"O INE cifra máis mortes en Galicia; 643 identificadas e 76 máis sospeitosas só ata maio. Nos últimos días a Xunta incluíu once novos falecidos na súa lista oficial que morreron en novembro alegando "problemas informáticos" e realización de novos cómputos.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) descobriu unha cifra de mortes en Galicia con coronavirus maior que os datos oficiais, xa que só entre marzo e maio hai 643 defuncións identificadas --máis que os 619 falecidos notificados pola Consellería de Sanidade en toda a primeira onda--, ás que suman outras 76 sospeitosas.
O último morto da primeira onda tivo lugar o 10 de xuño, polo que o INE
non contabiliza os falecidos notificados e non notificados de Covid dos
40 días restantes. Curiosamente, nos últimos días, a Xunta foi
informando de novos mortos que non figuraban nas súas estatísticas
oficias, especialmente, falecidos procedentes de residencias de anciáns.
Segundo explica o INE na súa metodoloxía desta estatística publicada este xoves, os datos están elaborados con base aos certificados médicos de defunción.
Así, aplícanse as normas da Organización Mundial da Saúde (OMS) de
forma que os falecidos con coronavirus son aqueles nos que se
identificou que esa persoa tiña a patoloxía. Mentres, a categoría de
sospeitoso refírese a defuncións nas que non se puido identificar o
virus, "pero nas que o médico sospeitaba que o podía ter ao mostrar síntomas compatibles coa enfermidade".
Os datos oficiais ofrecidos por Sanidade fixa en 619 os mortos con
coronavirus rexistrados en Galicia na primeira onda entre marzo e o 10
de xuño. Posteriormente, a comunidade estivo case dous meses sen
falecidos.
Precisamente, na primeira onda da pandemia o líde do PP, Pablo Casado, foi moi crítico co Goberno de Sánchez e acusouno de "ocultar milleiros de mortes", ao non coincidir os datos do INE cos do Executivo central. O líder popular facía estas acusacións antes e durante a campaña do PP en Galicia. O propio Feijóo interviña na polémica asegurando que "non tiña datos para dicir que nas autonomías se escondan mortos".
NOVOS FALECIDOS
Nos últimos días, a Xunta elevou o cómputo oficial de mortos pola Covid, ao incluír na lista a falecidos procedentes de residencias de anciáns. Concretamente, o número total de novos mortos ascende xa a once. Así, o pasado 3 de decembro a Xunta informaba de catro falecidos da residencia de Vilalba que non estaban rexistrados con anterioridade. Atribuíu o erro a unha “incidencia informática”.
E este luns, 7 de decembro, o Goberno galego anunciaba que sete dos 16 mortos desa xornada faleceran, realmente, na segunda quincena de novembro. A xustificación da Xunta é que se comunican agora “logo de validarse que faleceran por covid-19“. Entre os mortos están tres homes de 92, 98 e 94 anos e catro mulleres de 98, 91, 85 e 93 anos." (Galicia Confidencial, 10/12/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario