A avoa de Helena fora ingresada semanas antes dos casos de
coronavirus debido ao alto nivel de azucre e a fortes dores abdominais. O
seu testemuño confirma o recollido na denuncia presentada en 2017 por unha traballadora desta residencia á que tivo acceso en exclusiva Nós Diario
e que daba conta da falta dunha alimentación axeitada e dun correcto
aseo das persoas usuarias debido á sobrecarga de traballo das
profesionais. Tamén ten relación co advertido xa pola CIG ese mesmo ano ante Inspección.
“Cando lle quitaron a saba á miña avoa para lle recoller os ouriños e
analizalos, non podía crer o que vía, semellaba unha muller das que
saen nas imaxes de Somalia, semellaba saída dunha guerra. Alucinei.
Fiquei perplexa”, relata Helena, ao outro lado do teléfono.
Os días en que a avoa estivo ingresada, acompañouna para lle dar o
xantar, “eu vía o que comía, facíao cunhas ganas horrorosas e iso non me
encaixaba co extremadamente delgada que estaba. Son consciente de que
os maiores adelgazan, mais non a ese nivel. Ademais, co que a vía comer,
era imposíbel que estivese así”.
Foi entón cando lle preguntou ao persoal médico se a súa avoa tiña
anemia. A resposta: falta de vitaminas, proteínas e ácido fólico.
“Preguntei se se debía á idade e respondéronme que non, que todo
apuntaba a que a alimentación non estaba a ser a axeitada”, sinala.
Cando lle deron a alta, Helena acompañou a avoa á residencia, “a
persoa que nos atendeu saudou a miña avoa toda cariñosa... todo un
paripé”. “Notaba que quería despacharme e solicitei falar coa
responsábel. Dixo que era ela”, afirma. Preguntoulle, con preocupación,
se a súa avoa estaba comendo, “respondeu que estupendamente, que
fenomenal, e foi entón cando lle pedín explicacións pola falta de
vitaminas, proteínas e ácido fólico”. “Contestou, visibelmente nerviosa,
que ela non era a profesional, que eu tiña que falar co médico, mais
que tiña tamén que saber que as persoas maiores adelgazan”, narra
Helena.
Máis dun mes á espera da chamada do médico da residencia
“Non ía mal encamiñada, cheiraba que algo non ía ben, de feito,
díxenlle á miña familia, isto ten un nome: abandono”, lembra. Máis de
mes e medio despois, Helena non recibiu a chamada prometida do médico.
“Necesito denunciar isto, tiñades que ver as fotos do antes e o despois
da miña avoa, unha muller que antes de entrar na residencia pesaba 70-80
kg”, di.
Á extremada delgadez súmase a falta de hidratación, “ten a pel
acartonada, mesmo a súa cara está chea de durezas”. Proba disto é a
cantidade de feces que ateigaban o seu intestino e que lle provocaron as
dores que acabaron con ela en Urxencias. As súas pernas presentaban
numerosos negróns. “Cando a acompañei no hospital fixen unha
videochamada coa miña familia e ninguén daba creto. A miña nai viu a
coxa da miña avoa e pensou que era o braciño. É todo ósos, pel sobre
pel”, salienta.
A Helena non lle sorprenden as informacións publicadas por Nós Diario
a respecto das condicións que sofren as persoas residentes deste centro
de maiores. Ela nunca puido ver os goteiros da medicación colgando das
lámpadas, as duchas oxidadas nin os colchóns completamente rachados,
“non nos permiten ir aos cuartos, nada de nada, nin sequera nolos
amosan”. Di que visitan as persoas usuarias, “no salón que teñen ao lado
da recepción”.
Despois de levala do hospital á residencia,
non voltou a vela. Ao pouco xurdiu o surto e non permitiron máis
visitas. Helena sente impotencia, “ten que estar a pasar un inferno aí
dentro”, conclúe.
A residencia de Salvaterra é de titularidade privada, mais conta con concertos coa Xunta da Galiza. O narrado por Helena repítese noutros centros de maiores privados,
que teñen no seu haber máis do 90% de falecementos coa Covid-19
relacionados con xeriátricos. O motivo, segundo os profesionais, a
maior precariedade de persoal das residencias privadas, pois as públicas
son máis esixentes cos estándares de persoal." (M. O., Nós, 13/11/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario