"A xefa de sección de Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora do
Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), Eva Maquieira, foi
cesada despois de criticar a través das redes sociais
as instrucións de hixiene e utilización de recursos ditadas polo
Servizo de Medicina Preventiva para evitar a propagación do coronavirus.
En concreto, o cesamento efectuouse este domingo, cando o xerente da
área Sanitaria, Julio García, reuniuse en persoa con esta facultativa
despois de que, segundo afrmasen a Europa Press fontes do Servizo Galego
de Saúde (Sergas), "se negase a acatar" as recomendacións sanitarias
para evitar a propagación do virus.
Ante esta situación, considerouse que "se rompeu a confianza" desta
persoa cara á dirección da Área Sanitaria, polo que "non pode exercer de
interlocutora" da mesma. Neste sentido, as mesmas fontes insistiron en
que esta medida non busca limitar a "liberdade de expresión".
Un post no facebook de
Eva Maquieira, responsábel de cirurxía Plástica, Reparadora e Estética
no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo, moi crítico coa xestión da
crise do coronavirus por parte dos responsábeis sanitarios, estendeuse
nas últimas horas polas redes sociais e situouse no epicentro da
polémica, ao afirmar unha familiar súa (tamén a través de FB), que esa
crítica é a que leva á “destitución” da profesional.
Eva Maquieira estaba este sábado de “illamento forzoso” na súa casa,
explicaba no FB, mentres agardaba polos resultados dun test de
coronavirus. Esta facultativa mostra a súa confianza total na sanidade
pública e nas súas profesionais e alaba a disposición e compromiso de
todas elas para combater o coronavirus.
"Sentín rabia e impotencia"
Mais, engade, “tamén sentín moita rabia e impotencia, recoñézoo.
Sobre todo ante a falta de liderado por parte dos mandos directivos da
Sanidade Galega (aqueles que traballan desde despachos mais non con
pacientes reais)”.
Afirma que “fun criticada e reprendida polos meus mandos superiores
por empregar máscaras cirúrxicas desde hai unha semana na miña
actividade diaria no hospital, sobre todo en curas e consulta, onde é
fisicamente imposíbel manter a tan pregoada distancia de 1 metro”.
"Tacháronme de irresponsábel"
“Tacháronme de irresponsábel por ir xerando alarmismo na poboación”,
escribe, para apontar que hai apenas unhas semanas, se tivesen contacto
cunha persoa que daba positivo “suporía por protocolo 14 días de
corentena (como cando se deu o primeiro caso en Urxencias hai 2
semanas)”.
“Reconcómeme a importencia ver como os meus compañeiros se afanan por
inventar proteccións con bolsas de plástico, con telas, gafas de buceo,
separadores de libretas... (...)”.
O post tivo un importante eco entre profesionais sanitarios da área
de Vigo, que trasladan a Eva Maquieira o seu apoio e solidariedade." (Nós, 23/03/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario