"Comprei o meu primeiro deshumidificador
en xaneiro de 2016. Lembro perfectamente a compra, o que me pasa con moi
poucos electrodomésticos dos que fun adquirindo co paso dos anos. Aquel
era un deshumidificador mini, polo prezo e polo tamaño. A pesar de todo
iso , creo que foi a vez que me sentín máis adulta en toda a miña
existencia.
O meu primeiro deshumidificador foi o gran fito do adulting
(moito máis que facer a miña primeira declaración da Renta!). Este
inverno merquei outro deshumidificador, moito máis caro, moito máis
grande e cun programa especial para secar a roupa (que é milagroso!). A
primeira vez que o acendín acabei compartindo un vídeo no chat de
Whatsapp familiar con todas as súas funcionalidades.
Ter o teu propio deshumidificador é un marcador de entrada na vida adulta, insisto, pero tamén un símbolo de galeguidade.
É a miña clara reflexión baseada nas miñas experiencias vitais (que
teñen un valor estatístico elevadísimo, seino). Lembro cando me mudei a
Madrid e atopei unhas misteriosas cuncas colgadas dos radiadores. Acabei
preguntando ás miñas compañeiras de piso que raio era aquelo. Eran
“humidificadores” dixéronme. A min parecéronme unha cousa marciana. A
elas sorprendeulles notablemente que nunca vira tal cousa antes. Pero…
quen precisa algo así no inverno galego?
Os deshumidificadores son unha sorte de constante nas casas galegas,
un electrodoméstico recorrente e que sempre atopas funcionando nalgunha
esquina. Seguramente, se decidísemos dar conversación falando deles, a
xente acabaría dando as súas historias e recomendacións sobre que
funcionalidades son as mellores que se poden ter. E posiblemente sería
fascinante descubrir cando chegaron a Galicia e como comezaron a
venderse, mensaxes de marketing mediante.
En Galicia amamos os nosos deshumidificadores e é un feito. Teño ata un estudio que o demostra.
Este verán, un portal de comparación de
prezos (idealo.es) fixo un deses estudios clicables sobre España e as
súas cousas. Analizaron as pautas de navegación dos españois para
determinar cales eran os seus electrodomésticos favoritos e fixo estatísticas por rexións. A única comunidade autónoma que profesou o seu amor polos deshumidificadores foi… Galicia!
Como sinalaban na nota de prensa “no Mediterráneo preocupa a calor e en
Galicia a humidade”.
Os deshumifidicadores son os electrodomésticos
máis buscados en Galicia, fronte aos que gañaban noutras comunidades
(Castela e León aposta polas campás extractoras, Canarias polas placas
de cociña, Madrid polos microondas e Murcia polas cafeteiras).
Por
suposto, decidida a completar estes datos con afán científico, decidín
analizar vía Google Trends as tendencias de busca online. Galicia é abrumadoramente a zona na que máis información se busca en España sobre deshumidificadores en Google. 100 é o valor da zona que máis buscas realiza: é o que logra Galicia, superando a Cantabria (87) e Asturias (80)." (Disquecool, 01/10/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario