10/10/19

O futuro dos pescadores artesanais galegos... máis de tres mil barcos á deriva

"A flota artesanal séntese discriminada. É sustentable segundo a maneira de traballar. O perigo está en que os prezos non son competitivos, como si son os da pesca industrial, e falar de vedas e reservas mariñas para recuperación de especies é complicado. De feito, esta flota considera os topes de capturas unha mala práctica e temen polo futuro de máis de tres mil barcos.

 A pesca artesanal é a que se fai con artes tradicionais que non teñen evoluído tecnoloxicamente de maneira destacable. Esta actividade é a que se fai perto da costa e economicamente en Galicia supón unha porcentaxe do PIB galego do 11% incluído o marisqueo en 2018, datos que aparecen no informe sobre a pesca en Galicia realizado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, mais o peso económico da pesca en Galicia está na flota de altura e na industria conserveira.

O sector vive nun momento en que non sabe se continuará a súa actividade de aquí a uns anos ou decenios. Un motivo desta situación sería a falta de man de obra. O interese de novas xeracións para pescar decae ante o escaso rendemento económico das capturas. Aínda así, considérase que a pesca artesanal é un factor clave no desenvolvemento de e vertebración territorial. Isto tradúcese en postos de traballo directos e indirectos dentro do sector onde está asentado.

A PESCA ARTESANAL


“Definir a pesca artesanal non é doado, mais eu diría que é  a arte en que incide directamente a man de obra” di Roberto Rodríguez de Artesáns da Pesca, organización sita en Ribeira. “Son respectuosas co medio e coas especies, con todo, tamén se pode dar o mal uso da arte de pesca e non ser sustentable, que é un requerimento da pesca artesanal”. Por outra parte, tamén segundo os medios, a diferencia coa pesca industrial, a potencia das embarcacións marcaría tamén unha diferenza notable entre as dúas concepcións pesqueiras. Os límites para “artes menores” son 16 metros de eslora e 225 cabalos de potencia.


“A pesca artesanal é unha pesca sustentable, unha pesca que crea emprego directo e indirecto, multiplicaríase a cantidade e calidade do peixe no mercado grazas a ela” di Pepe Rodríguez, patrón maior de Corcubión.
 
O factor determinante moitas veces é a man de obra abordo en artes menores, porque os aparellos ou as artes, a man de obra é imprescindible. Mais hoxe en día, ademais do escaso interese das novas xeracións para a actividade pesqueira, a concesión da licenza de mariñeiro é complicado. “Tes que ter un número elevado de cursillos que pagas do teu peto, hai xente que non ten ese diñeiro e non pode acceder á profesión” di Rodríguez, “o que non me parece correcto é que persoas que fixeron cursiños hai vinte anos e non fan reciclaxe”.


A sustentabilidade da pesca artesanal é un punto que a define, non obstante, hai momentos en que, como hai un ano e pico, houbo que parar a pesca de sardiña por falta de peixe” di Xandro García, do colectivo ecoloxista Verdegaia. A interpretación é que as artes menores, ou pesca artesanal, pode esquilmar recursos tamén, mais apúntase como un motivo a mala utilización desas artes cando diminúe o número de capturas. “Non é a que ten máis impacto medio ambiental e eu creo que si ten futuro” di García.

DEFENSA DA PESCA ARTESANAL


O número de embarcacións que traballan dentro deste tipo de pesca en Galicia, superan os 3.000 barcos. Todos eles vense influídos polos TAC (Tope Admisible de Capturas) que establece a UE para algunhas especies peláxicas. “A xarda está suxeita a un TAC, o arrastre en todo Cantábrico e Noroeste creo que non chega a 70 embarcacións agora mesmo e ten un terzo de cota de toda a xarda” apunta Roberto Rodríguez que sinala a contradicción de que “a flota artesanal, a máis numerosa e maior número de tripulantes, anda polas mesmas porcentaxes”.


Hai falta de interese en protexer esta flota? “Hai intereses económicos que non pensan en pequenas empresas, o que pedimos é un reparto máis xusto” di Pepe Domínguez. Os intereses económicos en pesca van desde a influencia de empresas pesqueiras ata as políticas pesqueiras nacionais e internacionais.
A necesidade de protexer a pesca artesanal tamén pasa por rebaixar a incidencia da pesca industrial. “A flota artesanal galega faena perto da costa e ademais, emprega moita xente, cada barco que sae pescar sardiña é unha empresa” di Xandro García, “e esa embarcación pequena deixa máis pegada social que un barco de altura onde o beneficio vai para un armador que ao mellor non ten saído nunca ao mar”.


A potencia e envergadura dos barcos de arrastre fronte aos artesanais, permite unha maior captura. Iso tradúcese na diminución dos bancos pesqueiros. “Para a provincia da Coruña tiña un tope de 300 quilogramos por semana de xarda, cos prezos que se pagan á pesca artesanal, con 300 kg non vives, ao mellor si con 500” di Rodríguez. Unha solución para os pescadores artesanais sería a eliminación de TAC. Ademais, a pesca artesanal é pasiva, é dicir, non se decide cando e onde ir pescar o día que se embarca, pois dependen das condicións metereolóxicas. Non así a pesca industrial que vai dirixida sexa cal for a condición do mar.

SELO DE CALIDADE


Sería posible que desde a política pesqueira común se aplicase unha sorte de discriminación positiva para a pesca artesanal? Existe un exemplo, os “under ten”, barcos británicos que non teñen cota cando o Reino Unido queda sen cota. En Galicia hai iniciativas aínda en primeiras fases, para recadar apoios para que a flota artesanal non se vexa afectada polas cotas. A isto sumarlle tamén os “descartes”, aquelas especies que non se van pescar e que deben ser devoltas ao mar. O descarte en tempos servía para a venda en B de peixe.


A colocación dun selo de calidade podería ser tamén un factor que axudase á pesca artesanal. “Hai unha iniciativa que é “Pesca de rías” que agora mesmo depende do que cada confraría entende como sustentable ou non sustentable” di Roberto Rodríguez. Para Rodríguez aplicar este tipo de selos debería ser máis específico “porque debería levar o nome de quen pescou, porque a maioría dos que compran a pesca son xente que nos coñece, esa é a garantía”.


“Para este tipo de pesca non estaría de máis un selo de calidade, a cuestión é que para aplicalos hai que chegar a acordos, iso pode levar tamén restriccións” di Xandro García. “Os selos de calidade benefician un produto, din que está capturado dunhas determinadas características”.

VEDA E RESERVAS MARIÑAS


As vedas son unha cuestión polémica porque supón parar a faena e non poder pescar, por tanto falta de ingresos. A súa aplicación pode ser un camiño para recuperar recursos, con todo, insistir na polémica que desatan ás veces.


Outro punto que se tratou para a preservación da materia prima para flota artesanal foi a creación de “reservas mariñas”, zonas acoutadas para preservar recursos pesqueiros onde aplican unha lexislación especial de cara a diminuír o traballo pesqueiro en áreas de alto valor pesqueiro e ecolóxico. En teoría son zonas protexidas para a reprodución e cría que permita a recuperacións dos recursos. “Estou a favor das reservas” di o patrón maior de Corcubión, Pepe Domínguez, “estou en contra das malas reservas que se fan cun único interese económico”. Domínguez menciona as reservas de Lira e Cedeira. “Costoulle á Xunta de Galicia tres millóns de euros a de Lira, son creadas con intereses económicos particulares e se a cousa non sae ben, deixan as confrarías empeñadas”.

A parte negativa que se lle ve ás reservas é que “aos que pescan con liña e anzó, aplícaselles a lexislación da reserva, mais os grandes arrastreiros poden pescar libremente a tres ou catro millas da reserva” di Domínguez. Sobre o reparto de capturas, Domínguez explica que “se de tres millóns de quilos de sardiña, un vai para o arrastre entre sesenta e setenta barcos no noroeste, outro millón o cerco que son 140 barcos e o millón que queda vai para toda a flota do Cantábrico-Noroeste, o 40% dese millón lévao só Cantabria e logo unha parte moi miuda Galicia” e todo isto “sendo 3.000 barcos en pesca artesanal, por que nos tratan así?”              (Moncho Mariño, Galicia Confidencial, 04/10/19)

No hay comentarios: