"BNG pide a nacionalización de Alcoa.
Ana Pontón compareceu para mostrar a “preocupación” das nacionalistas ante a noticia de que Alcoa pode fechar a planta de San Cibrao e despedir 500 traballadoras.
“Non podemos permitilo”, sinalou a portavoz do BNG, que propuxo a
intervención pública de Alcoa, “a súa nacionalización",, para “garantir
postos de traballo e produción nun sector estratéxico”.
A nacionalista sinalou que a nacionalización de sectores estratéxicos non é algo raro en Europa, lembrando que en Italia se fixo cunha empresa de aluminio e en Alemaña “Merkel, valedora do liberalismo” tamén deu o paso cunha compañía aérea.
Criticou que durante todo este tempo Xunta e Goberno español non
estivesen á altura e vaticinou que de se concretar a noticia do feche e
despedimentos íase producir un “pim pam pum” entre ambos os dous
partidos para se botar a culpa, “cando o que hai que facer é buscar
solucións”.
Ana Pontón indicou que de fechar, Alcoa debería devolver todas as
axudas públicas recibidas nestes máis de 20 anos e que ese diñeiro
debería ser investidas na creación de emprego.
Tarifa eléctrica galega
A nacionalista cualificou de “disparate” que nun país excedente na
produción de enerxía como é Galiza “estean en risco postos de traballo
polo custo da enerxía”.
Nesta liña, volveu poñer sobre a mesa a necesidade dunha tarifa eléctrica galega." (Nós, 28/05/20)
"Alcoa falou e fíxoo a través dun comunicado: a situación “insostíbel”
da planta de Aluminio de San Cibrao obríganlles, di a empresa, a
iniciar un período de consultas para un despido colectivo que afectaría até 534 traballadores.
“A compañía é consciente do posíbel impacto sobre os empregados e
propuxo abrir un período de consulta informal coa representación dos
traballadores, que terá unha duración aproximada de tres semanas, para
explicar a situación da planta, os retos aos que se enfronta e debater
sobre opcións e medidas”, indica a empresa.
A xuntanza de hoxe enmarcaríase nunha consulta informal para ir avanzando de cara ao período de consulta formal,
que ten uns prazos marcados e específicos. “Non se tomará ningunha
decisión ata que remate o período de consultas”, afirma a empresa.
A planta de produción de aluminio primario non é competitiva. Así o manifesta Alcoa, que fala de “problemas estruturais”, como os elevados custos de enerxía e baixos prezos do aluminio, ou a sobrecapacidade global deste produto.
O complexo industrial de San Cibrao está composto por unha planta de
aluminio e unha de alúmina, que empregan respectivamente a 633 e 510
persoas. “A reestruturación prevista na planta de aluminio prevé operar
só unha parte da fundición. A produción da planta de alúmina de San
Cibrao non se verá afectada por este período de consulta informal”.
A decisión era o que se temían desde hai tempo na Mariña. A xuntanza prodúcese tan só unhas semanas despois de que a multinacional anunciase que non ía reparar as cubas da fundición unha vez que estas chegaran á fin da súa vida útil, unha decisión que tivo un impacto inmediato na industria auxiliar da comarca." (Nós, 28/05/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario