"A crise demográfica fai que a riqueza se concentre cada vez máis nos
grandes núcleos de poboación. Oleiros mantense como o concello con maior
renda per cápita da Galiza e figura xunto cos da Coruña e Santiago de
Compostela entre os 50 máis ricos do Estado español. Eis un estrato da
peza publicada no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza.
O 17 de outubro foi o día elixido polas Nacións Unidas como o Día internacional para a erradicación da pobreza
para pór en valor a loita das persoas que se atopan nesta situación e
que empregan a súa experiencia para contribuír á súa erradicación. Na Galiza,
case unha de cada catro galegas (23% da poboación) forma parte do
colectivo en risco de pobreza ou exclusión social.
Son 4 décimas máis
que o ano pasado, segundo reflicten os datos da Enquisa de Condicións de
Vida do Instituto Nacional de Estatística (INE) correspondentes ao
exercicio 2018. Ben é certo que desa cifra 13,1% da poboación está
afectada unicamente por un dos factores, o que se refire a situacións de
risco de pobreza relativa, mentres que 3,7% das galegas atópase en
situación de privación material severa.
As persoas afectadas polos tres
compoñentes da taxa AROPE, a que mide o risco de exclusión e de pobreza,
alcanzan na Galiza a 1,1% da poboación, o que supón algo máis de 30.000
persoas en risco de pobreza relativa, privación material severa e baixa
intensidade laboral. Segundo apunta a Fundación Fomento de Estudos
Sociais e Socioloxía Aplicada (Foessa) no seu Informe sobre Exclusión e
Desenvolvemento Social na Galiza, perto de dous millóns de galegas viven
alleas a situacións de exclusión social ou pobreza monetaria, mentres
que 198.000 atópanse no grupo máis desfavorecido, no que á pobreza
económica súmase a exclusión social.
Fenda de xénero
Outro indicador sobre a situación económica das galegas é a Renda
de Inclusión Social da Galiza (Risga), que o pasado ano beneficiou
14.338 persoas. O perfil de receptor desta prestación autonómica,
segundo o Informe sobre a aplicación e avaliación da Lei de inclusión
social encargado pola Consellaría de Política social da Xunta,
corresponde a unha muller de entre 35 e 54 anos que vive de aluguer, soa
ou con familiares ao seu cargo, con estudios primarios e nun municipio
de máis de 50.000 habitantes.
De feito, as mulleres representan 63% das
beneficiarias desta prestación. En canto á formación das persoas que
perciben esta renda, 7,2% rematara a secundaria ou tiña estudos
superiores. E no que atinxe ás problemáticas asociadas á súa situación,
14,8% eran persoas estranxeiras de fóra da Unión Europea, 14,2% persoas
cun algún tipo de discapacidade, 13,7% sustentadoras de familias
monoparentais, 10% por pertenza a unha minoría étnica, 3,1% por
dependencia das drogas e 1,5% con problemas de alcoholismo. 90% de todas
elas coa problemática común de non ter traballo.
Os efectos da crise
O duro golpe da crise tamén pasou factura na sociedade galega e
contribuíu a marcar aínda máis as desigualdades. Entre 2008 e 2017, o
único grupo que acusou unha perda de renda foi precisamente o 20% más
pobre; as persoas ricas experimentaron un moderado incremento dos seus
ingresos, mentres que a maior alza rexistrouse en 60% da poboación que
constitúe as clases medias. Esas mesmas clases medias están a padecer
agora o problema do acceso á vivenda, que é un dos factores que
condiciona a economía de calquera familia. Segundo un informe da Fundación BBVA e o Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE),
alugar un inmoble na Galiza é hoxe 13% máis caro que antes da crise,
mentres que mercalo é 21% máis barato.
Aínda así, as galegas deberían
dedicar oito anos e medio de salario íntegro para custealo. A alza no
prezo dos alugueiros débese fundamentalmente ao incremento da demanda.
Comprar un piso hoxe en día é un luxo para moitos. Os soldos non dan
para pagar os altos prezos da vivenda en propiedade e as dificultades
para acceder a unha hipoteca son outra importante barreira de acceso.
Esta situación leva a xuventude a optar polo alugueiro, aínda que tamén
hai un crecente compoñente ideolóxico en contra da propiedade, xa que a
inestabilidade do mercado laboral non pode garantir a continuidade dun
traballador nun mesmo lugar por moito tempo.
Pero na suba dos alugueiros
tamén influíu o cambio de tendencia nas persoas propietarias que buscan
converter a súa vivenda nunha fonte de ingreso, na que cada vez cobran
maior importancia os alugueiros vacacionais, xa que xeran moito máis
beneficio, a pesar das implicacións fiscais e económicas que conleva o
feito de ser unha actividade regulada que obriga o propietario a estar
dado de alta no Imposto de Actividades Económicas. Cobrar 60 euros ao
día dun turista pode ser máis rendíbel que asegurar 600 euros dun
inquilino ao mes.
A riqueza vai por barrios
Relacionado coa maior oferta de empregos nas cidades ou non, os datos do INE certifican
a concentración de rendas nas grandes áreas urbanas en detrimento das
zonas rurais. Así, na comarca da Coruña concéntranse as rendas
máis altas, sendo o Concello de Oleiros o que lidera o listado, cunha renda media por fogar de 41.150 euros. Xunto con el, A Coruña e Santiago de Compostela,
con 34.068 e 31.973 euros por fogar concentran boa parte da riqueza na
Galiza e sitúanse ademais entre os 50 concellos do estado español con
maior renda por habitante.
As outras clases de pobreza
Ter emprego hoxe en día tampouco garante escapar da pobreza. Segundo a Organización Internacional do Traballo,
unha de cada dez traballadoras é pobre como consecuencia da caída dos
salarios. As persoas expertas consideran que esta nova realidade ten
moito que ver coa maneira en que se enfronta a crise e as políticas
comerciais que levaron a deslocar moitas empresas para abaratar custos.
Con rendas baixas, as familias ven como a factura da luz leva boa parte
dos seus fondos, o que as obriga a prescindir ou restrinxir o uso da
calefacción no inverno ou a optar por alternativas máis perigosas como o
uso de candeas.
É a chamada pobreza enerxética, fogares nos que non
poden ser satisfeitas as necesidades básicas de subministracións de
enerxía polo baixo nivel de ingresos. Unha situación que pode verse
agravada por non ter unha vivenda eficiente. Na Galiza afecta
en maior ou menor medida a un de cada dez fogares. Para evitar esta
situación, á parte dos bonos sociais e eléctricos, existen mecanismos
como as restricións aos cortes de subministración, axudas á
rehabilitación e eficiencia enerxética e medias de concienciación
social. O problema é que na Galiza segue existindo a fenda entre o rural
e a cidade e non todos os trucos serven para as mesmas situacións, e
menos cando existen diferenzas tan notábeis no nivel de renda, e o
kilovatio segue a costar o mesmo en Oleiros que en Avión.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]" (Pablo Barro, Sermos Galiza, 17/10/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario