"O Colectivo Segredos de Pantón destaca pola súa inquedanza relacionada
co patrimonio cultural, natural e sociolóxico da contorna. Falamos con
Lucas Vázquez, un dos membros máis activos que vén de facer unha escolma
sobre estes seres propios da superstición galega.
O mes de novembro, tamén coñecido como o “mes de Santos” ou “mes dos
mortos”, ten deixado moita pegada na cultura e na oralidade popular
galega.
O caso é que a celebración de Santos inspirou a Lucas Vazquez, do colectivo Segredos de Pantón, para redactar unha breve
escolma de anotacións sobre meigas, demos e Santa Compaña incorporando
tamén acontecidos arredor destes seres mitolóxicos galegos.
Segundo nos comenta Vázquez, todo partiu da lectura do artigo “A crenza nas bruxas nunha comunidade rural galega: aldeas do concello de Pantón”, da autora Pilar Rodríguez Blanco, e do libro “Lendas e Tradicións da Ribeira Sacra: Vilar de Ortelle-Pantón”, da Asociación Xuvenil Estraloxos.
Tras documentarse con estas dúas obras, e contrastar información con
familiares e veciños/as de Pantón, decidiu elaborar un pequeno artigo
sobre o tema, sempre tomando como referencia xeográfica ao Concello de
Pantón.
A escolma non busca ser nada pretencioso e aos autores das obras
anteriores pareceulles ben a idea, tendo ademais a intención de que a
xente que teña acceso a este artigo poida contrastar e aportar tamén
máis información. A continuación reproducimos o escrito.
Meigas máis famosas e lugares de reunión
Pepa da Xila, a Cosma, a tía Marica, a Perfeita, a Sra. Anxelita, a
Sra. Pepa Cesteira, a Facunda, a Brigória, a Feliciana, a Perfeita e a
Pilar do Cubreiro.
-Monte da Escrita, entre as parroquias de Moreda, Toldaos e Pantón.
-Següín.
-Trasulfe, na parroquia de Santalla de Tuiriz.
-Fontao na parroquia de San Martiño de Tribás. Aquí estas meigas
nunha reunión foron quen de mover, segundo contan, a un home que estaba
nun fiandeiro a 4 quilómetros de distancia.
-No lugar dos Cancelos, na parroquia de Vilar de Ortelle.
– A Grixoá, aínda que este lugar estea en Carballedo, na parroquia de
Santo Estevo de Chouzán, na ribeira oposta de Marce, numerosas
historias de pantoneses afirman que foi un lugar moi soado de reunión de
meigas da contorna.
Lugares de meigas
Santa María de Tuiriz
Alí hai uns anos unha parella de irmáns dirixíanse camiñando cara a
súa casa nun dos barrios que forman a aldea. Era tarde baixa, cando de
súpeto viron unha luz vermella que os acompañaba sobrevoando arredor
deles. Pareceulles unha luz moi estraña, posto que a medida que eles
camiñaban a luz facíao tamén, non os abandonaba. A irmá díxolle ao irmán
“é unha bruxa! non lle asubíes que non nos vai deixar!”. Pero, ante a
curiosidade, asubiou, e a luz comezou a moverse máis rápido e a
baterlles na cara a ambos. Comezaron a andar máis rápido tratando de
chegar o antes posible á súa casa. Cando chegaron, entraron e a luz
abandonounos. Tiveron medo, pero nunca máis voltaron ver esa luz.
Goián
Os habitantes da aldea do Piñeiro de San Vicente de Castillón sempre afirmaron que houbera meigas en Goián.
Rechelo
Nesta aldea dicíase que tiñan algunha relación coas meigas. Así,
había unha que sobre todo facía volver tolos aos animais. Mesmo neste
lugar unha señora dicía sobre as meigas, “grandes pecados teñen que ter
esas bruxas!”.
A Míllara
Nela vivía unha meiga que viñera de Vilaquinte en Carballedo.
Toldaos
Lugar con sona polas súas meigas. Así cóntase a historia de dous
homes que ao tirarlle pedras ao cadelo dunha das meigas deste lugar
andiveron deambulando polos camiños toda a noite sen saber por onde
tiñan que ir. Tamén contaban como tiñan que atar unha vaca que se volvía
tola cando por diante da casa pasaba unha veciña de Toldaos con fama de
bruxa. Ao animal poñíanselle os pelos do lombo de punta e tiñan que
atala para que non se matara a golpes coas paredes.
Visións do demo e da Santa Compaña
En Marce contan que entre a casa do Conde e a do
Vila, foi visto varias veces coma un cura vestido de branco e quen
afirmaba velo dicían que era o mesmo demo.
En Balboa, no lugar da Avespeira, un señor antes de
alumar o día aparecéuselle un home de sombreiro, moi ben portado e
díxolle: “anda de día, que a noite é miña”. E cada vez ía medrando máis o
señor do sombreiro.
Na parroquia de Toldaos foi famosa a pantasma dunha
anciá vestida toda de negro, coma se dunha sombra se tratara, non se lle
vía nin cara nin as mans, tiña sempre colgada do seu brazo unha cesta.
Era tan sinistra a súa visión, nas escuras noites de Toldaos, que todo o
que con ela se topara corría sen parar.
En Santa María de Tuiriz viña un veciño de Sta.
María de Tuiriz camiñando cara a súa
casa en plena noite. Viña metido
nos seus pensamentos, sen luz polo carreiro que o levaba ata o seu
fogar. Cando de súpeto, comezou a ver unha luz branca que se dirixía
cara el; a medida que avanzaba, esa luz tamén o facía, e pronto se podía
insinuar que con ela camiñaba xente. O home estaba sorprendido, que era
aquilo? quen era aquela xente?. Cando chegaron á súa altura, apartouse
cara unha beira do carreiro para deixalos pasar. Non o saudaban, non
falaban, ían todos vestidos de branco con paso lento pero firme, sen
pausa. Unha vez pasaron ao seu carón, o veciño apurou o paso cara a súa
casa. Entrou pola porta e estaba súa muller, ela comentoulle: “ que che
pasou, estás pálido e traes o traxe cheo de cinsa!”. El respondeu:
“acabo de ver á Santa Compaña”.
Outros sucedidos
Pozo da Inquisición
No patio do priorato bieito de San Romao de Moreda cóntase que nos
tempos da Santa Inquisición tiraban neste pozo a tódalas meigas que eran
condenadas.
Casa de Valboa
Nunha modesta casa desta aldea de Vilar de Ortelle dicíase que estaba
encantada e que era cousa de bruxas. De noite as ventás e fiestras non
paraban de abrirse e pecharse. Un día un sancristán moi relixioso tentou
poñerlle remedio, e cada vez que rezaba paraba a música infernal pero
ao parar volvía comezar.
O “Torres de Eiré”
Nesta parroquia vivía un menciñeiro, o Torres, que curaba persoas e
animais sen ser nin médico nin veterinario curando moitas veces casos
outorgados ás meigas ou ao escuro.
Capela de Guende
Acoden ata alí xentes de moi lonxe para cumprir as ofertas e beber
auga da fonte, boa para as doenzas ocasionadas pola fada dos malos
espíritos.
Figueira do Castelo
Este lugar tiña unha relación co mundo escuro, ningún paxaro nin
animal comía as súas brebas que saían negras coma o demo. Así contaban a
historia dun rapaz que andivo a molestar ás bruxas e estas levárono ata
alí. E dicían que era o lugar máis desgraciado do mundo." (Xornal de Lemos, 08/11/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario