"Os Grupos de Apoio Mutuo (GAM)
naceron nos barrios coruñeses a raíz da chegada da COVID-19 a Galiza e a
declaración do estado de alarma. Esta rede de veciñas atende as
necesidades de familias vulnerábeis, promove o apoio ás comerciantes
locais ou fabrica e reparte máscaras ou gorros de tea para profesionais
sanitarias a través de distintos grupos de traballo.
Desde a súa porta en marcha, os GAM atenderon arredor de 5.000 veciñas e veciños do
concello herculino. Das súas actuacións dan conta a través dun
comunicado no que salientan que a pandemia "está a aumentar a situación
de precariedade de moitas familias". Este tecido de axuda mutua é a
resposta da cidadanía.
Nestas semanas de confinamento, as voluntarias atenderon as
necesidades alimentarias, de cueiros ou butano de case un centenar de
familias. Ao tempo, colaboran con máis de 55 estabelecementos comerciais locais, unha iniciativa para apoiar ás comerciantes e “evitar aglomeracións nos supermercados”.
Outra das súas actividades céntranse en procurar solucións ao
problema da vivenda para inquilinas con dificultades para pagar o
alugueiro. Se ben o Goberno español anunciou liñas de axuda para as
arrendatarias en condición vulnerábel pola COVID-19, os préstamos aínda
non foron pactados co Instituto de Crédito Oficial (o ICO) nin as liñas
de axudas dos Gobernos territoriais consensuadas coas correspondentes
Administracións.
Coser na casa
Un dos grupos dos GAM, Cose na Casa, está a traballar na confección
de máscaras caseiras de tea. Máis de 3.000 foron repartidas e entregadas
e entidades, residencias de maiores, comercios locais, farmacias ou
familias en situación vulnerábel. Ademais, teceron gorros para o persoal
sanitario do Complexo Hospitalario da Coruña.
A maiores, os GAM botou a andar iniciativas de "acompañamento
emocional" durante o acompañamento, que xa chegaron a máis de cen
persoas." (Nós, 30/04/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario