15/10/19

Negueira de Muñiz gáñalle unha batalla ao despoboamento rural

"Negueira de Muñiz é o concello galego con menor número de habitantes (pouco máis de 200 persoas, segundo o INE). Levaban sete anos sen centro escolar en funcionamento para os máis cativos. Negueira formaba parte desa triste lista de municipios que mantiñan inactivas as súas aulas por insuficiencia de alumnado. Ata este ano. Ante o aumento de nenas e nenos na zona, Educación reabriu a escola e creou así unha excepción entre a tónica habitual nos pequenos concellos do rural.

“Cando pecharon o colexio, no ano 2012, aquilo fora unha tristura”, di o alcalde de Negueira, José Manuel Brañas (PSOE). A Consellería de Educación tomara aquela medida logo de que os únicos catro nenos que ían á escola foran trasladados a outros centros por circunstancias familiares. De alí en diante, aqueles rapaces e outros que foron chegando non tiñan máis opción ca escolarizarse nalgún dos municipios veciños, como A Fonsagrada ou San Antolín de Ibias (Asturias).

“Daquela non había previsión de volver abrir”, lembra o rexedor local, “pero Educación traballa moi a curto prazo”. Asegura que o Concello apostou por conservar e manter o edificio durante estes anos, malia que non había esperanzas de que a situación se fose reverter. Porén, o crecemento da natalidade vinculada aos asentamentos de Ernes e Barcela fixo que en Negueira se puidese asinar a excepción que confirma a regra: un concello do rural que recupera a súa escola sete anos despois de ser clausurada. Agora, sete nenos matriculados – e outros dous con posibilidade de facelo tardiamente, segundo o alcalde– danlle vida a este espazo educativo.

ATRAER A POSIBLES NOVOS VECIÑOS

Respecto diso, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, aproveitara o inicio de curso para apreciar o fito e pór en valor que isto ocorra xustamente nunha área das máis afectadas polo “declive” demográfico. Precisamente esa problemática do despoboamento é algo que preocupa ao socialista Brañas. “O máis importante é que haxa xente.  Aquí viñeron vivir persoas doutros puntos de Galicia e España, pero tamén do estranxeiro. Hai un portugués, un belga…”, explica. “Grazas a que hai máis nenos nestes asentamentos, podemos ter un servizo que non había e que agora hai. Iso tamén é un atractivo máis, porque se unha familia con nenos pensa en vir para aquí necesitará que haxa colexio”, afirma.

Fabio, de orixe italiana, é un dos pais cuxos fillos comezaron este ano o cole en Negueira. Bota contas e estima que, de non terse aberto a escola, os seus cativos -de catro e seis anos- veríanse obrigados a facer un traxecto de case 1 hora para chegar ao centro escolar. El agarda que a decisión de Educación de reabrir o colexio teña un impacto “positivo” na contorna: “axudará a mover a xente” cara á zona.

Para el, protexer as escolas do rural ten que ver tamén co afán de crear ambientes educativos máis “próximos” para o alumnado. “Nas cidades van ao cole moi pronto e son moitos nenos. Aquí hai menos e iso tradúcese nunha mellor atención”, pensa.

“EDUCACIÓN É DEMASIADO ESTRITA COS CONCELLOS RURAIS”

Nesta liña, Brañas amósase a prol de que as administracións locais defendan estes servizos mínimos e que loiten por eles. Bo exemplo diso é o municipio mariñao de Trabada, onde o goberno local ofreceu vivendas gratis a cambio de que as familias matriculasen os fillos na aula de infantil, de maneira que a falta de alumnado non puidese ser motivo dun temido peche. Aínda que nun primeiro momento lograron salvar a situación e manter o colexio, a Consellería vén de suprimir agora a unidade ao quedar tan só con catro meniños.

“Educación é demasiado estrita cos concellos rurais”, chanta o alcalde de Negueira a fío da situación anterior. E engade: “Debería apoialos máis e non establecer esas cifras mínimas de catro, cinco ou seis nenos para que haxa unha escola”. Preguntado acerca de se lle preocupa que Educación recúe, igual ca en Trabada, pensa que iso non é algo que se poida saber por adiantado. Fabio, en cambio, móllase e aventúrase a pensar que “si que podería pasar”. Aínda así, di, “aquí non menguamos, imos a máis, así que para uns poucos anos aínda imos tirando”.  As que han de salvar a Negueira do total despoboamento xa están aquí. Gañaron unha batalla pero, tristemente, non hai tregua."                     (Silvia López, Xornal Lugo, 09/10/19)

No hay comentarios: