"Sobraron
as advertencias, e faltaron medidas. A praga da avespa velutina ou
asiática é un feito en toda Galiza. A comarca de Pontevedra é unha das
máis afectadas pola súa presenza e raro é o concello que non sufra dos
seus estragos.
A falta de medios para a loitar contra ela posibilitou
unha expansión rápida e voraz que pon en perigo a vida da abella
autóctona e o traballo dos apicultores. Veciños e concellos unen forzas
contra o insecto invasor, mais recoñecen que están a perder a batalla.
Hai apenas uns días, o Concello de Pontevedra presentou un novidoso plan
para o rural, que tentará axilizar os procesos de eliminación de niños.
A idea non é outra que a creación dun grupo de voluntariado anti
velutina, formado por apicultores expertos e veciños de todas as
parroquias que axudarán á destrución dos niños dunha maneira rápida e
segura.
Non é un tema menor. A presenza do insecto é unha constante, por
iso, dende o goberno local xa se puxo á disposición dos pontevedreses
un número de teléfono especial (679 41 19 30) ao que se poderán enviar
mensaxes polo servizo de WhatsApp. Será o persoal do departamento
municipal de Medio Natural o que coordinará a actuación de retirada e se
porá en contacto co veciño que dea a alarma.
O concelleiro Alberto Oubiña, xunto co presidente dos comuneiros de Campañó, José María Domínguez, pediron
durante a presentación do plan a colaboración dos veciños para que se
suman á iniciativa. Tamén a todos os apicultores da zona para que se
unan ao grupo encarregado das retiradas dos niños.
Dende o 7 de xullo, data na que se puxo en marcha o grupo de
voluntarios, xa se retiraron dezasete niños, e a cifra de avistamentos
non para de aumentar. Agora mesmo, explican os apicultores, estase no
momento álxido da avespa asiática e queren lembrar que o insecto non é
máis perigoso do que a súa prima lonxana autóctona, nin máis violenta,
nin máis velenosa para as persoas; mais a súa presenza descontrolada,
podería levar á extinción da abella que coñecemos.
Na cidade do Lérez, o corpo de bombeiros colabora co 112 Galicia no
protocolo autonómico para a destrución de niños, o cal móstrase
ineficiente a hora de frear a praga. A cantidade é tan grande, que
moitos veciños denuncian que aínda que avisen, se non insisten repetidas
veces, o niño acaba por non retirarse. A Xunta ten contratada unha
empresa para esta actuación, e na teoría debería acudir a todas e cada
unha das chamadas; mais finalmente, nos concellos rurais, a maioría
acaba por recaer nos corpos de Protección Civil.
“É unha praga total”, sinala José Sanmartín, tenente
de alcalde de Barro. “A Xunta foi incapaz de conter o avance, polo que
ao final son os corpos de voluntarios, nos concellos pequenos, os que
acaban por retirar os niños”. No seu municipio, hai certo temor a que a
avespa asiática acabe por comer tamén os viñedos cando as abellas
comecen a escasear, como xa está pasando coas árbores frutais.
Ante tal
feito, o grupo de voluntarios Stop á vespa velutina de Barro,
xunto a apicultores do Concello de Portas, decidiron crear unha
asociación que englobe tamén toda a zona do Umia (Moraña, Caldas e
Cuntis) para loitar contra o insecto. A idea é frear a proliferación de
niños e nos próximos días esperan iniciar os pasos para constituírse
formalmente, despois de manter reunións cos colectivos locais de cada
municipio, ademais de buscar o apoio institucional de cada concello.
Polo pronto, en Barro, dende a casa consistorial editaranse dípticos con
información sobre o insecto, así como xa se creou unha páxina de
Facebook onde se vai informando e ofrecendo recomendacións para esta
loita. Por outra banda, a asociación nada en Barro tamén espera reunirse
coa Asociación Galega de Apicultores (AGA) para mostrar o seu apoio e
visto bon á futura asociación anti velutina.
En Cuntis, un dos concellos máis afectados pola praga, os niños e a
súa retirada son o pan de cada día. O corpo de Protección Civil local
retirou no que vai de ano máis de cen niños, e xa dende o ano pasado
avisan do incontrolábel da situación á que se chegou. No municipio
termal, a avespa asiática esténdese por todo o territorio, incluíndo
zonas de monte e boscosas de difícil acceso, con niños situados a máis
de vinte metros de altura. Nestes casos, as opcións para o seu
exterminio son poucas ou ningunha.
En Marín, outro exemplo de municipio sufridor da avespa, a cifra de
niños retirados ascende a setenta dende xaneiro. O concello móstrase
agradecido cos seus veciños a través de todas as chamadas de alerta que
recibe, que son as que posibilitan a localización exacta do refuxio dos
insectos." (Sermos Galiza, 24/07/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario