"A Consellaría de Educación vén de anunciar que retira a proposta realizada hai uns días ás universidades galegas
para levar a cabo unha rápida transformación do modelo de docencia, que
pasaría a ser online en boa parte dos contidos teóricos. O denominado 'Programa de transformación á docencia innovadora'
iniciaríase en fase piloto e voluntaria no curso 2020-21 e
xeneralizaríase no curso 2021-22, no que se implantaría este modelo na
maioría das titulacións de grao universitario impartidas polas
universidades galegas.
O proceso ía ser "coordinado e apoiado" pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), de tipo privado, e
sería supervisado academicamente pola Axencia para a Calidade do
Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Precisamente o papel outorgado
a esta fundación privada, conformada
por grandes empresas como Naturgy, Endesa, BBVA, La Voz de Galicia ou
Caixabank, Pescanova, ENCE ou Sabadell, foi un dos aspectos máis
críticados na proposta realizada polo Goberno galego. O sindicato
CIG-Ensino dixo, por exemplo, que o proxecto implicaba o "desmantelamento" da universidade pública de calidade en Galicia. Unha valoración semellante á realizada pola Asemblea de Investigadoras de Compostela.
A Xunta sinalou precisamente estas críticas como o motivo que a leva a retirar a proposta, sinalando que o fai "ante a utilización da iniciativa para a confrontación que están a facer determinados colectivos".
Nunha nota de prensa, a Consellaría de Educación sinala que a súa
proposta buscaba avanzar "nun ensino público universitario innovador e
de calidade" e que o modelo de docencia mixta (presencial e online) está
a ser implantado por "diversas universidades de todo o mundo".
Desde a Secretaría Xeral de Universidades "laméntase" que o
alumnado das universidades públicas galegas "perda esta oportunidade de
dispoñer de máis graos semipresenciais con docencia innovadora xa o
vindeiro curso". En calquera caso, as universidades que desexen
transformar algún título de grao á modalidade semipresencial poderán
facelo co calendario habitual deste proceso, que remata o 1 de agosto de
cada ano, e se implantaría no curso 2021/2022.
A pasada semana a
conselleira Carmen Pomar presidiu a reunión do grupo de traballo para a
posta en marcha desta iniciativa, con representación das propias
universidades, da ACSUG, de Feuga e do Sergas, distribuíndo un borrador
da proposta, que funcionaría como documento de traballo.
Na introdución do documento destacábase que o momento actual, no que as universidades levan dous meses funcionando online,
"semella o idóneo para, cara ao vindeiro curso 2020-21, dar un salto
inda maior que aproveite, estenda e consolide todo o labor formativo e
de emprego masivo de ferramentas informáticas de comunicación polo
profesorado universitario". Un argumento, o da oportunidade xerada pola pandemia, repetido este martes pola Consellaría,
que destacou que "o esforzo feito polas universidades galegas tras a
suspensión de clases presenciais para potenciar sistemas de avaliación
continua e exames finais en liña" podería ser a base para seguir
avanzando cara a semipresencialidade en determinados graos", de forma
voluntaria, engade.
Pola contra, tanto CIG-Ensino coma a Asemblea de Investigadoras de
Compostela como outros colectivos alertaban de que o programa buscaba
"desvirtuar o carácter presencial das nosas institucións, destruíndo a
relación entre os docentes e os estudantes e a vida universitaria entre o
estudantado" e, igualmente "restar espazo ás universidades
públicas, desfigurándoas". Así mesmo, sinalábase que a proposta da Xunta
"supón un ataque sen precedentes ao principio de equidade educativa,
pois profundaría nas desigualdades económicas e tecnolóxicas xa existentes e aumentaría a fenda social que percorre a nosa sociedade". (Marcos Pérez, Praza Pública, 26/05/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario