"5 semanas de citas escénicas; 62 funcións en varios formatos; 38
espectáculos de sala, dos cales 9 foron estreas absolutas e 8 no país;
un 97,50% de ocupación nas 14 funcións celebradas no marco do Programa
de Sala e do ciclo OTNI; 8.648 espectadores nos 38 espectáculos de sala,
para un total de 16.273 participantes en tods as actividades.
Son cifras que verdadeiramente dan conta da potencia do Festival
Internacional Outono de Teatro de Carballo. Unha cita que pechou esta
28ª edición batendo a súa mellor marca de participantes, refrendándose
como o maior festival de teatro de Galicia.
Nesta edición, na que o FIOT puxo o foco no teatro social e subiu ao
escenario novas miradas sobre realidades como as violencia machistas, a
identidade sexual, a xenofobia ou a soidade, co obxectivo de interpelar
ao público, o festival obtivo a nota media máis alta da súa historia: un
4,44 sobre 5. Unha nota que, sen dúbida, sinala unha excelente acollida
da programación por parte das espectadoras e espectadores, que foron
partícipes das #MiradasFiot e a visión crítica e activa, comprometida e
comprensiva desde a butaca.
Xa sabedes que ademais a interacción do público é fundamental, e unha
parte fundamental é a votación final nas obras do Progama de Sala. Se
ben o festival obtivo a nota media máis alta da súa historia: un 4,44
sobre 5, o público púxolle a nota máis alta a Jauría, de Kamikaze
Producciones, baseada na transcrición das declaracións da demandante e
acusados do xuízo de La Manada. A obra, dirixida por Miguel del Arco,
acadou 4,68 sobre os 5 puntos de valoración
Tras Jauría, a obra máis destacada polo público no Programa de Sala foi a estrea absoluta de O electo, unha coprodución de Contraproducións, Focus e o propio FIOT, que obtivo unha puntuación media de 4,62 puntos. A peza La Golondrina, de LaZona, cun total de 4,61 puntos, completou o podio das tres pezas máis valoradas polas espectadoras e espectadores do Programa de Sala, que acadou un 4,34 de media no total das funcións.
As valoracións tamén lle serven á organización para saber o ben que
caen as propostas máis arriscadas como son as do programa OTNI (Obxecto
Teatral Non Identificado). A.K.A (Also Known As), de Flyhard
Produccions, recibiu un 4,83 sobre 5, por un 4,71 de Control Freak, de
Kulu Orr. Cifras que son proba de que Carballo está preparado para crear
vangarda.
A terceira liña de programación que contou coa valoración activa do
público foi o III Certame de Micro-escenas Metro Cadrado. O Premio do
Público nesta liña recaeu na peza Corazón, unha performance creada e
interpretada por Iria Sobrado nun posto do mercado municipal que obtivo
4,73 puntos; mentres que o Premio á Mellor Interpretación foi para
Arantxa Teus, quen deu corpo e voz á obra Sorpresa, de Enconarte
Producións, cunha valoración de 4,57 por parte do público de Carballo.
Expandindo as redes do FIOT
Ao fío do incremento da participación, o FIOT valora que a cultura
está chegando a máis públicos, sobre todo aos máis novos: a programación
do Teatro de Rúa sumou 1.195 espectadores; o certame de Teatro Lido
acadou o número de participantes máis alto da súa traxectoria, con 360
nenas e nenos concursantes; e o FiotEEN chegou a un total de 3.777 mozas
e mozos, unha cifra que dá conta tamén do compromiso do FIOT con
achegar as artes escénicas á xuventude a través de diversos formatos.
Ademais, este 2019 houbo 30 localizacións, os que se inclúen
diferentes espazos do Pazo da Cultura, catro centros de ensino, once
locais de hostalería, catro locais comercias e diversos espazos públicos
exteriores ou interiores.
Ademais, durante todo o mes de outubro tivo lugar unha nova edición
de Dalle un bocado ao FIOT. Esta iniciativa gastronómica promovida pola
Concellería de Promoción Económica desenvolveuse nun total de 12
establecementos hostaleiros, os cales acolleron 82 pequenas
intervencións teatrais para achegar as artes escénicas a toda a vila.
Así, con todos estes números, só nos queda sentir orgullo de contar
coa meirande oferta teatral de Galicia, artellada gracias ao traballo
das 22 persoas voluntarias, e da hostalería, e das axudas das
institucións e patrocinadores, como o Concello do Carballo (organizador
do Festival xunto á Asociación Cultural Telón e Aparte), a Deputación da
Coruña, a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), o Instituto
Nacional de Artes Escénicas y de la Música (INAEM), e a Fundación Luis
Calvo." (Qué pasa na costa, 15/11/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario