"Dúas familias de usuarios da residencia de maiores de Aldán-Cangas presentaron este xoves unha querela criminal por “homicidio, lesións, abandono de incapaces e omisión do deber de socorro.
A acción foi exercitada contra GERIATROS S.A.U.,
GERIAVI S.A.U., e, en concreto, contra Josefina Fernández Miguélez,
(CEO de DomusVi España e administradora única de GERIATROS S.A.U.),
Laura Cancelo Álvarez (Directora do centro residencial DomusVi Cangas),
Berta Besada Porto (Xefa do Servicio de Inspección de Maiores,
Discapacidade e Dependencia da Xunta de Galicia) e Ildefonso de la Campa Montenegro (Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade).
A querela, presentada polo despacho Xoán Pérez-Lema Avogados, acusa a estes cargos de DomusVi e da Xunta de “imprudencia profesional grave”.
Así, recolle na relación de feitos que os familiares “durante máis de
dous meses foron reiteradamente obviados, tanto pola propia residencia
como pola Administración autonómica.
As querelantes son dúas familias. Unha tivo que rescatar a súa nai despois de 50 caídas no
centro e acabou levando para casa. A outra familia xa non tivo esa
oportunidade, a súa nai faleceu na residencia. Tanto estas dúas familias
así como numerosos familiares que están pendentes de exercitar as
accións xudiciais pertinentes, denuncian entre outros moitos feitos
graves, baixadas de peso de até 17 k nuns meses, cadros graves de
deshidratación, falla de limpeza e de hixiene, sobremedicación e
administración de medicamentos pautados para outros pacientes.
NUMEROSAS IRREGULARIDADES
Tamén denuncian falla de medidas de prevención e seguridade, desinformación en canto á situación clínica do seu familiar, falecementos inesperados e previsiblemente en soidade, abandono absoluto por parte da administración ou respostas evasivas por parte dos servizos de inspección. Os
familiares denunciaban hai uns días diante do centro a falta de medio
para atender aos usuarios pedían xustiza polas 37 mortes rexistradas.
Segundo un comunicado, a rede REDE destaca que a documentación presentada “ilustra unha xestión absolutamente neglixente, imprudente e errática”.
“O desamparo e abandono que durante este período sufriron tanto os
residentes coma os seus familiares é manifesto, fragrante e palpable,
sendo especialmente grave no caso dos residentes que están baixo a garda
e custodia do persoal do centro residencial, debendo ter en
consideración a especial vulnerabilidade e indefensión inherente a esta
situación de dependencia”.
Rede destaca que ao longo deste tempo, e malia o desgaste absoluto que estaban sufrindo, os familiares trataron non só de ser atendidos pola súa situación persoal, senón tamén de colaborar co centro
na atención xeneralizada dos residentes. “De forma reiterada fóronse
atopando cunha actitude de desidia, obviando ofrecementos para a entrega
de material sanitario, de voluntariado ou propostas de recollida de
radios e outros dispositivos para facérllelos chegar a persoas anciás
que viviron esta situación en soidade, desinformados e recibindo un mal
trato, institucionalizado en moitos casos, por parte das persoas das que
dependían por enteiro”, sinala." (Xornal de Vigo, 11/06/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario