notre Dame)." (Alberto Quian, Galicia Confidencial, 26/09/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario