"A Consellaría de Sanidade diminuíu o número de traballadoras en
1.325 persoas e o número de camas en 970 a respecto de 2009”, detalla o
médico de Atención Primaria e portavoz da Plataforma en Defensa da
Sanidade Pública de Compostela Xosé Dios, que analiza nun estudo, ao que
tivo acceso Nós Diario, as políticas sanitarias do presidente
da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo. “Se ben nos últimos dous anos
aumentou o orzamento en sanidade, comparado con 2009 temos 1.000 millóns
de euros menos”, afirma o doutor.
O investimento sanitario na Galiza non supera o 9% do Produto
Interior Bruto (PIB) por primeira vez na historia, o diñeiro destinado
ao sistema público de saúde reduciuse arredor de 18% nos últimos 10 anos
e o gasto sanitario por habitante sitúase en 1.995 euros, unha contía
moi por baixo da media estatal e que coloca a Galiza detrás de
territorios como Estremadura, Castela León ou Murcia.
A baixada de fondos na sanidade pública é proporcional ao aumento de
transferencias á sanidade. Segundo Dios, “o gasto na privada aumentou
nun 10% de 2017 a 2018, pasando de 199 millóns de euros a 217 millóns”.
En alusión ás conexións do Partido Popular coa patronal da saúde
privada, o portavoz da plataforma destaca como “Rocío Mosquera, ex
conselleira de Sanidade, e antes directora dun dos hospitais privados de
Compostela, é nomeada responsábel de Galaria, a empresa de instrumental
que é a máis cara do sistema, nun movemento que busca que na compra
pública de aparellos innovadores se permita á industria privada quedar
coas patentes feitas con diñeiro público”.
As listas de agarda
“Cando se sobrepasan 45 días para unha proba diagnóstica ou para unha
primeira consulta e 60 días para unha intervención cirúrxica, o Sergas
deriva as doentes á privada e faise cargo do custo. 86 persoas
diariamente desde a entrada en vigor da Lei están sendo transferidas á
privada. Non teñen cartos para cumprir os seus prazos, pero si os teñen
para pagarlle á privada as doentes que elas mesmas derivan”, continúa
Dios.
As listas de agarda son o principal motivo de queixa entre as
pacientes do sistema sanitario galego. O tempo de espera converteuse nun
dos principais argumentos para pór en cuestión a eficacia do modelo
sanitario público e favorecer o negocio das clínicas privadas
subvencionadas, baixo o eufemismo do concerto. Porén, os números, aquí,
tamén son testáns até o punto de que o centro médico coas listas de
agarda máis altas da Galiza é Povisa, o hospital privado de Vigo,
asociado ao Sergas.
Se as xestoras non poñen persoal substituto, as doentes en Primaria
piden a cita, pero coas listas de espera tan longas, acaban por ir ás
urxencias, ao hospital ou aos Puntos de Atención Continuada (PAC), que
colapsan. A creación das Unidades de Xestión Integrada leva consigo a
desaparición das xerencias de Atención Primaria, co cal o
hospitalcentrismo é evidente e o problema de non poñer persoal
substituto repercute nas urxencias do hospital”.
A privatización do Sergas
“O presidente da Xunta actúa como un comercial dos laboratorios
farmacéuticos, das multinacionais tecnolóxicas, das empresas
informáticas e dos fondos de investimento, aos que está cedendo os
recursos estratéxicos do Sergas”, engade Dios. Pon como exemplo
paradigmático a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, cuxa
actuación provocou un incremento de máis do 120% na partida de gastos de
capital da Consellaría de Sanidade.
“O hospital de Vigo foi asignado a unha concesionaria integrada por
bancos rescatados con diñeiro público e construtoras en quebra e foi
financiado por entidades de investimento amigas e coa inxección de
fundos europeos, apoiados pola Xunta violando a lexislación
comunitaria”, afirma Dios, que tamén destaca como “boa parte da atención
hospitalaria de Vigo está xa en mans privadas, adxudicada ao centro
médico concertado Povisa, co que se renovou o concerto singular, malia
dispor de menos recursos que os hospitais públicos e malia duplicar a
lista de agarda cirúrxica da Galiza”.
O Goberno galego está entregando ao capital privado “os recursos
estratéxicos de apoio á atención sanitaria do Sergas”, manifesta Dios,
que no informe sinala a cesión do Laboratorio Central da Galiza ao grupo
sueco Unilabs-Capio; a xestión da historia clínica, da receita
electrónica e da central de chamadas a Indra, empresa ligada ás tramas
de financiamento irregular do PP, ou a cesión do programa “Saúde en
liña” ao fondo de investimentos Netaccede.
Represión contra as protestas
“Están tomando represalias e abrindo expedientes a xente que se está
significando nas denuncias de recortes sistemáticos e de falta de
material”, advirte Xosé Dios, que apunta á persecución da que son
vítimas ás traballadoras e traballadores comprometidos coa defensa da
sanidade pública." (Lucía Rodríguez, Nós, 28/04/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario